Míriam
Ferradáns

Míriam Ferradáns (Bon, Bueu, 1982), é graduada en Traballo Social pola Universidade de Vigo, a súa actividade laboral está vinculada ao ensino con adolescentes.

Como poeta ten publicadas a plaquette Deshabitar unha casa (2016) e Nomes de Fume (2017), cos que gañou, respectivamente, o premio de poesía Francisco Añón e o Premio Nacional de poesía Xosé María Pérez Parallé. Con Do tacto, breve poemario recollido na obra colectiva Roseira de cen Follas (2019), recibiu o primeiro premio de poesía Leiras Pulpeiro. Noms de fum, a tradución ao catalán do seu libro por parte da poeta catalá Dolors Miquel, viu a luz en 2019, e no 2020 aparece, baixo o título Nombres de humo, a tradución do mesmo en castelán, elaborada por Gonzalo Hermo. A finais de 2019 a editorial Apiario publicou o seu último libro: unha plaquette titulada Agosto.

No ano 2021 gañou os XXIX Xogos Florais María Pita da Coruña co poemario Corazón de chícharo e acadou o terceiro premio do certame Leiras Pulpeiro coa composición As Amantes.

Así mesmo, algúns dos seus poemas foron traducidos ao portugués, alemán, inglés, italiano e mesmo ao finés.

[Decembro, 2021]