Centro de Documentación da AELG
Xeografía da ausencia - Da nosa lingua. Falar galego
Máiz Togores, Xosé María

Falar galego

Castelao en Sempre en Galiza di que "unha lingua é máis ca unha obra de arte; é matriz inesgotábel de obras de arte". Dende a miña modestia quero dicir que estou en total acordo con el. E dígoo coa experiencia do que naceu nun ambiente absolutamente castelán. Os meus recordos do galego limítanse as lecturas propias de Rosalía da xente preto de min -pero sempre con esa visión de pobriña muller e un tanto badoca por escribir en galego- e as conversas, moitas veces en castelán, cos veciños da aldea.
O concepto do galego que me chegou a min é o dunha lingua vulgar, rural, pobre e a piques de morrer. Só a falaban aqueles que non querían saír do ostracismo dos campesiños. O moderno era falarmos castelán. Daquela, o seiscientos e o galego non podían avirse. Inda teño que escoitar eu comentarios case aldraxantes pola tolemia -segundo algúns- de estudar eu galego e intentar escribilo o máis axeitado posíbel. Non entenden que as linguas son uns vehículos de comunicación fermosísimos, e que a morte dunha delas supon unha perda irreparábel. Eu síntome feliz e venturoso cando escoito a miña lingua materna, tamén é certo que ¡so ocorre de Pascuas en Ramos aquí, en Madrid. A maioría dos galegos que se achegan a Madrid falan un castelán "aghalegado", o coñecido como castrapo. Pouco podemos aprender nós.
Goethe dixo:

¡Oh, voz doce! benvido, lene acento
da lingua materna, nun país estranxeiro.

Teño unha anécdota moi axeitada á ocasión.
Nunha xuntanza desas de galegos castelanizados a alguén ocorréuselle comentar unha frase do daquela deostado, por algúns, Castelao. O ton xa era mexeriqueiro, cando nos espetou:
-Escoitade, e non di ese babeco que o galego - Castelao dixera o noso idioma- é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo. Había que correrlle a ghorrazos. Comparar o galego cunha obra milenaria e... bla, bla, bla...
Lembro que un tío meu me fitou durante uns segundos e díxome cos ollos:
-Este home, moita medicina de Deus, pero non entendeu nadiña do dito polo seu colega.
Certo era que coñecía moi ben a teoría da metáfora, pero a práctica...
Cando un se mergulla no galego, séntese un pracer inesquecíbel e vexo en soños as árbores da miña infancia que tornan a se ergueren no meu derredor cheas de xúbilo e ledicia.