Aos mariñeiros de Muxía
Xavier Seoane
Non constrúas,
mar,
a cinza
cos nosos soños.
Tiñamos
unha pequena casa
á beira das túas ondas,
que gardaba a memoria dos avós.
E era dozura nosa
amar a risa alegre das escumas,
a beleza do día
na curva lúa azul das plumas das gaivotas.
Pero un vento de usura e de mentira
arrebolando arroaces desnortados
e aves frías e mortas
matou o noso soño.
E agora un corvo negro
chegado dos confíns máis cegos do horizonte
chapuza de carraxe nos nosos corazóns
como a lingua visgosa dun destino de sombras.