A xeración "Nós" foi, posiblemente,
a máis senlleira das xeracións galegas, a que deu a Galicia, o grupo
de xente máis cumprida que endexamais traballara por esta terra, este
pobo e esta cultura. Se Rosalía, Curros e Pondal forman a trindade dos
grandes poetas, Castelao quedou para sempre coma o símbolo de Galicia,
Vicente Risco como o primeiro gran teórico do nacionalismo galego e
Otero Pedrayo coma a figura intelectual máis titánica que produciu
esta Terra; ó seu lado, Florentino Cuevillas era "o arqueólogo e
historiador da raza" e Ramón Cabanillas o "poeta da
raza". Só lles faltaba un mártir, e ese foi Alexandre Bóveda.
Sen dúbida, foi unha época de esplendor
creativo para Galicia. Por iso, como escribiu Chao Rego, "hoxe
constitúen non só obrigado, senón aínda máis, devoto punto de
referencia para aqueles que queiran enrolarse na ringleira dos bos e
xenerosos" (35). Ou, como escribiu Carlos Baliñas, "por eles
tamén nós somos nós" (36).
Os catro persoeiros máis significados da
xeración "Nós" son, sen dúbida, Castelao, Otero, Risco e
Cuevillas. Pero tamén forman parte deste senlleiro grupo que traballou
non só en Nós, senón tamén en A Nosa Terra e tódolos
espacios culturais e políticos que puideron acadar neses benditos anos
20-30, Ramón Cabanillas, algo máis vello, Antón Losada Diéguez o seu
mentor e quen "os trouxo ó rego", Antón Vilar Ponte e
Vicente Viqueira. Máis novos, pero vencellados a eles están tamén
Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo e Alexandre Bóveda. A todos compre
metelos neste gran grupo dos cristiáns galeguistas, pois, cada un ó
seu xeito, mantiveron na súa vida a dobre opción de cristiáns e
galeguistas.
1. Ramón Cabanillas (1876-1959)
Non fai
falla dicir xa que Ramón Cabanillas é unha figura de importancia
capital dentro da nosa literatura, particularmente no eido da poesía.
"O poeta da raza", chamábanlle os seus compañeiros de
xeración. Un "poeta total", chámalle Carballo Calero, dos
máis fecundos da literatura galega; abrangue a poesía lírica,
narrativa e dramática, os temas amorosos, sociais e relixiosos.
Destacan entre os seus libros: No desterro, Vento mareiro,
e o impresionante Da terra asoballada; tamén Na noite
estrelecida,... e o derradeiro, de carácter totalmente relixioso, Samos,
dedicado ó mosteiro dos benedictinos e á vida monacal. Non compre
falar tampouco do compromiso nacionalista de Cabanillas, que foi un dos
primeiros en adscribirse ás Irmandades da Fala, e sempre fixo causa
nacionalista toda súa vida, aínda que non fora tan activista político
coma outros amigos seus.
Fora seminarista en Compostela e sempre mantivo
unha fonda vivencia relixiosa. Mesmo ingresou na Real Academia Galega
xuntamente co crego Antonio Rey Soto e quixo ser enterrado co hábito
franciscano. Foi Basilio Alvarez un dos que o empuxou a compoñer
poesía, o que prologou o seu primeiro libro de poemas, e o que o meteu
polos camiños do compromiso social na causa agrarista. Basilio Alvarez
saúdao coma sucesor de Curros; pero Cabanillas, que ten moitos puntos
en común co outro gran poeta, sobre todo na súa poesía cívica
anticaciquil, mantense sempre máis claramente no campo relixioso
católico. E por iso, nun poema adicado a Curros ("Curros
Enriquez"), Cabanillas imaxina que ó final, de acordo coa Virxe do
Cristal, os anxos: "ao autor das triadas fungadoras/ queiras ou
non metérono no ceo".
"Xa no primeiro libro de Cabanillas vaise apontando un
elemento de sinxela piedade que no noso poeta ten unha
importancia fundamental, que representa unha auténtica vivencia
persoal" (37) |
En efecto,
Cabanillas é un poeta fondamente relixioso, e a súa obra está plagada
de versos fondamente tinguidos de relixiosidade, de poemas expresamente
relixiosos e mesmo de oracións. Así, nun libro tan combativo como Da
Terra asoballada atopamos poemas coma "O Noso Señor
Santiago":
"O do
bordón, das cunchas e da estrela,
Patrón da Terra nosa, aloumiñado
de saudosa paz, no esgrevio estrado
da enxebre catedral de Compostela.
Así te adoura nosa fe sinxela:
no teu trono de prata encadeirado,
a man a benzoar, asosegado,
esquecido das loitas de Castela". |
É
particularmente en todo o poemario Samos, onde a vena relixiosa
do poeta se manifesta máis claramente cristiá e aínda católica,
acollendo fondamente e respectando a riqueza da simbólica do
catolicismo e do seu dogma. Mesmo chega, ás veces, a unha
significación mística. O libro manifesta unha formación relixiosa
tradicional, que non é nun leigo. Alí podemos atopar versos cultos e
sinxelamente relixiosos, coma os do longo poema "Do abrente ó
serán", dos que entresacamos estes:
"Mediamañán,
conmóvese a abadía:
a campaña voltexa
e nos craustros, nas celdas e na eirexa
vai e ven un rumor de Epifanía.
É a misa conventual, o diamantino
eixo en que roda a vida do mosteiro
no degorado, místico roteiro
de interior perfeución, vaso mirrino
de arumado, eucarístico resolio,
neutar espiritual benedictino.
No presbiterio, subrimado solio,
o altar do Sacrificio
é un recuncho do ceo...
A misa encomenzou. Un sentimento
de traslevo homildoso e de piedade
mergulla os corazóns na claridade
de rendido, interior recollimento...
Nos litúrxicos ritos o sentido,
a mirada no altar do presbiterio,
o pobo vai seguindo, conmovido,
o drama eterno, o redentor Misterio:
O Sanctus en que o coro exulta e canta
ó Dios de Sebaoth todo potente,
a presencia de Cristo na hostia santa..." |
Ramón
Cabanillas ten tamén varios poemas de sinxela relixiosidade popular,
como esta fermosa "Pregaria", feita desde a realidade galega:
"Bendice a
choza labrega,
o millo, a viña, o centeio,
e o fume que sube ao ceu
coma orazón do fogar;
e trae a porto seguro
a dorna que está no escuro,
luitando co leste duro
sobre as ondas do mar.
Dóanos días tranquilos,
e de paz, e de sosego,
no saudoso chao galego
onde viñemos nacer,
aplastando para sempre
a roxa serpe da guerra,
que leva lonxe da Terra
nosos fillos a morrer (...)" |
Ou esta outra
"Oración":
"Señor, que
baixo o teu manto
nenos mozos e vellos
sigamos os teus consellos,
camiño da eterna Luz;
e que a túa mao divina
aparte de nós a guerra
e asente a paz sobre a terra
á sombra sacra da cruz (...)" |
Rematar, tan
só, cos versos dunha versión orixinal que fixo dunha famosa canción
relixiosa inglesa, que tivo moita acollida nas igrexas ... en castelán:
"Preto de ti
vivir quero, Señor,
anque deba sofrir na cruz da dor:
ledo no sofrimento hei de cantar así:
"Máis preto, si, máis preto, meu Deus de ti (...)
Pois todo sai do teu amor de de pai,
o camiño acharei que ao ceo vai
e vendo o seu claror, dirame todo aquí
que teño de ir máis preto, meu Deus, de ti". |
2. Antón Losada Diéguez (1884-1929)
"Imos
facer un libro sobre Lousada, que ha ser encuadernado en ouro, ilustrado
por min para os amigos". Así conta Otero Pedrayo, no Libro dos
amigos, que lle dixera Castelao nunha ocasión. A pesar da súa gran
influencia nos galeguistas do seu tempo, apenas escribiu, porque, como
conta Otero no libro citado, "foi lóxico que apenas escribira nada
quen alentaba con tan calmo e constante entusiasmo na actualidade".
Carballo Calero fala do seu labor "socrático". Foi dos que
animaba a e movía a "facer", sabendo abrir horizontes na
xente.
Foi, sen dúbida, un home clave no galeguismo
nacente. A el corresponde o mérito de gañar para a causa nacionalista
a Risco, Otero e Cuevillas. Por iso, Francisco Fernández del Riego
chámao "recreador da conciencia galega na xente moza" e Otero
recoñéceo coma "apóstolo de xuventudes". O seu nacionalismo
parece fora de dúbida, como confesaron repetidamente os seus achegados,
sobre todo os homes da revista Nós; nela recollían postumamente
algúns textos seus espallados, entre os que atopamos expresións coma
estas:
"O nacionalismo
galego, diante dos problemas de Galicia, proclama a
personalidade xeográfica, histórica e espiritual da nosa
Terra, e significa para a ela autonomía en todos os ordes"
(38) |
O seu fillo,
Xoaquín Losada xesuita e profesor na Universidade de Comillas,
recordaba o nacionalismo do seu pai desde as páxinas de Encrucillada,
con ocasión do ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas. E
traía un bo feixe de textos que apoiaban isto. Como aquela alocución
"Os católicos e rexionalistas":
"O ideal
rexionalista únenos ... Cando se loita por unha nai, no se
pregunta de onde veñen os que axudan, e agora estamos a loitar
por Galicia ... é preciso que os católicos fagamos constar a
nosa protesta contra a política desprestixiada, chea de
inxusticias por moi conservadora que sexa...
"Benaventurados os que teñen fame e sede de xusticia"
dixo o Señor, e famentos de xusticia estamos os galegos"
(39) |
No texto aparece
xa claramente non só este amor á terra, que o levou a embarcarse no
carro galeguista e nacionalista, e mesmo a embarcar a outros como xa se
apuntou, senón tamén a súa confesión de fe cristiá, e mesmo de
home de Igrexa. O seu fillo apunta que esta crencia víñalle de neno e
tamén dos estudios cos xesuítas na Universidade de Deusto. Deles
colleu o mellor e deixou o peor, que era u seu integrismo intransixente
deses anos. A súa confesión de fe faise impresionante nunha nunhas
liñas escritas do seu puño e letra pouco antes de que o cancro
rematase coa súa vida:
"Que mis hijos
lean y afirmen, sobre todo lo que he escrito como materias de
religión y política. Que se convenzan de que el primer ideal
del hombre es ideal religioso, concretado en la vida, pasión y
muerte de nuestro Señor Jesucristo y en la Iglesia Católica.
Que trabajen mis hijos por Galicia ... que sean hombres
religiosos y patriotas" (40). |
3. Antón Vilar Ponte (1881-1936) e Ramón Vilar Ponte (1890-1953)
Se Losada
era un home de talante máis ben conservador, aínda que nacionalista, ANTÓN
VILAR PONTE foi, desde sempre un hombre progresista e de esquerdas,
da esquerda republicana e obreirista. Esta foi a súa primeira opción
política, mesmo anterior á nacionalista. Pero rematou, como tódolos
bos galegos do seu tempo, no carro nacionalista, e morreu coma deputado
nacionalista do Partido Galeguista, sen chegar a disfroitar do trunfo do
Estatuto Galego.
A súa dobre vocación foi a xornalística e a
política. En razón da primeira traballou en numerosos xornais e
revistas galegos, españois e da emigración; desde os seus comezos en Nueva
Brisa, semanario republicano do seu Viveiro natal, El Combate,
Tierra Gallega e La Voz de Galicia, ata o seu importante
traballo no xornal nacionalista A Nosa Terra, órgano das
"Irmandades da Fala", das que fora o seu creador xunto con
outro feixe de bos galegos en Maio de 1916, datos ben coñecidos. Pola
súa vocación política militou nas filas republicanas, primeiro na
Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) un partido
federalista e republicano que tiña nas súas filas unha relativa
abundancia de católicos, como recoñece Francisco Carballo (41) e logo no
Partido Galeguista, sendo deputado nas dúas formacións políticas.
Froito desta dobre vocación xornalística e política naceu Pensamento
e sementeira, que recolle os seus afervoados artigos nacionalistas:
"Quen non sinta o nacionalismo,
será rexionalista por especializar os asuntos de orde universal
práctico dunha parte de España, pero non fará nada por erguer da lama
e da escravitude moral á Nosa Terra... O nacionalismo non se discute,
ou se sinte, ou se rechaza. E eu asegúrovos que ningún galego de alma
libre pode deixar de ser nacionalista se afonda na súa conciencia e na
conciencia do seu pobo" (42) |
Pero Antón Vilar Ponte foi tamén un
home fonda e expresamente cristián. Xa liamos máis arriba algunhas
verbas do seu discurso laudatorio dun home nas antípodas do seu ideario
político, o bispo Lago González, a quen respectaba coma persoa e coma
bo galego; foi o seu sucesor na cadeira que ocupou o bispo galeguista na
Real Academia Galega. Daquel discurso de ingreso na Academia, aínda
entresacamos algunhas verbas máis que manifestan esta fonda
relixiosidade:
"A súa vida foi exemplar, a súa
morte foi máis edificante aínda para Galicia... Aquela alma branca
acugulada de virtudes, ateigada de recendos de santidade, chea de amor
á terra onde tivo nacencia" (43) |
No mesmo discurso, ten outra frase ben
definitoria dun talante relixioso: "O verdadeiro superhome ten para
min o seu arquetipo en Francisco de Asís e non en Zaratustra".
Esta relixiosidade manifesta en moitos lugares máis, como outro artigo
recollido en Pensamento e sementeira titulado "A lingua das
oracións", que traio máis amplamente a estas páxinas pola
importancia no contexto do que estamos a facer, como valoración da
importancia da relixión na cultura galega e a alma do pobo, e tamén
nunha interpretación ampla como confesión relixiosa dun nacionalista
de esquerdas, que non precisou renegar da súa fe, aínda que vira as
contradiccións da Igrexa da que formaba parte. Como di noutros artigos
do mesmo libro: "El enorme yerro del clero gallego" e
"Una serena lección que nos sugiere la actualidad". Pero vede
o que escribiu sobre as oracións:
"O feito de que os galegos, aínda
que nunca empregan outro idioma que o que lles dou natura nas horas do
traballo, das festas e do fogar, na cousa máis epiritualmente íntima
da vida, que é a oración relixiosa, áchanse pillados pola pouta de
unha hexemonía idiomática estrana que magoa as esencias máis puras da
súa alma.
E iste é un problema serio de abondo que percisamos resolver cantos
vimos preiteando rexamente polo cultivo da lingua materna. Para os
crentes é un asunto de verdadeira trascendenza. Un pobo que rece no seu
idioma, aínda que deixe de empregalo en tódalas outras ocasións da
vida, poderá ir ó recobro do mesmo de xeito máis doado que aquel que
o fale a cotío en toda ocasión agás no rezo... Non hai
incompatibilidade entre a nosa lingua e as oracións relixiosas.
Ora percísase divulgar estas e crear outras capaces de seren
vitalizadas con indulxencia da Igrexa. Percísase tamén que tódolos
verdadeiros galeguistas que sexan crentes lles fagan deprender ós seus
fillos, sobriños e irmáns pequenos rezos enxebres, aínda que para o
demáis empreguen o castelán. Porque conquerida esa suprema intimidade
das almas para a lingua materna, desbotado o idioma usurpador da máis
fertil leira do esprito de cada galego, o outro virá por engádega. O
horto do corazón agarda a mellor semente". |
O seu irmán RAMON VILAR PONTE sempre
manifestou un notorio e fervente catolicismo, o que lle valeu non pouco
para salvar a vida nos primeiros tempos da represión política desatada
co comezo da Guerra Civil; aínda que non se librou das represalias
profesionais e civís de todo tipo, pois fora un dos homes máis
destacados do nacionalismo.
Irmán menor de Antón, a súa figura foi escurecida inxustamente pola
meirande dimensión pública do seu irmán. Sen embargo, home de
conviccións galeguistas, republicanas e democráticas desde os seus
comezos, concibiu a idea das Irmandades antes que Antón, o que confesa
este mesmo, e foi sempre nelas un destacado dirixente. Licenciado en
Letras e tamén con vocación periodística, foi o gran sistematizador
da teoría do nacionalismo galego, xunto con Risco; compre poñer ó
lado da súa Teoría do nazonalismo galego a obra de Ramón Vilar Ponte
Doctrina Nazonalista, e tamén escribiu O sentimento nazonalista e o
internazonalismo e moitas cousa máis.
A pesar da súa dereitización ideolóxica como consecuencia da
crispación social e política dos últimos tempos da República, e
aínda que lle disgustara o pacto do Partido Galeguista coa Esquerda
Republicana e a entrada na Fronte Popular, non abandonou nunca os seus
presupostos galeguistas e a súa aposta pola necesaria unidade do
nacionalismo galego, como chegou a facer Risco.
4. Ramón Otero Pedrayo (1888-1976)
"Abrazarte a ti e abrazar a
Galicia" (Castelao).
"Ninguén nos ten dado unha imaxe de
Galicia tan completa como Otero Pedrayo... Era un gran escritor, un gran
cabaleiro e un gran home" (Carballo Calero).
"O símbolo máximo da realidade
galega" (Ramón Piñeiro).
"Quizaves un tan nobre carballo só
se da unha vez na vida dunha nación" (Cunqueiro).
"Andar pola obra de D. Ramón é
andar pola ialma do pobo galego, sentila fondamente e sofrir con ela,
como sofriron Rosalía, Curros e Castelao" (Manuel María).
|
Otero Pedrayo é unha figura realmente
titánica, inxusta e estúpidamente minusvalorada polos nacionalistas
dos anos 60-70 por un sector numericamente importante deles porque era
"de dereitas" e non estivera no cárcere franquista nin tivera
que emigrar, aínda que fora represaliado académica e laboralmente pola
súa profesión de fe galeguista e por ter sido deputado nacionalista na
República. Pero foi definitivamente rehabilitado e valorado, pola
cultura oficial e pola outra, no ano do seu centenario (1988), declarado
con xustiza "Ano de Otero Pedrayo", ademais de dedicárselle o
Día das Letras Galegas. Nese ano houbo ocasión para recoñecer a súa
talla humana, científica e creadora sempre a prol de Galicia, da
cultura e da xente desta Terra. Aínda que xa de moito antes tiñamos
manifestacións como as que encabezaban este apartado (44).
Noutro lugar escribín que Otero Pedrayo é unha das figura máis
grandes na historia de Galicia non só pola súa obra material, senón
tamén pola súa personalidade a humanidade, home coherente toda súa
vida coa verdade que un día descubriu. O seu paso polos traballos nos
que andivo metido así o manifestan claramente: Irmandades da Fala, Nós,
Logos, A Nosa Terra e ducias de revistas e xornais nos que
colaborou; libros de historia, xeografía, novela, teatro, ...; membro
da Real Academia Galega e do Seminario de Estudos Galegos, deputado
nacionalista por Ourense polo Partido Nazonalista Republicán e logo no
Partido Galeguista, presencia de Galicia na Universidade, fundador de
Galaxia, etc.
O seu galeguismo foi o resultado dunha entrega total e incondicional á
realidade galega, poñendo á súa disposición todo o seu valer.
"Un galeguismo visceral", como recoñeceu García Sabell (45). El
ten a obra escrita máis copiosa de toda historia galega, e a maior
parte en galego: unha ducia de novelas (entre as que destaca a ambiciosa
Os camiños da vida; e no aspecto relixioso Fra Vernero e La vocación
de Adrián Silva, aínda que as máis impresionantes son as páxinas
sobre o crego Don Bernaldo en Arredor de si) e un par de libros de
contos, media ducia de obras de teatro, máis de trinta libros de
ensaios e artigos e ata un libro de poemas.
É abondo coñecido que este gran galego foi tamén un gran cristián.
"Un cristián e un galego como a poucos se lles poden dar estes
apelativos xuntos escribín noutro lugar... Un verdadeiro humanista e
crente que, sen esquece-la transcendencia do único Absoluto, soubo
ve-lo absoluto do home, e toda a súa vida foi unha entrega a esa fe...
Vivida cunha ledicia que lle viña do seu espírito franciscano". O
bispo Araújo chegou a dicir:
"A nota esencial de Don Ramón é a
relixiosidade; relixiosidade fondamente sentida, fecundante da súa
caudalosa obra literaria, vivida coa vontade trascendente para a vida do
seu espírito: o seu amor a Galicia e aos homes desta terra" (46) |
Con razón o cualificaban en Logos de
"a máis rexa personalidade leiga do catolicismo galego" (47).
Crente de fe fonda e sinxela a un tempo, popular e ilustrada. A fe dun
labrego de Trasalba, e ó mesmo tempo a formación teolóxica e a
capacidade de análise dun teólogo, como abondei no meu libro e como
confesaba Torres Queiruga:
"Foi pena que o seu tempo non e
descubrira aínda, entre nós, que a vocación teolóxica non precisa
distinguir entre clérigos e leigos" (48) |
Esa fe rexa foi a fortaleza para que o
seu mundo relixioso e eclesial non se derrubara co vergoñento
posicionamento da Igrexa na Guerra Civil e no franquismo, que fixo pasar
esa fe por un verdadeiro inferno. Outros non saíron tan ben parados do
inevitable conflicto que se creou nos nacionalistas galegos.
Otero interpreta o cristianismo como a alma do pobo galego ó longo da
súa historia: "No cristianismo atopou Galiza a verdadeira patria
do seu espírito", repite nas páxinas do seu Ensaio histórico
sobre a cultura galega (49), que foi saudado desde as páxinas de Logos coma
"un limpo canto á catolicidade do noso pobo". A súa
reflexión achégase en varias ocasións ó mundo da relixiosidade
popular, coma en artigos como "Xoves Santo", "A parroquia
dos ermos", "Os probes de Deus", ... e particularmente no
seu libro Pelerinaxes. No libro atopamos anacos tan fermosos como a
descrición de San Andrés de Teixido:
"San Andrés, apóstolo, pecador e
mártir, non ten historia. Representa a infinda sinxeleza do pobo,
levado da man, sin esforzo, polo convencemento da divinidade de Xesús
... Por iso, o culto do San Andrés chegou ó cabo do mundo e prendeu
como un faro no Fisterra, somentes venerado pola oración, sen verba
precisa, todo semento calado do pobo" (50) |
Ese catolicismo de Don Ramón sabe
conservar o equilibrio entre a fe da súa Igrexa e os valores ancestrais
do seu pobo; por iso se chegou a falar dun certo "panteísmo"
en Otero Pedrayo (doutrina filosófica e relixiosa que di que todo é
Deus, e este non é algo trascendente ó mesmo mundo), que el mesmo
interpreta como algo que non vai máis aló dun vencellamento afectivo,
físico e espiritual á terra.
O seu catolicismo nunca foi tan só privado, senón tamén público. Nas
cortes republicanas de 1931 tivo unha soada intervención parlamentaria
con ocasión da discusión sobre o laicismo do Estado. Defende o ensino
relixioso, porque neste país "el catolicismo es algo más que una
religión, una psicoloxía". Máis aínda "todos somos en el
fondo católicos di porque catolicismo significa espíritu de
libertad". Isto non obsta para que avogue pola liberdade relixiosa
cun talante claramente liberal. E chega a dicir que non lle importaría
mesmo un "comunismo cristián", pero que lle parece nefasto o
laicismo. Moito habería que falar con Otero sobre o que el entendía
por catolicismo, no senso do seu discurso, aínda que parece quedar
claro que el interpretábao coma un cuestión de "talante", e
non o vía tan represivo como ás veces se absolutiza, sen deixar
espacio para tanta vea de liberdade como se xerou na Igrexa ó longo dos
séculos, parella a outra moita represión.
Con ocasión do seu pasamento, Conde Corbal pintou un fermoso e
expresivo cadro de todo o que representou Otero Pedrayo: Don Ramón,
enfundado no hábito franciscano e envolto na bandeira galega, metido
nun cadaleito que levan os seus amigos vivos (Xoaquín Lourenzo, Paco del
Riego, Filgueira Valverde, Paz Andrade, ....), e ollado desde o Pórtico
da Gloria polas figuras pétreas dos seus amigos que pasaron a mellor
vida (Cuevillas, Castelao, Risco, Losada e Ferro Couselo).
No seu pasamento, ata Monsr. Temiño, o bispo máis reaccionario que
tivo Galicia nos últimos trinta anos, falou ¡en galego! de Otero
Pedrayo e do "fogar de Breogán"; acompañábano tódolos
bispos galegos. As verbas fermosas da Oración fúnebre púxoas un
franciscano, vello amigo do Patriarca das Letras, o P. Isorna, que
rematou dicindo:
"A Galicia da terra
perdeu ó seu meirande home.
Pro, a Galicia do ceo
ganou un non pequeno santo"
|
5. Vicente Risco (1884-1963)
Vicente Risco, outro home grande ha
historia galega, non ten no seu haber unha biografía coherente coma Don
Ramón, e por iso non suscitou coma el un "vencello de
unidade" nos bos e xenerosos. Pero iso non lle resta valor a súa
figura e a súa obra a prol de Galicia. El foi a cabeza pensante do
grupo Nós e o primeiro ideólogo do nacionalismo, e así lle foi
recoñecido polos seus compañeiros, mesmo por Castelao, que o chamaba
"o outro eu" e o recoñecía coma guieiro indiscutible. Mesmo
tras do seu abandono do compromiso galeguista despois da Guerra Civil e
a represión franquista, Castelao, nunha ocasión en que se atopa con
Otero no exilio, dille: "Cando volva a Galiza e atope a Risco,
doulle unha labazada e cúspolle nun ollo, ... pero despois, recólloo
nos brazos, érgoo e doulle unha aperta, e póñome a chorar con el,
porque ¡debémoslle tanto!". A súa evolución foi un mollo de
altos e baixos, tal como estudiei noutro lugar, pero o máis xenuino e
ricaz de Risco, foi a súa aportación á cultura galega. Esta obra vai
desde a Teoría do nacionalismo galego e unha ducia de libros máis de
libros de ensaio e artigos, ata novelas emblemáticas coma O porco de pe
e outras narracións. Velaí un par de mostras do seu pensamento
galeguista:
"Ti dis Galicia é ben pequena. Eu
dígoche: Galicia é un mundo... Non digas Galicia é ben pequena; es
ti, que endexamais poderás concebir nada grande" (en Leria).
"Ser nacionalista é querer
esperta-la ialma dun pobo. Aos nacionalistas é a ialma o que lles
importa. Os nacionalistas galegos debemos estar a favor da ialma de
Galiza, anque seña en contra de tódolos galegos.
Ser nacionalista é querer erguer un pobo que se teña en pé; que seña
consciente e dono de si, emancipado, maior de edade, que se abonde a si
mesmo" (En A ideoloxía do nacionalismo en esquema). |
Que Risco era un home relixioso é algo
sabido demáis. Mesmo que se pasaba... que era
"hiperrelixioso", como teño escrito. El mesmo escribira nunha
ocasión "Eu son heterodoxo en todo menos en relixión",
aínda que nin era tan heterodoxo en todo, nin tan ortodoxo en
relixión, polo seu tradicionalismo reaccionario, que o levaba a caer en
posturas supersticiosas, que costa ben caro casalas coa formación
intelectual da que deu mostras mais que abondosas. Torres Queiruga
expresouno moi ben:
"A piedade de Risco manterá sempre
unha aura tradicional de devoción e rosarios, de medo ó demo e de
confesada angustia pola salvación da alma e das almas... que lonxe de o
facer "símbolo do intelectual cristián"... lle impediu
vivenciar e expresar a fe á altura da súa capacidade crítica e da
súa amplitude cultural" (51) |
Con todo, Otero Pedrayo ten confesado que
"Risco chegou ao catolicismo por primeira vez ao se facer
galeguista" (52). De feito, Risco establecerá un íntimo vencello
entre a relixión, Terra galega e nación; é un verdadeiro sentimento
relixioso o que vencella o pobo galego coa súa Terra,que Risco tenta
rastrear nos grandes poetas galegos, desde Rosalía a Cabanillas. Así
escribe en "O sentimento da Terra na raza galega" (artigo
recollido en Leria):
"Sentimos a presencia evidente de
Deus na nosa Terra, que se nos fai sagrada como unha eirexa, porta da
eternidade, tabernáculo da gracia de Deus feita beleza... Eis a arela
mística da Raza Galega. Aló no máis fondo da ialma, cada un de nós
reza a Deus o seu rezo de humildade. El está preto de nós humanizado
polo seu divino amor... O imperativo da Terra presérvanos da suprema
impiedade, e os que poseemos a ialma da Raza, endexamais tentaremos
escadar o ceo [como a soberbia dos de Babel]" (53). |
Noutro lugar teño analizado máis
criticamente afirmacións coma estas e outras moito máis chamativas,
nas que Vicente Risco chega a dicir que o pobo galego é coma un novo
pobo de Deus chamado a salvar o mundo occidental do seu pecado
colectivo, manifestado na súa progresiva decadencia por ter vendido a
alma ó demo e esquecerense de Deus, co que Risco remata nun verdadeiro
"nacionalcatolicismo galego": "Os pobos célticos
ergueranse para cristianizar a nova cultura, para signala co signo da
cruz", escribe en Logos (54). Tamén é ben interesante, a pesar do que
ten de descabellado, a súa obra Satanás. Biografía del diablo, que
analisei amplamente no meu libro e que ten estudiado tamén
posteriormente Mariño Ferro.
6. Florentino Cuevillas (1886-1958)
Don Floro, recoñecido galeguista que
traballou como poucos na investigación das orixes da cultura galega,
foi sempre un home fondamente relixioso, coma os seus compañeiros do
"cenáculo ourensán" Otero e Risco. Coma eles traballou por
Galicia desde as Irmandades da Fala, Nós, o Seminario de Estudos
Galegos (1924, a pouco da súa creación. Foi xefe da sección de
Prehistoria) e logo o Instituto de Estudios Gallegos "Padre
Sarmiento"; foi membro da Real Academia Galega (1941) e outras
Academias e Sociedades.
Toda a súa obra é unha preocupación constante por Galicia e a súa
xente: "Home de bulideira mentalidade, de aguzada perspicacia di
Fernández del Riego... limpou nunha chea de ocasións, coa loxa
cauterizante da súa prosa ... os homes e os seus costumes" (55). Foron
sobre todo as súas publicacións arqueolóxicas (A civilización
céltica en Galicia, A Edade de Ferro na Galiza,...) pero tamén
escritos soltos, dos que Prosas Galegas ofrece unha excelente escolla.
Foille adicado, nunha das primeiras ocasións, o Día das Letras Galegas
(1968). Otero Pedrayo recoñeceu a súa valía nun fermoso estudio que
remata con estas solemnes e conmovedoras verbas:
"Porque foi home humilde e
relixioso, mereceu a lus do saber ... Fixo pra Deus a Galiza máis
grande e lembradoira" (56) |
A fe de Don Floro foi sinxela e rexa, en
consonancia coa súa personalidade cordial, case dunha inxenuidade
franciscana; a pesares das súas veleidades de mocidade. Tamén o seu
amigo Risco fala da súa fe:
"Crente con afinco e devoto coa
fidelidade e coa tenacidade mesma con que se entregaba ao estudio...
Lía repetidamente os Evanxelios e estaba ao tanto do pensamento
católico moderno; interesábase polos progresos da fe... Defendía ao
clero católico das censuras e inculpacións dos seus amigos... En
materia de relixión era esixente consigo mesmos e tolerante cos
demáis" (57) |
Católico tradicional e ó mesmo tempo
liberal, Cuevillas chegou a defender o socialismo, desde algún dos seus
artigos: "Eu creo no triunfo do socialismo, porque creo que a
sociedade humana é un organismo vivo.... E creo que para a sociedade
humana ...este ha ser unha cousa útil e boa" ("Dos nosos
tempos", en Prosas Galegas). Galicia e o catolicismo foron os dous
eixos da súa vida, que soubo casar sen traumas, a pesares da crise que
supuxeron para algúns dos seus amigos (Risco e Castelao, aínda que de
maneira ben diferente). Estes dous amores quedan magnificamente
reflexados na súa fermosa "Oración a noso Señor Santiago":
"Señor Santiago, que de tan lonxe
viñeches predicar á nosa patria as verdades do evanxelio... ¿Por que
nos esqueces?
Arredor da túa sepultura formouse a nosa lingua... Galicia enteira ten
algo teu ... ¿Consentirás, Señor, que Galicia desapareza, que Galicia
morra?
Mira ao teu derredor os vellos costumes abandoados, mortas as antigas
liberades, despreciado o vello idioma ...; mira a nosa terra presa de
homes que viñeron de fora a roubala e magoala; ... mira a triste
miseria dos seus fillos, a súa sede de xustiza, e a súa fame de pan...
E xa que amaches a Galicia, cando era Galicia, acorre aos que queremos
resucitala e volvela outra vez ao esplendor e a riqueza da que é
merecente" (en Prosas Galegas). |
7. Castelao (1886-1950)
Con Castelao chegamos, sen dúbida, a
unha das meirandes figuras que deu a historia galega. Ou polo menos o
símbolo moderno da identidade galega. Se Rosalía, a outra máxima
figura representativa do ser de Galicia, é a pescudadora da alma
galega, Castelao é o ser testemuñante. E isto non son afirmacións de
cenáculo ou grupúsculo de amiguetes, Castelao ten moito máis
recoñecemento popular que ningún outro persoeiro da historia galega,
sinxelamente porque o pobo se viu reflexado na súa nobre pluma e
acollido no seu xeneroso corazón. Desde os nacionalistas máis
radicais, ata a xente sinxela da aldea. Xa se ten feito a revisión
crítica da persoa e da obra de Castelao, pero ninguén pode negar a
súa xenerosidade co pobo galego, ao que lle deu o mellor de si, e o seu
compromiso que nacía dunha "indignación ética", que
diríamos desde a teoloxía moderna. Con razón escribiu Ramón
Piñeiro:
"Castelao era o símbolo humán das
arelas morais do seu pobo... A alma galega descóbrese a si mesma coa
súa nidia pureza esencial na personalidade humana de Castelao"
(58) |
Debuxante, político, escritor; home de
acción, artista e pensador a un tempo, a súa obra é abondo coñecida:
A plástica está marcada pola súa frase emblemática "Eu non
teño vocación de estupefaciente", o que lle fai subordinar a
expresión plástica á súa opción moral, aquela está sempre en
función desta; esta obra vai desde os debuxos do álbum Nós, e os de
Cousas da vida, ata os Albumes de guerra e os sorprendentes Debuxos de
negros. Na escrita, o seu estilo limpo e elegante, clásico, vai desde
as súas Cousas, que nos abriron a moitos á realidade galega, ata Os
dous de sempre e a obra de política e pensamento a un tempo Sempre en
Galiza, sen esquecer As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra
na Galiza, que manifestan unha sensibilidade relixiosa, ademais da
artística, que vai atopar a súa máxima expresión nas páxinas do seu
Diario 1921.
Se o nacionalismo e o compromiso con Galicia de Castelao é
universalmente coñecido, o que non resulta tanto é a súa confesión
relixiosa cristiá, mesmo resultou sorprendente cando algúns escribimos
diso hai anos, porque resultaban máis coñecidos os seus plantexamentos
republicanos e críticos con certas actuacións da Igrexa. Sen embargo,
Castelao é un home relixioso e un cristián confeso (59).
Carballo conclúe: "A denuncia enérxica de Castelao vai contra a
Igrexa española aliada do militarismo e do fascismo. E deulle tristura
tamén o sector amplo de eclesiásticos galegos submisos á Igrexa
castelá. Suxeriu que buscásemos no fondo do povo galego as raíces dun
cristianismo e da base na que podía sustentarse unha Igrexa galega que
estivera a par dos bos e xenerosos para recuperar e dinamizar o propio
país". "Castelao, a relixión e a Igrexa", A Nosa
Terra,
especial 50 aniversario de Sempre en Galiza, Nº 631, 21 de Xullo de
1994. Non só porque a súa obra é "o exemplo e trunfo da
verdadeira política de Deus", como dixo dela Otero Pedrayo, ou que
"a obra de Castelao colócanos a todos fronte ao misterio do home
que realiza o miragre de ser fiel á profundidade", como dixo
Torres Queiruga (60). Senón porque el tamén manifestou publicamente esta
fe, de palabra e por escrito.
O artista manifestouno na sinxeleza popular dos seus debuxos do álbum
Nós e as Cousas da vida: "Non me fan xusticia, Señor", prega
o velliño diante do cruceiro ou "Que San Roquiño nos libere de
médicos, avogados e boticarios", pregan outros dende a ventá; e
outros . E as queixas dos Albumes de guerra: "Queiman, rouban e
asesinan no teu nome", reza unha muller diante dun cruceiro.
"Abondaría o libro dos cruceiros di Otero Pedrayo para sinalar o
carácter relixioso da obra de Castelao".
Pero é sobre todo o escritor e o político o que nos deixa unha
manifestación clara da súa fe cristiá. Desde a conmovedora escena de
Cousas na que o piñeiro "acende" as súas velas ó paso do
viático, ata as confesión de Sempre en Galiza (61); velaí algunhas:
"No nome de Deus non se pode afoga-lo espírito nin se pode
couta-lo anceio dos pobos que loitan polo seu propio ser" (px. 24).
"Un galeguista verdadeiramente
cristián non ten por que arredarse do noso partido, nin para preservar
o cristianismo da nosa terra, nin para salvar a propia alma" (px.
25).
"Ai, cando xurdirá unha relixión
que nos dea azos para ascendermos e achegármonos a Deus!" (px.
224).
|
E outras críticas coa Igrexa a Igrexa
española, máis que á galega, aínda que en motos casos non houbera
diferencia, cousa que magoaba grandemente a Castelao, sobre todo no seu
tempo, porque non soubo facer ben a súa misión:
"A Eirexa hespañola como forza era
a menopausia defendida polo histerismo; como ideal era a miopía sen
anteollos... Os cregos eran prófugos do sacho ... agachaban os
Evanxelios, bulrábanse das encíclicas e botaban das eirexas ó pobo
traballador... Por algo Deus deixou queimar as eirexas" (px. 196) |
O pecado da Igrexa galega foi non ser
fiel a súa misión na nosa Terra e ser un vasallo da de Castela e dos
seus monarcas:
"Sucedeu que a Eirexa, esquecendo a
súa misión divina, someteuse ao padroádego dos reis de Castela e os
cregos e frades tamén alleos ao país nin tan siquera consentiron que
se rezase en galego. Sucede que os bispos e Coengos eran feitura dos
Monarcas... Sucedeun en fin, que a Eirexa reitora e fiscalizadora de
tódalas manifestacións do esprito convirteuse en axente do
imperialismo castelán e, por tanto, persecutora do noso xenio"
(px. 103). |
O drama da relixiosidade de Castelao
queda ben reflexado nestas verbas de Sempre en Galiza:
"Hai un drama no meu desterro,
semellante a unha cruz que abre os seus brazos ós catro ventos para
abranguer a dor do mundo... enxendrado pola interseción contradictoria
de dous sentimentos terribles: un deles impídeme perdoar aos asesiños
e verdugos do noso pobo... o outro non os permite acoller á idea dunha
xusticia instintiva ... e inclinanos á resignación. Na nosa Terra soio
un milagre de bondade poderá restablecer a paz dos espritos... Se
tódolos galegos creésemos en deus podíamos encomendarlle a El o
castigo dos crimes cometidos en Galiza; pero é que os sentimentos
cristiáns están moi debilitados en toda Hespaña, dende que alí se
invocou o nome de deus para matar" (px.253). |
É esta defensa do clero galego, víctima
do de fora, aínda que non esconde a utilización egoísta que parte
deste clero galego fixo do relixioso, o que aparece nalgunhas páxinas
dos recen publicados Cadernos. Así, fala da actitude dun crego que
escribira en Logos:
"O abade de santa Eufemia de
Ourense, cando lle mataron os seus catro sobriños, dixo: Se esta é a
xusticia que se fai en nome da relixión, eu racho a sotana. E
rachouna" (62). |
Este crego era Don Fernando Quiroga
Palacios, logo cardeal arcebispo de Santiago... como conta Cesareo Gil
no seu libro sobre o cardeal (63).
Outra nota de simpatía para os cregos galegos está na mesma páxina na
que comenta un detalle negativo doutro crego que lle dixo ós seus
fregueses: "Cristo predicou o amor entre os homes e non sei por que
ha de haber dereitas e esquerdas, pois todos debiamos ser de
dereitas" (!). Vexamos a nota positiva:
"Decíame un crego, chamado Solla,
que non podía ver aos frades... Este mesmo crego, que era moi bo e
crente, decíame, cando eu andaba no inicio do galeguismo político: 'Ti
pon moito coidado en que ninguén queira facer xusticia contra ti no
nome de Deus'. E solía dicir decotío: 'Non hai home máis ruín que
aquel que pretende facer xusticia en nome de Deus' ¡Pobre Solla!"
(64) |
Sobre todo, a súa fe cristiá déixase
ver nas páxinas do seu Diario (65), onde atopamos cousas coma estas:
"Sempre fun fondamente relixioso,
porque sempre coidei que a existencia de Deus era necesaria...; máis
agora, aquí en París, adequirín a seguridade de que Deus existe...
En Notre Dâme... pedinlle a Deus que non me mate nin me deixe cego
namentras non remate a miña obra, a obra que xurdirá cando desenrole
tódalas posibilidades da ialma que El me deu. Teño ganas de ser
bo" (px. 56).
"Hoxe compre pertencer ó fato de
homes que traballan polo espertar do sentimento relixioso se queremos
que o mundo se salve" (px. 304).
|
Esta fe crítica (crítica sobre todo
despois da vergonzosa actuación da Igrexa na Guerra Civil) mantívose
en Castelao ata a fin da súa vida. O P.Seixas comentaba un feito que
lle oíra a un amigo que fora testemuña presencial, e que xa teño lido
ou oído noutro lugar; cando Castelao foi á Arxentina e tivo que cubrir
a ficha de inmigración, no apartado de Relixión puxo
"católico-xacobeo". É moi probable que mesmo fora a Misa con
frecuencia coa súa dona, Virxinia, que era moi devota; cousa que tamén
me teñen comentado. O médico que o asistiu no seu leito de morte,
conta que falaba frecuentemente de relixión e rezaba a cotío o
"Noso Pai". No recordatorio do seu pasamento puxeron os seus
amigos: "Piedá, Señor, piedá para el que finou co Teu nome nos
beizos, os ollos esvaídos na súa Terra que ti quixeches facer a máis
belida do mundo".
8. Lois Porteiro Garea (1888-1918)
"Tiña na fronte unha estrela,
tiña no bico un cantar" (Dun poema de Ramón Cabanillas adicado a
el)
|
"O noso guía", chamouno
Castelao. "O cerebro máis grande de Galicia" dixo Lois Peña
Novo, "Pai espiritual das nosas angueiras patrióticas", dixo
Ramón Vilar Ponte. "O Cristo da causa galega de quen tiven a sorte
de ser o Bautista", afirma o seu irmán Antón Vilar Ponte. E
aínda moitas máis polo estilo se poden ler nas notas necrolóxicas de
A Nosa Terra en Setembro 1918, con ocasión da súa prematura morte,
antes de cumprir os trinta anos. Non é moi coñecido hoxe este home que
levantaba tanta devoción. Incansable loitador xa desde o mesmo
bacharelato, estudiou dereito na Universidade Compostelá e doutorouse
logo na de Madrid co traballo El sistema parlamentario en España y sus
relaciones con el caciquismo. Traballou en El Imparcial e en
El Radical,
onde inaugurou unha sección de temas galegos. Gañou a cátedra de
Dereito Político de Santiago. E pronto se converteu en Galicia nun
indiscutible mestre de galeguidade e lider nacionalista das Irmandades
da Fala, sendo presidente da de Santiago. Destacouse tamén polo seu
anticaciquismo e o seu compromiso cos labregos, o que o levou á cadea
cando os sucesos de Nebra. Lois Peña Novo conta emocionado:
"Vendo os caciques en Porteiro un
poder que avanzaba por Galicia como ola purificadora ... ofrecéronlle
unha acta de deputado a Cortes... A resposta de Porteiro foi espartana:
Soupen o que era a fame, contestou, e fun sempre honrado; máis quero
morrer que ser instrumento de morte para a miña terra" (66) |
"Comencemos por ter conciencia do
pecado di nin discurso do 28 de maio de 1916, impreso polo Partido
Galeguista en 1932 que é o introito do arrepentimento".
A gripe sorprendeuno preparando a Asemblea que estaban argallando as
Irmandades para celebrar en Lugo, como recorda Pampín (67), e morreu na
pobreza, tendo que correr o concello cos gastos do enterro. O P.
Atanasio
Fernández acompañouno nos derradeiro momentos, que viviu con gran
fondura relixiosa, segundo conta. O seu enterro foi unha impresionante
manifestación galeguista.
Lois Peña Novo (1893-1967). Foi outro
dos principais impulsores das Irmandades da Fala, xornalista e brillante
orador, máximo estudioso da realidade socioeconómica galega o seu
tempo, foi o primeiro concellal nacionalista electo. Estudiou primeiro
no Seminario de Mondoñedo, o que o marcou cunha fonda relixiosidade, e
logo Dereito na Universidade Compostelá. Exerceu brillantemente a
avogacía, pero coa sublevación militar do 36 é encarcerado, pasando
varios anos na cadea, ata despois da Guerra Civil. Pasou os derradeiros
anos no seu Vilalba natal, agochado na nostalxia e ignorado. Nos
últimos tempos seica non ía moito a Misa, e non é difícil adiviñar
por que.
10. Alexandre Bóveda (1903-1936)
"A miña patria natural é Galiza.
Ámoa afervoadamente. Endexamais a traizoaría, inda que se me
concedesen séculos para vivir. Adóroa ata máis alá da miña morte.
Se entende o tribunal que por este amor entrañábel me debe ser
aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por
ela...
A miña morte servirá mesmo para ensino dos que non consideran a nosa
loita tan rexa como a das outras nacionalidades" (68) |
Estas verbas pronunciadas pouco antes de morrer fusilado e a súa
traxectoria vital e política fixeron de Alexandre Bóveda, xa para
sempre, o mártir galeguista e cristián da intolerancia dunha España
que se proclamaba católica, pero vía nos nacionalistas galegos un
perigo para a "sagrada unidade da patria" e non manifestaba
realmente moitos sentimentos cristiáns cos que pensaban de distinta
maneira. Castelao chamouno "a bandeira da nosa redención".
O galeguismo xa fora agromando nel desde neno coa lectura do
Catecismo
do labrego, e logo como discípulo de Risco, e en contacto con Otero e
Cuevillas, Losada e Castelao. Logo escribiría que na revista Nós e no
seu grupo "estivo a miña fontela máis cabal". Aínda que o
máis novo deles, converteuse de contado, tal como conta o mesmo
Castelao en "motor de explosión" do galeguismo.
O Seminario de Estudos Galegos require a súa colaboración na
preparación do Estatuto e o traballo económico de Bóveda, que era
Contable da Facenda por oposición, parece que impresionou a todos. E na
fundación do Partido Galeguista en 1931 era tan apreciado que foi
nomeado secretario de organización, cargo que mantivo ata a súa morte,
traballando porque fora un verdadeiro partido de masas. "Fronte aos
que querían facer do partido un grupo minoritario para cultivar a mente
do país, Bóveda actuou de activista de masas e o partido
multiplicouse", escribe Francisco Carballo (69). O anteproxecto do
Estatuto Galego parece ser que é en gran parte obra de Bóveda, que
sempre acreditou unha mentalidade moi progresista.
Pero Bóveda non só era un nacionalista progresista, senón tamén un
cristián practicante, aínda que non alineado coas posicións
dereitistas doutros compañeiros galeguistas.
"O comportamento altamente avanzado de Bóveda como militante
cristián amósase en varios sectores da súa actividade. Practicaba un
catolicismo fondo e sacramental a nivel persoal e familiar... A súa
militancia cristiá facíase compatibel coa militancia nun partido
democrático, claramente antifascista, aconfesional e respectuoso coas
ideoloxías, defensor a ultranza da sociedade galega... Poucas
posicións cristiás había no Estado Español naqueles tempos tan
lúcidas" (70) |
A súa morte exemplar foi o broche de
ouro a unha vida exemplar. Puido escapar da cadea, pero coidaba que non
había razóns para matalo, pola súa vida sen mancha, non contaba con
que o fanatismo dos fascistas podera chegar tan lonxe. Pasou a
derradeira noite lendo a Rosalía e un libro relixioso (o Kempis).
Escribe ó seu irmán Valentín: "Confío en que serei recibido
onde todos queremos xuntarmos e fágoo coa ledicia confiando en Deus
este sacrificio". Oe Misa recollidamente e pídelle a un amigo
:"Sestiño, ven rezar comigo en galego". Recibe os sacramentos
e un P. franciscano acompáñao ata a morte. Sobre o mesmo caixón no que
se dixera a Misa escribiu varias cartas, e nunha delas puxo de PD á
súa muller: "Recei contigo".
|