(Poema elexíaco)
|
Nota previa: Xabier Sóñora, ferrolán de Canido, botánico, biólogo, amante da Terra, da natureza e da vida toda, pero sobre todo amigo, morreu de forma inesperada cando aínda lle quedaban moitas cousas por facer na vida. Intento estes poemas agarrado ás lembranzas que el e máis eu forxamos dende o xermolo da nosa amizade no xardín da adolescencia.
|
I AUSENCIA ELEXÍA |
|
ECLIPSES |
Hei de mirar os eclipses por ti os escondedoiros do Sol e da Lúa hei de mirar por ti os que pasarán por encima dos meus incertos camiños ao longo do rumor da miña gorxa. Mirareinos coa largura da primavera cos ollos certeiros do falcón coa sede do iris e a gratitude dos lirios. Mirareinos mesmo sorrindo dende os patamais da eternidade. Sorrindo mesmo mirarei os eclipses todos coa calor do teu silencio e a saciedade dos meus risos de xeo e nubes. Mirarei os eclipses todos por ti e por min mirareinos escudriñando a espesura do futuro atravesando os oasis dos morangos e os resplandores das mazás na estratosfera. Mirareinos coas olladas dos amenceres e os solpores mirareinos ata sermos capaces de filtrar os átomos imaxinarios da cegueira e as esencias da saudade das galaxias. E VIÑERON AS CEIFEIRAS E viñeron as ceifeiras ¡que lindo estaba o trigal! e en plena noite ceifaron as sombras mudas do pan. |
E viñeron as ceifeiras! |
E chegaron as ceifeiras ¡que vizosa era a seara! e anque era noite ceifaron atristurando as gadañas. |
E viñeron as ceifeiras! |
E ceifaron as ceifeiras ¡cada trigo era un trigal! e coas sombras non sabían o que estaban a ceifar. |
E viñeron as ceifeiras! |
E marcharon as ceifeiras cos gumes enfariñados as fouces eran de lúa as meses eran de lazo. |
E viñeron e viñeron e chegaron e chegaron e ceifaron e ceifaron e marcharon as ceifeiras! |
TRISTURA |
Triste coma o carbón, e esta tristeza é gume de navalla abrindo nubes e niños de soidade na cabeza. ¡Tristeza a que entristece e segue impune! Tan triste como os risos da invernía nos bronces nus das fríxidas estatuas no xélido voar das avefrías. ¡Tristeza incandescente en frías ascuas! No xofre desta dor a Lúa grita e o vento e a fraga e o mar e os paíños con triste voz os ollos me arrepían no triste tramo triste do camiño. |
SONETO DO MÉRCORES |
Un mércores quedáronme as espenucas da alma de bosques sementadas de argazo transparente e merlos de lembranza voaron mesmo a rente das miñas veas entre a rebelión e a calma. Illotes de coral praias de voz e palma agora que é tristura que a dor aínda está quente dicide se o sabedes suave e docemente por que anegou un mércores as covas da miña alma. O atlas da saudade abriuse folla a folla cruel a xeografía coutouse no meu peito enchido de violetas. Non puiden ter escolla. Quería embebedarme do vento en primavera mais tivo que chegar un mércores sen xeito que do ar fixo metal e do meu sangue cera. ROMÚLEAS EN ABRIL Camiños de monte aberto as romúleas florecidas e eu lembreime de ti. En flor aberto purpúreas ollos de vento e brancura monte e romúleas camiños abril lembranzas abril. Ollos de brancura e vento monte e romúleas, amigo, no colo do mes de abril lembranzas dos mil camiños que contigo percorrín. Romúleas do mes de abril ollos de monte e brancura camiño aberto no vento que contigo compartín. Romúleas meu amigo purpúreas meu amigo monte aberto meu amigo o mar bate no cantil. |
TAL VEZ |
Nin ti nin eu dende hai ben tempo non acreditabamos na onírica resurrección das papoulas. Pero agora, quizabes ti xa andes vadiando polos recunchos acuáticos dos versos incompletos, e eu, tal vez eu agora mude de funambulismo e comece a ilusionarme coa soidade volcánica dos xílgaros e coa floración das ametistas sobre os cardos. |
SONETO APRESURADO |
Arrincaches de min non sei que cousa que dentro tan gardada eu conservaba o adeus da túa vida é como a lava verquida sobre a pel a ferro e lousa. Non doe a dor tan só da túa ausencia nin as lembranzas que pra nós labraches que doen tamén as presas que tomaches cando era innecesaria esta impaciencia. Sabemos que pra ti nunca era tarde que eras perseverante coma o mar non tiñas presa nunca ¿por que agora? a que ven este amorfo e escuro alarde ¿por que te apresuraches pra marchar se aínda tiñas tempo e non era hora? ROMANCE PEDINDO SILENCIO Areais de mar aberto culcitas da Capelada malloeiras de Pantín montes rasos mestas fragas lobos do Courel e Ancares cumes de neve bañadas peneireiros caranguexos veados das madrugadas miñocas ras caracois moscas de todas as razas... calade todas as bocas e non barulledes nada. Chascas merlos paporroibos cunchas de sal e de nácara ventos do mar do Prioiro himenófilos arañas coellos do monte ratos denociñas londras martas bolboretas lavandeiras chioglosas lusitánicas cotovías dos camiños curuxas de noites máxicas... calade todas as bocas e non barulledes nada. Marusías da Frouxeira corredoiras sen distancia fragas do Eume e Monfero lagoas regos pucharcas escuridade das lúas chirlosmirlos treboadas baleas de norte e sur peixes do océano e algas camariñas das marmeas silvamares espadainas... Calade todas as bocas e non barulledes nada calade todas as bocas e non barulledes nada que Xabier está durmindo un sono de circunstancia nos altos cumes do vento nun mar de flores moi brancas. |
SERANTES |
Xoves Santo de abril. Serantes está lindo lucindo primavera. Lento moi lento o río. As flores se enguedellan. O Sol perdeu vergoña. O vento só é un bico no abalo das corolas. Silencio no camiño. O tempo tamén mudo. Xoves Santo. Serantes. Onde se para o mundo. Serantes vese lindo anque a morte está farta. Abril. Garzas na ría. Algún paxaro canta. |