NA PRAZA DO
TOURAL
Nesta mañanciña
Santiago cheira moi ben.
Cheira a avelaíñas
nun camiño de estrelas,
e a primavera
de augas senlleiras;
cheira ó bautismo
do sacro incenso
e a un ventiño fresco
cheo de augas quedas.
Coma un destro artesán,
a man deste vento
brune o silencio
das rúas orballadas,
e a súa tea de liño
recendos de cinsa
no aire espoldrexa.
¡Vetustas campás do ceo
tanxen sinfonías de pedra!
Santiago,
lévote na vermella candea
do meu pensamento,
lévote na memoria rubia
que cura de contino
a dor do meu sangrar.
Santiago,
son coma un esmoleiro
espallado de melancolía
que recolle neste santo lugar
un feixe de gardenias
e unha seitura de viva paz.