"As consecuencias da emigración sobre a familia enlazan coas que afectaron á muller no seo da sociedade galega . Aínda que non emigrara persoalmente (sempre houbo menos mulleres emigrantes que homes), o rol da muller en Galicia víuse substancialmente modificado como consecuencia da emigración. O viaxante inglés Aubrey F. G. Bell deixou escritas unhas breves pero interesantes -anque obviamente discutibles- reflexións sobre a posición social da muller en Galicia, na serie de relatos que escribíu como resultado da súa curta esta-día en Galicia un verán a comezos da década dos vinte. Asociando emigración e posición social da muller en Galicia, Bell definíu esta en termos de matriarcado do mesmo xeito que, poucos anos máis tarde (1.929), Luis Bello caracterizaría a mesma situación social como ginecocracia aldeana. Ámbolos dous termos teñen sen dúbida o mesmo significado, diferenciándose únicamente pola etimoloxía (latina no primeiro caso, grega no segundo). Sen discutila aptitude dos vocábulos utilizados para defini-la cuestión sometida a debate, os dous autores entenderon por "matriarcado" ou "ginecocracia" -L. Bello máis implícitamente- o goberno práctico e efectivo da sociedade polas mulleres. Sen embargo, L. Bello matizou que se trataba dun goberno con máis deberes que dereitos e ambos coincidiron en salientar, como substancia dese control social feminino, o conxunto de obrigas e responsabilidades que pesaban sobre a muller galega como consecuencia da emigración masculina. Segundo L. Bello, á muller correspondían, ademais da función de reproducción e maternidade, a dirección da casa e dos labores domésticos así como a responsabilidade absoluta da explotación agrícola e gandeira. Bell limitouse a facer unha descripción máis pormenorizada das actividades femininas, engadindo ás sinaladas por L. Bello as actividades de tipo mercantil (compra-venda de gando e de excedentes agrícolas, domiciliaria ou no mercado) e resumindo a súa percepción da función social das mulleres galegas na afirma-ción de que "traballan arreo desde moi novas ata o día da morte". Nos dous autores atopamos unha caracterización da muller galega feita por contraposición co home. Para Bell as mulleres galegas eran "espléndidas", "fortes" e "ben desenvolvidas", por contraposición ós homes, que definía como "débiles" e "chorimiqueiros". L. Bello atribuía ás mulleres máis virtudes cós homes, pero tamén o perigo de incorporar algúns dos defectos característicos destes (a taberna especialmente), como consecuencia de ter asumido responsabilidades consideradas como típicamente masculinas. A taberna representaba para L. Bello un mecanismo de degradación moral e, no caso da muller, un factor suplementario de masculinización. O único signo de poder e autoridade que, na súa descripción do matriarcado galego, Bell atribuía á muller era o control da bolsa dos cartos e a facul-tade de dispensárlle-los ó home segundo o seu arbitrio, sobre todo para gastos de taberna. Polo demais, Bell descubríu as principais anomalías da estructura demográfica de Galicia -que logo se repetirían sistemáticamen-te a maneira de tópicos-, ó salienta-lo predominio de certos grupos de idade (nenos e vellos) e dun xénero so-bre o outro (mulleres sobre homes). Galicia aparecía, ós ollos de Bell, como unha terra de "viúvas" e "orfos" de vivos, "sen homes" . Obviamente resulta discutible a asociación que Bell establece entre matriarcado e conservadurismo da sociedade galega. No que atinxe ás causas da emigración, Bell atribuíaas á tradición e ó espírito aventureiro, descartando a falta de traballo (necesidade) ou o servicio militar. Prudencio Rovira destacou, sen embargo, que a brillantez intelectual da muller galega constituíu un fenómeno reservado ás clases elevadas da sociedade, como polo demais acontecía noutros ámbitos xeográficos. Isto sucedía así debido á grave desigual-dade de oportunidades, que empecía á clase campesiña e traballadora en xeral o acceso á educación e ó cultivo da intelixencia.
Nun dos máis belidos textos sobre a situación social da muller galega a comezos do séc. XX, o mesmo P. Rovira describíu tamén a sociedade galega da época como unha especie de organización matriarcal , na que sen embargo as mulleres ostentaban unha autoridade algo limitada, que ademais se exercía indirectamente. A diferencia de A. Bell e de L. Bello, P. Rovira non utilizou o termo expreso de "matriarcado", pero definíu situa-cións sociais análogas ás descritas polos autores sinalados anteriormente e cualificadas por eles mediante os vocábulos "matriarcado" ou "ginecocracia". Rovira atribuía á muller galega a cualidade de posuír unha especie de "pensamento director" e "vontade dominante", se ben actuaba sempre someténdose voluntariamente "ó xugo do amor e do traballo". Pero nada se facía no fogar doméstico sen contar coa súa autoridade e consello. Claro que o prezo do prestixio social de que disfrutaba a muller en Galicia resultaba demasiado caro. Os máis duros labores, tanto domésticos como agrícolas e gandeiros, pesaban sobre ela, sobre todo no caso de emigra-ción dos homes da familia. Convertida en "máquina de traballo", "menos que unha mañá dura(ba) a primavera dos seus feitizos". En definitiva o pretendido "matriarcado" comportaba para a muller galega, segundo P. Rovi-ra, moitos máis deberes que privilexios. O que máis valía en Galicia era a muller e nada sen ela podería prospe-rar nunha sociedade , agraria e familiar, devorada pola emigración. Así mesmo a revista bonaerense Céltiga salientaba, arredor de 1930, que o inmenso traballo realizado pola muller galega non se limitaba aos labores domésticos e agrícolas, senón que tamén resplandecía nos campos do pensamento (os grandes pensadores galegos do século XIX e comezos do século XX foran moitos deles mulleres) e da política (as mulleres destaca-ron, por xemplo, como as principais víctimas dos conflictos agrarios que ocorreran en Galicia nas primeriras décadas do século XX)".
Tomado de A Emigración: modernización e cambio social na Galicia Contemporánea (1.900-1.936), (Santiago, Ed. Laiovento, 1.999), pp. 66-70.