"O particular tipo humano do segador-emigrante, desenvolvido sobre todo ó longo dos séc. XVIII e XIX, constituíu un elemento característico da sociedade galega e o seu reflexo perdurou no sentimento popular e na herdanza cultural, sobre todo castelá, que chegou a elaborar unha imaxe do galego asociada á brutalidade, ignorancia, avaricia e sordidez; imaxe que en boa medida sobrevivíu ata fai pouco tempo e se difundíu desde Madrid a Bos Aires. Tales eran o desprezo e as aldraxes inflixidas ós emigrantes intrapeninsulares galegos do séc. XVIII que unha R. O. de 1.761 esixía ás autoridades locais ofrecer seguridade ós galegos de que non sufrirí-an vexacións por parte das tropas nin dos veciños dos pobos que atravesaban. Ata que en Castela se producíu a mecanización dos labores agrícolas, o tipo de segador-emigrante perdurou no séc. XX durante varias déca-das, convivindo coa gran onda da emigración transoceánica. O volume demográfico deste movemento migrato-rio estacional (emigración "anduriña") pode cifrarse, para o séc. XVIII, entre 25 e 30 mil persoas cada ano, das que aproximadamente unha terceira parte eran mulleres, que adoitaban actuar como auxiliares dos homes na colleita, transporte e malla dos cereais. Xunto co oficio de segadores, os galegos desenvolveron na meseta castelá outras actividades, como vendimadores-viñateiros, albaneis, canteiros, afiadores e, na capital, augado-res, criados domésticos, etc. O desprazamento a Castela efectuábase estacionalmente (a ida en abril ou maio e o retorno, en agosto ou setembro, anque este acostumaba retrasarse algo no caso dos vendimadores) e en forma colectiva, en cuadrillas de traballo dirixidas por un capataz, levando a veces mulleres e fillos. A maior proporción deste tipo de emigrantes recrutábase entre os xornaleiros do campo e os labradores pobres ou sen terras. En canto á xeografía, as maiores aportacións procedían das provincias interiores (Ourense e Lugo, por esta orde), seguidas a bastante distancia polas de Santiago, Tui e Mondoñedo. Segundo Fernández Santiago, a emigración intrapeninsular afectou a "toda Galicia e, a pesar da primacía das provincias de Lugo e Ourense, todo o territorio galego participaba no fluxo emigratorio". Os camiños utilizados para o desprazamento eran básicamente 5: tres a través da provincia de Ourense (a ruta do Sil, a ruta central ourensá e a ruta sur) e dous pola de Lugo (o camiño real e o vello camiño francés), confluíndo todos eles en Benavente, tanto á ida como á volta. A viaxe duraba normalmente 15 días á ida (pola carga que levaban) e 12 días ó regreso. Segundo o citado Fernández Santiago, ó quedar aberta a liña do tren A Coruña-Madrid no ano 1.883, o ferrocarril converteuse no medio de traslado habitual para os segadores, cando menos da Terra Chá. Nos derradeiros anos da emigración a Castela, algunhas cuadrillas terminaron substituíndo o ferrocarril polo alugamento de autobuses privados ou camionetas, que os levaban directamente ós pobos de Castela onde ían traballar. O destino das migracións temporais galegas foi fundamentalmente Castela, pero tamén Andalucía e Portugal. Entre as razóns para emi-grar a Portugal (a parte da proximidade xeográfica: esta emigración nutríase sobre todo de persoas das provin-cias de Ourense e Tui) figuraban as de orde militar (evadi-lo servicio de armas), económica (esperanza de obter mellores salarios que en Castela) e social (evita-lo desprezo e os malos tratos de que eran obxeco por parte dos casteláns; obxectivo que polo demais tampouco acadaban de todo en Portugal). No que atinxe ás razóns da emigración a Castela, compre buscalas na complementariedade dos dous sistemas agrarios: o castelán e o galego. Castela, dedicada á producción de cereais, demandaba unha gran cantidade de man de obra nun perío-do curto de tempo, o da colleita. Galicia en cambio precisaba buscar recursos complementarios fóra da súa área económica para poder garanti-la capacidade de supervivencia das familias campesiñas. As relacións entre estes dous grupos humanos, casteláns e galegos, eran simplemente utilitarias e de signo económico. Os únicos contactos eran de orde estrictamente laboral. Trátase de dous grupos perfectamente definidos e pechados en sí mesmos, que "actúan como dous mundos descoñecidos que se miran con receo... e cunha visión parcial e negativa" . De aí a frecuencia dos estereotipos, especialmente negativos para a imaxe dos galegos. Tanto en Castela como en Portugal, a temporalidade deste tipo de migracións prolongábase durante algúns anos no caso de certos oficios como albaneis, canteiros, etc. Montenegro Saavedra citaba tamén, como destinos da emigra-ción intrapeninsular galega, Xibraltar e Bilbao.
Son numerosos os estudios, xeralmente de carácter etnográfico, encol das asociacións de segadores , elaborados durante o presente século. O de N. Tenorio segue a ser un dos máis valiosos, anque non o máis completo. Recentemente o xa citado Fernández Santiago proporciónanos unha descripción enormemente deta-llada sobre as "cuadrillas de segadores" galegos que, desde a Terra Chá, acudían tódolos anos a Castela para a recolección dos cereais (cebada, avea, garavanzos e lentellas, ademais de trigo). O citado autor insiste delibe-radamente na xerarquización interna das cuadrillas, que se amosaba en múltiples aspectos: funcións, salario, comida, etc. As funcións principais dentro da cuadrilla eran a de maioral (de varas), trasmaioral, homes e rapa-ces. Estes eran os atadores ou gaveladores, pero tamén se ocupaban de ir buca-la auga e as comidas, estando sempre adscritos a un determinado segador ou ó maioral, que se facía cargo deles ó sair da súa casa (como se dun sistema gremial se tratase). Os "homes" eran os segadores en sentido estricto, pero estaban tamén inter-namente xerarquizados en base ó criterio do número de segadores que controlaba cada un. Entre os "rapaces" e os "homes" existía unha categoría intermedia e temporal: a de "fouzáns" ou "media-fouces", que aínda o ano anterior actuaran como gaveladores, estreándose no presente como segadores, coa esperanza de accede-lo ano próximo á categoría dos "iguais" (homes). O "trasmaioral" era o segundo en importancia dentro da cuadri-lla: substituía ó maioral durante as súas ausencias e sobre todo representábao na dirección dunha cuadrilla menor cando a sociedade era moi numerosa (ás veces ata 100 homes) e se subdividía en grupos, ó chegar a Castela. No cumio, o "maioral" representaba o máis alto rango dentro da cuadrilla: era o que contrataba ós segadores, o que buscaba a sega; era o xefe en definitiva. A característica que lle confería o poder era a capaci-dade para contratar traballo con propietarios casteláns. Por tanto, calquera segador podía acceder a esta cate-goría se encontraba propietarios cos que contrata-la sega o ano vindeiro. O recrutamento de segadores polo maioral facíase seguindo determinadas pautas, como a de tratarse de persoas non alleas ó seu círculo de rela-cións (veciños, amigos, familiares). Ás veces a inclusión na cuadrilla facíase a cambio de cartos ou prestacións en traballo en favor do maioral. A xornada de traballo duraba de sol a sol (fórmula bastante imprecisa, que daba lugar a friccións). A única interrupción producíase a mediodía, cunha pausa de dúas horas, que os segadores aproveitaban para comer e descansar. Ó remata-la xornada, regresaban á casa do amo, onde ceaban (por conta do propietario) e durmían (no palleiro). En Castela a Nova, as comidas e o descanso nocturno facíanse nas mesmas parcelas de traballo, ó sereno ou cubertos polos monllos da sega. Os contratos de traballo eran bási-camente de dous tipos: a xornal e a contrata. Os primeiros predominaban en Castela a Vella; os segundos, en Castela a Nova. Nas comidas observábase de novo a influencia da xerarquización no seo da cuadrilla. Comíase da ola común, sen porcións individualizadas (agás no caso de alimentos sólidos, como carne ou pan), pero seguindo unha orde preestablecida en función do rango de cada un. Tamén o volume ou calidade das porcións sólidas variaba, de acordo co mesmo criterio. Os salarios cobrábanse e distribuíanse ó remate de cada contrata. O reparto facíase polo sistema denominado "as pedras e os cortes", escasamente igualitario. E dicir, sobre unha manta, en presencia de toda a cuadrilla, facíanse tantos montóns iguais de cartos (pedras) como membros tiña a cuadrilla. Logo detraíaselle ós rapaces, e frecuentemente tamén ós fouzáns, unha parte da súa sorte ou "pedra" (corte) -que podía representa-la metade ou máis do seu montón- para ser repartida entre os demais segadores. Gracias a este sistema, nas cuadrillas numerosas as diferencias salariais entre o maioral e o sega-dor do último rango podían ser abismais.
Desde fins do séc. XIX, sen embargo, producíuse un lento esmorecemento das migracións estacionais, comezando polas comarcas máis dinámicas de Castela -como Terra de Campos-, onde a introducción de mello-ras técnicas na agricultura e a progresiva maquinización do campo substituían, cada vez con maior éxito, ó traballo humano. Esta substitución aconteceu aproximadamente a partir da fin da 1ª década do séc. XX. Pero en Castela a Nova e na maior parte de Castela a Vella, a introducción de maquinaria producíuse lentamente e non de forma moi xeneralizada. Deste xeito, durante o primeiro tercio do presente século , as migracións estacionais de galegos a Castela continuaron a ter bastante importancia. P. Canitrot deixou, nun dos primeiros números de Acción Gallega, un belido relato literario sobre a campaña estival dunha cuadrilla de segadores galegos que traballaban polos arredores de Madrid. Nesta cuadrilla, o cargo de maioral estaba ocupado por un mestre de escolas -medio morto de fame por impago do seu concello-, que durante o inverno cultivaba a intelixencia dos fillos dos seus camaradas para que logo puideran emigrar "con algún coñecemento" e con proveito e, durante o verán, enrolábase nas cuadrillas de segadores para non morrer el mesmo de fame. O texto salienta a dicotomía social existente entre casteláns e galegos e o desprezo de que estes eran obxecto (mesmo por parte das autori-dades), ata o punto de renunciaren a reclamar nada oficialmente, confiando únicamente na vía dos feitos (deixando, por ex., podrece-los garavanzos no campo para obrigar deste xeito ós amos a incrementa-lo seu soldo). Canitrot amosaba tamén no seu relato a combatividade (a fouce como símbolo de loita) contra o foro e o caciquismo -é dicir, a prol da redención do agro- que caracterizara ó movemento "Acción Gallega" na súa pri-meira época. Na II República continuaba o éxodo estival de segadores galegos a Castela, mais agora entorpeci-do pola Lei de Termos Municipais, que prohibía a contratación de traballadores foráneos para os labores agríco-las, mentres non estiveran empregados os obreiros do termo municipal onde se realizaban os traballos. Esta lei perxudicaba obviamente os dereitos tradicionais dos segadores galegos a participar nos labores de recolección en Castela e deixaba a numerosos braceiros galegos sen traballo ou en situación de desamparo, cando xa em-prenderan a viaxe a Castela. Fernández Santiago considera que a lei non tivo efectos importantes para os sega-dores galegos, dada a forte demanda de man de obra nun período moi curto de tempo, que resultaba de difícil substitución por outro procedemento. Santiago Álvarez polo contrario deixou constancia nas súas memorias dos problemas que se produciron como consecuencia da aplicación desta lei. O mesmo sentido ten a interpela-ción parlamentaria de Basilio Álvarez ó Ministro de Traballo e Previsión (F. Largo Caballero) en favor duns compatriotas galegos ós que, ocupados en labores da sega nos arredores de Madrid (Móstoles), se intentaba anular un contrato de traballo, debidamente autorizado, en nome da citada lei. Neste caso, o alcalde fixo honor ó seu cargo e á palabra empeñada en favor dos galegos contra as pretensións legalistas do gobernador civil. Incluso durante a Guerra Civil continuou o éxodo estacional de galegos a Castela, malia as dificultades da si-tuación bélica. As necesidades alimenticias do exército e da poboación en retagarda así como a destrucción da maquinaria agrícola converteron estas migracións en indispensables, aínda que máis arriscadas e perigosas, como pon de manifesto o relato de Faro de Vigo. De aí a súa potenciación por parte das autoridades da zona nacional (declarando obra de "utilidad nacional" a recolección de cereais nas diversas campañas), o apoio dos gobernadores civís á formación e saída de cuadrillas e a elevada consideración atribuída ós segadores na me-dida en que contribuían, de xeito moi importante, ó mantemento do exército e da poboación civil. As causas da progresiva desaparición das migracións estacionais de galegos a Castela hai que buscalas fundamentalmente, segundo Fernández Santiago, en dous tipos de fenómenos: a). o incremento da corrente migratoria galega a América desde fins do séc. XIX; b). a lenta difusión de maquinaria agrícola nas zonas de producción cerealeira, convertendo en superflua gran parte da actividade física humana. A desaparición definitiva deste tipo de migra-cións pode situarse nos comezos da década dos sesenta, cando a mecanización agrícola está a punto de acada-las súas cotas máis elevadas, consolídase en España o capitalismo de tipo industrial e a prosperidade europea abre a tódolos españois, campesiños e obreiros, a oportunidade dunha emigración máis vantaxosa".
Tomado de A Emigración: modernización e cambio social na Galicia Contemporánea (1.900-1.936), (Santiago, Ed. Laiovento, 1.999), pp. 40-48.