Centro de Documentación da AELG
A demografía na Galicia contemporánea (1.900-1.936) - Escolma II
Magariños Sueiro, Alfonso

 "O estudio etnográfico da parroquia rural galega  foi abordado desde moi cedo. Pódese dicir que os numerosos autores que, nas primeiras décadas do presente século, estudiaron o dereito consuetudinario galego coas súas principais institucións actuaron movidos por criterios de inspiración etnográfica ou etnolóxica, de maneira que a maior parte das súas obras merecen a consideración de ensaios antropolóxicos tanto como de tratados xurídicos. Os nomes de M. Lezón Ferández, A. García Ramos, E. Montenegro L. Saavedra, Villar Gran-gel, P. Rovira e outros merecen un lugar destacado neste recordatorio . Pero, de maneira máis sistemática e directa, o estudio etnográfico da cultura galega fora xa abordado desde a segunda metade do século XIX ou, mesmo, no século XVIII (Feijóo, Sarmiento, P. Sobreira). En 1.884 fundouse na Coruña, baixo o patrocinio de E. Pardo Bazán, a "Sociedad de Folklore Gallego", que pronto iniciou as súas actividades e a publicación dos seus resultados en revistas. Por esas datas publícase o tomo IV, dedicado a Galicia, da Biblioteca de Tradiciones Populares, (Madrid, 1.884); Folklore Gallego, (1.886); Cancionero Popular Gallego, de José Pérez Ballesteros, con prólogo de Theóphilo Braga. Sen embargo a verdadeira febre etnográfica é característica dunha lista de autores do século XX, como E. Carré Aldao, L. Carré Alvarellos, V. Risco, A. Fraguas, D. García Sabell, N. de Hoyos Sancho, V. Lis Quibén, X. Lorenzo Fernández, J. Naya Pérez, L. Prieto, J. Rodríguez López, X. Taboada Chivite, F. Cuevillas, F. Bouza Brey, X. Ferro Couselo e outros. Recientemente C. Lisón Tolosana deu ós estu-dios etnográficos e antropolóxicos sobre Galicia un tratamento máis sistemático e globalizador, iniciando un camiño que tería postriormente numerosos e importantes seguidores. Un dos pioneiros da investigación etno-gráfica en Galicia foi, a comezos do século XX, Nicolás Tenorio, gaditano de nacemento e xuíz de Primeira Ins-tancia e Instrucción no Partido Xudicial de Viana do Bolo. O seu ensaio La Aldea Gallega é prácticamente a única obra escrita que o autor legou á posteridade, pero a valoración da que foi obxecto seguíu sempre unha liña ascendente, sobre todo nos últimos tempos. Tenorio prefería o termo "aldea" ó de "parroquia" -de connota-cións máis marcadamente eclesiásticas e relixiosas-, pero atribuindo a ambos o mesmo significado. Describíu as orixes céltico-iberas da aldea galega (o clan), os seus elementos aglutinantes (relacións de parentesco), o grao de evolución tecnolóxica do mundo rural do seu tempo, así como as súas institucións características. A principal era o concello de aldea, que continuaba a ter autonomía administrativa nalgunhas parroquias da épo-ca, sobrevivindo con dificultade á tendencia expansiva e absorbente da administración municipal residenciada na vila. Tenorio estudiou esta institución tradicional aldeana con amplitude e, ó mesmo tempo, cunha actitude de admiración que a súa independencia ética como estudioso da materia lle prohibía exteriorizar. Co tempo os concellos de aldea e as súas autoridades ("Postor", "Alcalde Pedáneo", "Síndico") verían limitadas as súas funcións a servir de intermediarios para a publicación dos acordos municipais (bandos), pero de momento o autor constatou o feito de que algunhas aldeas aínda mantiñan a súa propia organización -rexida polo costume- dentro do sistema oficial de organización administrativa presidido pola vila. En efecto, conservaban unha auto-ridade propia, propiedades comunais, determinadas prácticas de cultivo, festas públicas e unha organización familiar específica.

     Á súa vez Alfredo García Ramos, poucos anos máis tarde, estudiou o réxime administrativo autónomo da parroquia de Taboadelo (Ponte Caldelas) como unha especie de "supervivencia" de vellas institucións tradi-cionais, fenecidas en todas partes . García Ramos cita algunhas outras parroquias das provincias de Ourense e Pontevedra onde, como excepción nos anos iniciais da segunda década do século XX, estaba aínda vixente o réxime de administración parroquial (Bande, A Estrada, etc. ). O goberno autónomo da parroquia de Taboadelo exercíase a través da "Xunta dos homes" da aldea que, dotada dunha "omnímoda autoridade", concentraba todo o poder real dentro dos límites territoriais da parroquia e nas materias de interese común, desempeñando funcións de policía, fiscais, xudiciais -especialmente como tribunal de conciliación- e, sobre todo, de fomento dos intereses colectivos mediante todo tipo de obras de mellora do medio e de reparación dos desperfectos ocasionados polo uso e o paso do tempo nos bens de utilidade pública. Situado á marxe das canles oficiais da acción do Estado, o réxime de administración parroquial víase precisado a actuar, na práctica, como un meca-nismo de pura reproducción das condicións de vida colectivas propias dunha economía agraria de subsisten-cia, limitado como estaba no seu cometido pola escaseza de recursos disponibles (medios técnicos arcaicos, man de obra colectiva e producto pecuniario das sancións e multas individuais). A "Xunta dos homes" de Ta-boadelo  -do mesmo xeito que a doutras aldeas onde o sistema de administración parroquial aínda pervivía-  non podía ser outra cousa que unha simple imaxe ou representación da mentalidade da sociedade rural da Galicia de comezos de século. García Ramos atribuíalle unha serie de características, ás que se poden engadir outras que o documento transcrito silencia, pero que se deducen del:

  • trátase dun goberno de tipo patriarcal, onde o poder é outorgado ós que disfrutan da plenitude de dereitos civís, como consecuencia de ter acadado a madurez e a experiencia vital que proporcio-nan os anos.
  • trátase dun goberno exclusivamente masculino -onde o rol das mulleres é totalmente silenciado-, como correspondía á mentalidade marcadamente machista da época. Sen embargo, a representa-ción exclusivamente masculina da sociedade rural galega da época podía compatibilizarse cun certo grao de organización matriarcal neste tipo de colectividades.
  • trátase, en fin, dun modelo real, a escala reducida, de democracia directa, que García Ramos de-nominou como "entidad de democracia pura", nun empeño comprensible de sacralización do sis-tema por parte do autor. De aí a denominación de "repúblicos" (persoas dedicadas ós intereses colectivos), atribuída ós membros da "Xunta de homes",  e de aí tamén que García Ramos consi-derara ó emerxente movemento agrario como antagónico nas súas características co sistema de autogoberno parroquial e, en consecuencia, como a principal causa da súa total e definitiva des-aparición".

Tomado de A Demografía na Galicia contemporánea (1.900-1.936), (Noia, Editorial Toxosoutos, 2003), pp. 68-72.