Centro de Documentación da AELG
Cinzas ó serán (inédito) - Vexo unha lúa descoñecida...
Máiz Togores, Xosé María

 

Vexo unha lúa descoñecida
que medra derriba de min
ateigada de mans infindas.
Vexo as miñas feridas
procurando na noite
a calor dunha lareira.
Vexo a música da feira
que acariña docemente
unha afastada parella.
Vexo o son dunhas verbas
cinguíndome moi pretiño
co sabor dondo dunha aperta.
Vexo o pulo da nosa terra
que é o fogar primeiro
das almas en corentena.
Vexo a xente da aldea
que dorme moi quediño
nun leito de flores vermellas.