Cesáreo Carballido, sede auga. Edicións Xerais, Col. *Ablativo Absoluto+, Vigo, 2000.
[Publicado en A Trabe de Ouro, 43 (2000), 405-409]
Sempre que alguén fai a súa primeira aparición pública como escritor —e este é o caso— os lectores informados adoitan emprender un esforzo por ubicalo no mapa persoal dos gustos propios e das tendencias consolidadas. Ninguén le desde cero. Facémolo sempre de xeito contrastivo, na compaña daquela cartografía. Comparando o novo co que nos resulta sabido: indagando o significado e as implicacións desa toma de posición que é a publicación dun libro recén chegado. Cando este paga a pena, o primeiro indicador é que o noso mapa queda afectado, de xeito que temos que recompoñelo en maior ou menor grao. Estas pautas non afectan só aos lectores na súa individualidade, nin só aos críticos e ao resto de axentes do campo literario. O propio campo, como totalidade dinámica, reacciona igual.
O primeiro que eu percibín lendo sede auga, as sensacións e consideracións orixinais, confirmaron que me atopaba perante un libro actual, un libro en diálogo co presente, querendo oír e contestar —non sen riscos— ás preguntas que o presente traslada. Ese é un indicio fiábel da modernidade dun texto literario, segundo ensina o poeta italiano Mario Luzi. Se ben Cesáreo Carballido (Lugo, 1971) é un autor novísimo en canto á súa aparición na esfera pública, un poeta case inédito ata hoxe, non escribe desde ningunha afasia cultural nin vital. Está ao tanto dos problemas propios da linguaxe e da comunicación neste tempo histórico. E, certamente, sabe cousas da vida, algo que resulta inescusábel neste seu oficio de poeta. Coñece os usos e abusos da linguaxe, tan conectados cos propios das relacións de poder e de sometemento entre seres humanos —en razón de parámetros e intereses grupais, institucionais, sociais, económicos, sexuais...— que é naturalísima a tentación de identificalos. Carballido faino. Por iso se pode dicir que hai un mecanismo parabólico na palabra poética deste autor. Parábola, si; mais sen procurar exactamente unha explicación ou un descriframento dos aconteceres e dos discursos.
Neste sentido, sede auga é compañeiro de viaxe doutros libros de poetas novos e non tan novos do país. A súa poética —voltemos ao mapa localizador— mantén algúns puntos de contacto coa que se atopa en certos títulos de Fran Alonso (Persianas, pedramol e outros nervios) ou de Antón Rodríguez López (Manual de masoquistas), cunha narratividade na que o fundido en negro di tanto coma a luz cegadora dun verso irto, duro; cunha expresividade que xustapón tenruras aparentes a un anceio de agresividade, morbideza e mal, pero sen pagar tributo ao malditismo e á súa escolástica. Son propostas que tamén poderían exemplificarse, en dimensións non exactamente concordantes, con descubertas de Olga Novo, Estevo Creus, Chus Pato, Lupe Gómez ou Emilio Araúxo; en xeral, deconstructoras da sentimentalidade, da sensualidade e da racionalidade dominantes. No último dos autores citados —profesor de filosofía, editor, traductor, poeta, narrador...— recoñece Carballido unha especie de guía intelectual, clave na súa aproximación a Alain Badiou. O poemario Pois, que Araúxo imprentou en Noiratenga no ano 1998, deixa máis dun rastro na entrega actual do noso poeta.
O lector de sede auga intúe unha especie de proxecto inicial: ciscar ou estrar baleiros entre páxinas que atribúen discursos a non se sabe quén, difuminando a autoridade dun eu central e distorsionando a coherencia orgánica que se lle supón a un libro acabado. Un síntoma en cifra é esa creba das palabras que se practica incluso no índice do libro, e en particular en textos como *Dur od eler+ (25). Esa redistribución de sílabas e sons con aparencia de encrucillado finlandés a medio facer, destinada ela mesma a ser alegoría dun mundo escordado que esperase pola man experta dunha compostora; ou, contrariamente, que se encontrase a gusto de vez como perdición, como xoguete roto, en tanto fisura na planificación dalgún deus zarabeto e fracasado que repetise ata a extenuación a frase patética e falsa *o mundo está ben feito+, lema de calquera forma de poder, ladaíña-corolario na que insistirá todo agresor no intento de autoxustificarse.
Na interpretación que trazo recoñécense varios signos posmodernos: o fragmentarismo, a impugnación do sentimentalismo, a desligación emocional e racional, o nihilismo, a orfandade especular, a crise da linguaxe e a disparidade discursiva, a textualización da vida e das conductas, o cuestionamento da realidade efectiva, a imposibilidade do encontro, os narcisismos autodestructivos... Aínda máis: en declaracións xornalísticas dixo Cesáreo Carballido algo que perfila nidiamente o xeito no que concibe a comunicación poética. Manifestou —primeiros días do outono, cando o libro se presentaba en Compostela— que o lector idóneo é o que non dá sabido se o que está a ler ten algún valor.
Hai logo, acompañando esas marcas do tempo máis noso, certas pegadas doutro tempo histórico, ou doutros tempos: surrealismo, existencialismo, absurdo... Talvez me condicionen algunhas coincidencias biográficas, como a común peripecia parisina en tempo de forte implicación autodidacta, pero direi que noto un pouso de Cuña Novás nalgúns poemas de sede auga. Intermitencias dun certo neotebrismo existencial, mesmo na liña do último Cuña, o do poema *Lázaro+ e a súa segunda morte, onde aparece ese verso, *Leite mouro deitado na porta dos meus días+.
Carballido ten confesado, doutra parte, a importancia que para el tivo o achado da filosofía de Badiou, da poesía de Mallarmé, do contradiscurso de Beckett. Eu engadiría aínda outros nomes, a risco de equivocarme. Baudelaire, Bataille, Lacan, Cocteau, Blanchot... Badiou está moi presente en sede auga. Pero tamén o están, xa antes, certas estratexias e xestos surreais. Conxecturo, por exemplo, que o proceso creador arrinca para Cesáreo Carballido dunha predisposición favorábel ao automatismo e á obxectividade do azar da que falou Breton, promovendo case que o labor posterior a esa primeira dádiva dunhas musas inconstantes e inquietantes sexa a penas glosa ou eséxese que se esforza na autocomprensión, en recuperar un sentido aínda que sexa por mediación dunha colaxe non totalmente controlada, detrás dun rastro. O autor ten falado da procura dunha mitoloxía nova con fundamento estricto na linguaxe, empregando certas palabras como se fosen un pao de ferro, para abrir a fenda que xa logo se explora; ausentando, desprazando sempre o eu-suxeito e todos os seus excesos. Traslócese isto en poemas como *Arenga+ (p. 66):
tranquilo,
deber de soldado é mutilar pero
na casa sempre hai un buraco para saca-la cabeza
e dous para as mans, e un botón
e os cordóns, só un é o rebelde
Algúns rexistros dese automatismo semellan abrirse mesmo á experimentación lúdico-gnómica da literatura potencial. Tense a impresión de asistir, ás veces, ao inicio dun xogo de anagramas que se agochan, de palabras encaixadas ou embutidas, de hipogramas que sustentan claves non declaradas e subliminais que actúan como matrices semántico-temáticas xeradoras da totalidade do discurso poético a partir de concorrencias morfolóxicas e fonéticas. Xa no título hai algo diso, coa ambivalencia entre un oxímoron apositivo, suma de dous substantivos —sede + auga— xunguidos nun paradoxo correlativo do par carencia/presencia (ou desexo/satisfacción), e unha formulación imperativa que nos ordea que sexamos auga e fluamos e descompoñamos calquera fixación identitaria e toda dependencia da lóxica suxeito-obxecto. No sentido que Michael Riffaterre aplica ao concepto, non hai dúbida sobre o funcionamento hipogramático do verbo/substantivo ser en sede auga. Para mostra, o poema da páxina 72, que obedece ao designio do poeta de crear novas formas de tensión poética:
só que
só queda un tomate
comíchelo ti co teu pai onte
co teu pan onte. na salsa todo o que fo
foi volverá ser
ser
Amais, hai no libro un contrapunto expresionista e tráxico, que é o que revela a recepción de lecturas de Beckett, de Celan, de Trakl, de Kafka. Na lectura que eu fixen, sería o tratamento do espacio o que mellor declara esa converxencia. Antes que espacio, en sede auga hai evocación do espacio. Falta calquera intención de situar aos personaxes e ás voces se exceptuamos a recorrencia da polaridade dentro/fóra, ás veces resolta na apelación a un umbral, a unha zona liminar. É indicativo o poema da páxina 44:
apaga cando non vaias estar e bailemos case dentro xa que
non hai outro remedio se o clima nos expulsa
e non te vaias mollar,
xa te mollarei eu (bailemos case fóra)
cando te poida secar detrás como roupa tendida
co tempo xusto, e chegue a ti polo arame,
e haxa arame dabondo, suficiente roupa tendida entre ti e mais eu
Isto destaca máis polo propio feito da multiplicación das voces: son moitas, e non só non sabemos a quén corresponden exactamente senón que, porparte, ignoramos desde ónde nos falan, desde que experiencia e posición se dirixen a nós, os lectores. Imponse a suxerencia enigmática dun enclaustramento paradoxicamente errático, dun huis clos non declarado como tal pero que se dispón como escenario desarraigado, feito de silencios mestos e dunha violencia sempre inminente. Así, o poema *Xacente+ (p. 28) ponse en boca de alguén que está a morrer, ou que morreu xa. O acontecemento non é a morte, senón a molestia que o corpo pode ocasionar aos transeúntes mentres deciden se hai alí, no espectáculo do chan, algunha lección moral de proveito. Lacan observaría a este respecto unha preeminencia das condicións do acontecer sobre o suceso en si:
vencido como estaba, seguín no chan
de madeira como xa estivera no de pedra aquel
tan negro (frío o deixei
de indiferencia). Moito máis claro é este,
e absorbente, dígoo polas pingas, as derradeiras,
que do chorro denso algo queda aínda, non vaiades pisar
co calzado prateado e vermello dos intercambios.
Habedes ter que saltar
collendo unha boa carreira, ou mudar de rumbo,
e que a miña morte sirva de exemplo
nos colexios veciños ou non sirva nin de morte
Badiou recuperou nun ensaio dedicado á relación entre filosofía e poesía a vella consideración platónica de que o poema se mantén sempre na liminariedade, precisamente no umbral da dianoia ou pensamento discursivo, ao que nunca podería acceder segundo o autor de Fedro. Pero observou que coa modernidade se establece un cambio radical a este respecto, unha vez anotada pola ciencia a incompatibilidade de verdade e totalidade, unha vez asumido pola filosofía que a nominación de presencias acontecimentais é de esencia poética e pertence por tanto á poesía. Eu creo que a poesía de Cesáreo Carballido garda fidelidade a esa misión de fixar a desaparición do que se presenta, pero faino mediante unha aplicación de índole non impresionista, nin sequera fenoménica; unha aplicación non suxeita á captación dunha imaxe, dun sentimento, dun pensamento no instante de se declararen á conciencia. Non só como homenaxe a Mallarmé a súa é unha tarefa de dimensión ontolóxica e hermenéutica, pero atravesada de raíz pola soidade que se disputan Vladimir e Estragón mentres esperan por Godot. De aí a singularidade e a excepcionalidade do libro.
sede auga restitúe un xogo plural de emocións que se filtran nun algoritmo de distancias mediadoras. Hai ocos e baleiros estrados entre páxinas e brancos. Os poemas aparecen como doas de ferro e dor, malia que no colar puido haber palabras moles. Trátase dun libro sen sitio feito. Trátase dun falar paradóxico e parabólico, que se resiste a instalarse. Mesmo, a formularse, a constituírse.