Centro de Documentación da AELG
A faciana das augas - Faciana de serea e liño
Vilela, Branca
Vinte vir envolta nas roupas
antigas do liño mais puro. 
O que foi lavado no sarillo
e rastrelado cos ósos brancos
das raíñas do castelo de Vimianzo.
As mans facían o traxe de noiva
o enxoval das princesas, e as enaguas
que bicaran esa noite a pel
clara de lúa, a pel virxe do tempo.
Cúpula do ar e do mar.
Emerxes de súpeto das ondas
coa forza do soños e das brétemas.
Arrebatei o son de teus ollos namorados,
mentres as bolboretas marchaban vagarosas
co solpor, para morrer coma min
fronte as augas de teus beizos de sal.
Viñas cuberta da escuma.
Rexurdes das cinzas da cidade de Is.
A princesa Dahut debía ter
a túa faciana de serea.
Mergúllaste na miña memoria
asolagada polos ventos
que feren a nada, o baleiro que sinto
cando vas ás furnas do teu seo mariño.
Viñas cuberta de liño
e levabas nas enaguas os encaixes
feitos cos fíos do meu recordo.
Semellas a raíña Lupa.
Sobrevives o alagamento das miñas
ruínas esculpidas nas ametistas dos ollos.
Teceron o fío nas horas que foron séculos
coas dúbidas do teu corpo espido
apreixando o raio derradeiro
nos teus cabelos louros.
Apreixando a alma cando eu fiquei
ao verte cuberta do liño mais antigo.