Para as muchachas de Ciudad Juárez
Na faciana desa terra quente
instalouse o asubiar dun vento tolo
que cuspe feroces historias futuras.
Un vento incongruente
preñado dunha sombra difusa
que medra cara dentro
e fai a vida ausente.
Nesa terra quente
o berro ondulado da escuridade
énchese dun bosque de laios lonxitudinais
que afogan a simétrica fronteira da esperanza.
O aramado da crueldade
cerca a liberdade das bolboretas,
cala a linguaxe das flores.
¡Que mágoa que non deixen chegar
o cendal alento das estrelas
ás pálpebras desa ferida terra!
unha terra inverosímil onde agroman
- no centro do silencio -
as translúcidas voces das buguinas.