Paulino Vázquez Vázquez, A experiencia inglesa. Edición do autor, Santiago de Compostela, 1998.
[Publicado en A Trabe de Ouro, 36 (1998), 547-551]
Vai para seis anos, no momento de reseñar o libro de Paulino Vázquez Vázquez Aquí podían ser os pes de arxila, destaquei a decisión deste poeta a prol da independencia expresiva, retórica e temática, mesmo o afastamento do seu discurso lírico en relación cos núcleos máis próximos, que el nunca ocultou que fosen os formados por Anxo Quintela, Román Raña, Manuel Forcadela, Eusebio Lorenzo e, noutro perímetro de idades, os que terían centros como Cunqueiro, Carballo Calero, Méndez Ferrín ou Rodríguez Baixeras. Logo, Dante, os románticos ingleses, Pound, e sobre todo Eliot. A experiencia inglesa aparece xustamente cando se conmemora o segundo centenario da publicación das Lyrical Ballads de Coleridge e Wordsworth, quero entender que a xeito de homenaxe. Como no primeiro libro — Perdendo o tempo que fuxe como Xoan Sebastian Bach, de 1983 —, trátase tamén agora dunha edición de autor, dato que, máis alá do que poida conter de decisión persoal, revela algunhas usuras dun sistema literario, o noso, que ten algo de diferido: agás excepcións contadas — provenientes da excelencia, dos premios, da amizade co editor — a poesía que lemos como novidade foi escrita hai un lustro, e chega a nós parcialmente inhabilitada pola narcose das listas de espera editoriais, que deturpan o diálogo entre as obras. A ausencia de revistas poéticas dinámicas e sólidas que sexan algo máis que un escaparate multicolor e promiscuo de restos de serie ou de vaidades noveis non só constitúe o maior fracaso de todos nós (poetas, críticos, lectores de poesía na Galicia actual), senón que retarda e fire moi seriamente a comunicación viva do que acaba por ser poesía in vitro.
Non creo que A experiencia inglesa, libro de composición moi demorada no tempo, represente unha renovación excesiva da traxectoria do seu autor, que como antes suxerín aparece ben definida desde o seu Bach. A poética de Paulino Vázquez preséntasenos a estas alturas firmemente consolidada, perseverante, inconfundíbel; medrando en diámetro tanto como en profundidade. Tamén en soidade, o que en principio non é mal sinal. Resulta evidente a existencia de modificacións nas sucesivas entregas. Non sempre se di o mesmo nin da mesma maneira. Así, por exemplo, e moi en consonancia co posto en práctica por outros compañeiros xeracionais, temos agora unha clarificación —non diría simplificación— inventiva, elocutiva e comunicativa. A elaboración dos textos segue a ser moi traballada, calculada, sometida a tensión estructural e aos condicionantes dunha dicción poética planificada a fondo. Na Experiencia inglesa non hai menos techné, nin menos artesanía, nin menor artificio. Pero, acaso guiado polo predicado por Wordsworth no prefacio ás Baladas líricas, a afectación decae, résgase a impostación da voz lírica, tan típica de Un áspero tempo de caliza e dos outros libros. O autor procura e acha nalgún xeito un estilo medio, que por certo é un dos ingredientes fundamentais dun xénero literario, a epístola, que querería eu invocar aquí porque me parece que pode situar mellor este xiro da obra de Paulino Vázquez.
A epístola, tal e como foi practicada polos clásicos, implica fundamentalmente dúas escollas. En primeiro lugar, a dun asunto digno de ser pensado, de índole non necesariamente filosófica, moitas veces moral, en ocasións abeirado á sátira censoria ou ao elexíaco. En segundo lugar, desde logo, a orientación apostrófica, por mediación da cal se selecciona un destinatario ad hoc entre os máis achegados. Paulino Vázquez, que abre o libro con reminiscencias epistolares de Milton, podería ter concibido A experiencia inglesa como unha carta de impronta etoestética dirixida fundamentalmente aos compañeiros de labor, aos poetas, e por extensión natural tamén aos lectores de poesía, para que fixen a mirada nunha tradición insuficientemente atendida ()quen non lembra aquí a Cernuda?). A súa epístola non se vai a sátira, aínda que algo diso haxa, permanece máis ben nunha zona propicia ao encomiástico, tamén con matices.
Cántase a vida, as actitudes e a obra dos poetas románticos ingleses, tamén dalgún escocés e dalgún sueco, pero non se permanece só nese ámbito, posto que hai traslación acaso menos apoloxética a etapas históricas posteriores. Ás veces, a materia tratada é non a da estricta creación poética, senón a relativa aos exercicios da crítica e ao pensamento estético-literario: os títulos dalgunha das partes do libro son indicativos. O marco xeral cabería velo, pois, como epistolar, fluctuando entre a gravidade reflexiva dalgúns momentos e a leve sátira que propicia a vida social de determinados sectores. Despois, cada parte establece as súas propias pautas comunicativas, os seus propios diálogos dramáticos. Trasládansenos segmentos de conversas, reprobacións, comentarios —todos eles fictivos en segundo grao—, sen informarnos exactamente de quen/onde proceden. Pluralízase o discurso, faise dialóxico en sentido amplo, e por tanto parece que o marco epistolar queda esgallado en canto descendemos ese banzo que vai do libro como conxunto a cada un dos seus capítulos, en especial se consideramos os tres intermedios. Estas liñas tómanse da parte terceira (30):
deamos pé a unha confiada conversación
en este ámbito tan íntimo, familiar
apropiado para desvelar a cortina das apariencias
(deixando a un lado a inconveniencia á que pode levar
unha frase comprometida, por un leve malentendido)
para falar dos vellos coñecidos
porque acaso teñan isto en común: que proceden dun soño
semellante ao da morte
recordemos aos venerables e desaparecidos
as figuras ilustradas ou deslustradas polo esplendor do tempo
os preciosos amigos perdidos na noite sen tempo da morte.
Resoa o horacianismo nelas, que desde logo amplían o seu horizonte en dirección á propia ironía romántica, ou aínda cara a quebros moito máis próximos a nós no tempo. Así, introducindo discursos complementarios, moi ao gusto de Eliot ou Pound e en xeral do relativismo perspectivista que caracteriza ao modernismo anglosaxón, algo que de todos modos configurou xa a lírica simposíaca dos gregos.
Esta última nota condúcenos a outra marca que non podo deixar de resaltar. Fálase sempre da intertextualidade da obra de Paulino Vázquez. Sabemos mesmo que os seus títulos proveñen a miúdo de préstamos (Cunqueiro, Quintela, etc.). Na Experiencia inglesa a situación non muda moito, e os lectores recoñecerán nos epígrafes que encabezan os cinco capítulos do libro títulos do medievalista e teórico da historia literaria Walter P. Ker (The Dark Ages), de Samuel Johnson (Lives of the English Poets), de Kazuo Ishiguro/James Ivory (The Remains of the Day)... Logo hai por aquí e acolá versos agochados ou explicitamente resaltados que son citas en eco, homenaxes, pastiche, parodia. Non só hai palimpsesto; hai palimtexto (Michael Davidson: cualidade interdiscursiva e material dun writing-in-process que emerxe dunha combinatoria aberta de fontes), e o lector paciente que non resista a tentación podería acudir ás cartas de Eliot, ao Eclesiastés, a Sterne ou á biografía que James Boswell escribiu sobre o propio Samuel Johnson. Unha vertixe de situacións comunicativas destinada a declarar moi abertamente a irrealidade da existencia, o baleiro dun escenario sen actores e a morte dos espectadores/lectores (en definitiva, da vida, nada menos), de maneira que como se ilustra no último dos cinco movementos do libro, House of Morning (46), ao meu modo de ver unha autopoética referida non só a este libro senón a todo un periplo,
[...] o discurso, a condición do discurso
persiste na necesidade da mente, na oscuridade da mente
por desvelar o que non pode ser desvelado
Co que nunca poderá ser revelado: os murmurios da inmortalidade.
Cómpre ubicar a intertextualidade ou a palimtextualidade de Paulino Vázquez no marco que a teoría semiótica ilustra baixo os conceptos de interpretante (Peirce) e transducción (Doleel). A cuestión estriba en que i) todo discurso é unha producción de semiose, unha iluminación de significados que ao tempo determina unha interpretación, e ii) todo discurso é o resultado de reelaboración de discursos previos en circulación permanente, estando á súa vez destinado a novas reelaboracións e transformacións. A esta luz a vella polarización entre poesía do coñecemento e poesía da comunicación perde virtualidade. A de Paulino Vázquez, vouno dicir dunha vez, sería unha poesía da transducción. Escoitarmos agora as voces (in)filtradas de Grupo de Bloomsbury, de Wyndham, de Boswell, de Emerson, do Bishop de Sharpe ou da primeira versión inglesa do Eclesiastés presupón unha actuación manipuladora de discursos efectivos e das súas respectivas contextualidades. )Para que? Evidentemente non cun criterio de documentación arqueolóxica, nin para ilustrarnos en cómo sería a vida privada dos ingleses do XIX ou do primeiro tercio do XX, nin para fabular historias ao xeito de Cunqueiro.
Xulgo asemade que o noso autor extrema neste libro a súa opción habitual pola construcción anamórfica. Esa transducción interpretante que cruza toda a Experiencia inglesa obedece precisamente a tal designio estético. A anamorfose inclúe a nota de perspectiva como elemento constitutivo da realidade, pero non é simple perspectivismo. A anamorfose supón un acto polo cal o lector ou espectador está forzado a ocupar unha posición non natural na contemplación da realidade que se lle presenta. O autor condúcenos a un umbral, paralízanos alí nunha posición estraña, incómoda, imponnos unha elocución mesta de murmurios e unha constitución de mundos mórbida e mixtilínea. Faino para que ollemos, para que leamos desde esa postura, para que cedamos de vez a unha alteridade modelada con materiais contenciosos coa nosa procedencia. Estrañaremos así o noso, e tamén o alleo. Estaremos nun teatro especular de mundos e discursos.
A obra lírica de Paulino Vázquez déixase explicar en parte no meu criterio sobre a base dese sistema de coordenadas que delimitan a transducción e a anamorfose. Está previsto que leamos as escenas da dubidosa realidade ou da verídica ficción desde unha identificación postural e discursiva co que a tradición trasladou a nós sobre tal ou cal personaxe/mundo. O xogo non exclúe nunca ao propio autor empírico, por suposto. El, e a súa voz, son así mesmo material anamórfico e transductivo, pero sempre mediado e fictivizado. Mediado entre outras cousas polo que o brevísimo John Keats chamaba negative capability, interesante en canto concepto para T.S. Eliot e os seus criterios distanciadores sobre a disociación da sensibilidade. Isto supón unha cesión de espacio ao matérico das cousas, aos derrelictos cultu(r)ais que o poema incorpora, aos discursos outros, sen que nada disto se someta en fin á personalidade do poeta. O poeta está nos seus poemas, si, mais a través dunha emoción reflexiva, a través das lembranzas apócrifas que o seu imaxinario acumula como pedras romeiras dun milladoiro non tan aleatorio. Deste xeito os poemas non resultan colonizados, non nos danan coa exposición dos marcos dunha propiedade experiencial à la mode. Paulino Vázquez —eliotiano convicto e confeso— é doutra clase de poetas, a dos elusivos, a dos non-efusivos.
Potencia iso de seu a cualidade de fabbro, de artesán da palabra. Este escritor non é un abducido das Musas, nin sequera das británicas que fan caldo en Stonehenge. Unha das concrecións máis palmarias da súa mestría radica no rendemento que nel acada a descrición, a miúdo amplificada, estrada difusamente na extensión toda do poema. Certa clase de anacolutos non estrictamente frásticos —anantapódotos— serven moi ben a un designio poético destinado a iluminar unha zona reservada do escenario, á ocultación da acción, tamén a encubrir a narratividade, a procesualidade (desde logo, tamén a dos feitos históricos; máis que na historia o noso poeta estaría interesado na disciplina que Reinhart Koselleck identifica como Histórica, unha doutrina das condicións de posibilidade de historias). No inicio do primeiro movemento da Experiencia inglesa, o titulado The Dark Ages, o lector fica perplexo tras tanta etopeia ancorada a un suxeito oracional sen oración: )que pasa con os poetas ingleses que habitaron na rexión dos lagos? A non-acción desemboca de seguido na invitación a velar pola memoria de Byron, Shelley, Keats... Eis outra manifestación da técnica anamórfica, que neste caso elimina todo rastro narrativo para permanecer exactamente na detención ucrónica ou panhistórica — sempre ao gusto de Eliot— da descrición, dese *poñer perante os ollos+ que os vellos rétores chamaron evidentia ou hipotipose. Paulino Vázquez modula aquí un evidencialismo de signo moi distinto ao practicado lucidamente por narradores como Cid Cabido baixo marcas como a dun laconismo expresivo movido ao imperativo eufórico duns acontecementos inmediatos. O evidencialismo tamén pode grelar, facerse arborescente, centrífugo e pausado, multiplicar a gramática afectiva do que se desvela con modo (Sterne dicía que a liña recta só seduce aos teólogos e aos que plantan nabos). A descrición ten neste caso un cometido máis epistemolóxico que topolóxico, máis hermenéutico que narrativo; e sirve ademais con maior eficacia a ese contrapunto ideogramático que tanto interesou aos modernistas de expresión inglesa. A descrición, lonxe de ser un momento de pausa acaba por identificar a totalidade do texto, acaba por condicionar pragmaticamente a proferencia, o acto discursivo que está na orixe enunciadora. Será razón, coñecemento, construcción. A descrición equipárase logo ao discurso, ensáiase como Erlebnis, como vivencia.
Dígase que Paulino Vázquez extrema neste seu libro —belo e delicado en tanto obxecto físico, acertado e xeneroso en todas as escollas do seu proxectista gráfico— unha concepción da escritura e unha instalación no discurso lírico verdadeiramente irremprazábel no panorama da poesía finisecular galega. Dígase que ninguén como el dialoga entre nós coa tradición anglosaxona que vai dos románticos aos modernistas. Dígase que ninguén como el vive entre catro cuartetos.