Centro de Documentación da AELG
Linguaxes - Á luz dos sentimentos (íntegro)
Neira López, Xoán

                                                                            Á miña compañeira Anxeles

Cólleme da man compañeira
que me treme o corazón nesta vida angustiosa.
Axúdame a  atravesar a selva de asfalto
que me atormenta os sentidos,
eses fríos alfinetes que me feren
torturándome as entrañas.


Perdido na confusión, fico sen folgos
-asfíxiame a nosa propia ausencia-
neste cosmos caótico e trastornado
que ameaza rebentar o sol en mil anacos
e amosanos a cara escura da lúa branca.

Cólleme da man, aperta forte compañeira
para recuperarmos a calor da pel e da palabra.
Algún mencer tentamos regresar,
orientármonos
cara o tempo e o lugar
das verbas sinxelas e cotiás
dos sorrisos e os contos compartidos
como cando empurrabamos o medo
fóra do corazón da casa
abeirándonos nos cuartos quentes da noite
(pero só permanecemos unhas horas,
perdemos o perfume doutros días).

Agora a viaxe, amiga, resulta enredada
foinos cercando a multitude,
os heroes que habitan o abismo.

…Quedan fíos de tenrura esquecidos nos recantos
para salvarnos do naufraxio derradeiro.

Xuntemos, miña amiga,
a mirada das pupilas acendidas.

Xa é hora, compañeira
de arredar o rancor que envelena o ar
e deixármonos levar, sen receos,
pola senda da luz dos sentimentos
que aínda aniña no corazón do ser humano.


                                                               2001