A María Victoria Moreno Márquez
Una semana de espera nas aceas do soño, “esa si que é muiñada”, para que o PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS alcance o recoñecemento de Ben Universal que pode conceder a UNESCO.
O catorce de novembro do 2004, era un día de luz plena e frío na gándara d´Agolada, centro de Galicia, marco do Primeiro Convivio da Fala Estremeira, o Galego vivo na Estramadura do norde, nas Portelas de Sanabria-Lubián, no Bierzo, na Asturias do Eo-Navia. A primeira vez xuntos para un fito histórico: darmos fe e obra dunha herdanza de familia, de Amor ao noso patrimonio, acaso o máis significativo, o máis cernal, o de máis fonduras compartidas. Aquí chegaban de mañá cedo os alcaldes e reprentacións de cultura dos tres concellos do Val do Ellas, ou do Val do Xálima (segundo se prefira o río da Serra de Gata ou a curota senlleira) na provincia de Cáceres; a alcaldesa de Lubián (Zamora) e o deputado Felipe Lubián, animador e alma do Galego nas Portelas; Héitor M. Silveiro Fernández, en representación do Galego no Bierzo; e Carlos Xesús Varela Aenlle, pola conservación do Galego no Eo-Navia (Asturias). Con eles, que ían ser a referencia da Homenaxe da Memoria, a Palabra e a Música, máis de tres centos de amigos, irmaus, que labran, soñan, recrean Galicia no diario das súas vidas: Arte, Literatura, Música, Ensaio, Ciencia, Comunicación...(o pequeno mundo para os máis pragmáticos do engulimento). Viñamos uns da viaxe desde as catro augas desta casa central que é a antiga Gallaecia; xa estaban outros na Praza do Concello, ao carón da arquitectura de xoguete, tan chusca, tan de noso, tan de canteiros amadores, tan de Feira Única, tan soa, tan do íntimo: eran os Pendellos. Aínda son inertes, un ano despois; pero respiran (o pasado 21 de agosto era o segundo Encontro para o recoñecemento de Manuel Caamaño Suárez, profesor emérito da Escola de Arquitectura d´A Coruña, por toda a súa biografía e obra diversa).
Quero lembrar esta data de novembro como historia de Encontro dos Lugares que antes cito, a primeira vez na Terra das Orixes. Unha Asociación de Amigos/as que nace e vive para a restauración deste patrimonio singular, xa único, polas tantas desfeitas, convocara a estarmos en presencia, máis e mellor, nesta recalada reivindicativa e ao tempo dar recado, ao mundo das desercións, que aquí hai agradecemento, respecto e orgullo polas maus e as bocas dos devanceiros do legado : obra e palabra feita, en ramo, con remate en orla sabia, para que o Tempo Fale e Recoñeza. Antropoloxía. Foi acaso unha das citas máis garridas dos últimos anos, por espontánea, por leal, por convocatoria isolada, fóra das esferas do poder mediático e político, que sempre se pronuncia en garda, a ver quen son, que fan, que pasa. E pasou a marabilla de noso: ledicia e compromiso de nos ver aquí e alá e aló e sempre, en calquera lugar de aviso que necesite un ombro, un canto, unha forza de esperanza, un chimpo de vida. Era o 14 de novembro 2004, n´Agolada, mañá de frío e luz, a ceo aberto. Con Música popular dende as raíces (Axóuxere de Melide, Bico da Balouta, Raúl Galego, Banda municipal, A Quenlla, Na virada, de Cangas); Conto e Leria e Poesía e Narrativa na voz directa das amigas e amigos que sementan regos de versos, estivadas, nordesías de risa, encanto e maxia (in memoriam Xela Arias, Luisa Villalta, Antón Tovar, Manuel María); Arte nas maus dos pintores e escultores das pervivencias; o testemuño de Francisco Fernández Rei e de Avelino Pousa Antelo, piares da memoria e dos afectos; a entrega en mau dese pan quente de forno que é o noso “Pendello de Honra” a Domingus Frades Gaspar, Delegado da Fala nos “Tres Lugaris” da Estremadura, coas gracias eternas.
Pasou un ano como pasa un día: axiña e ben andante, presto, allegro. Pero fica en firme, parafita, teso, moito alá de nós. Está na gravura do amor, en permanencia, como na “pedra das alabardas” do petroglifo de Axiaz, ou na resistencia do dólmen dos Muiños, en Bidueiros (onde habita o Pepe de Fernandiño, labrego arqueólogo desta descuberta maior); e na contorna os Castros, ducias en vixía, a prol da resistencia e contra as furias dos expolios, cara aos ventos. E agora, na esperanza, a decisión da UNESCO, o vintecinco, a dicir si á porta aberta na Casa da Memoria, tan feliz, tan perto.