Centro de Documentación da AELG
A demografía na Galicia contemporánea (1.900-1.936) - [Escolma]
Magariños Sueiro, Alfonso

     "O predominio demográfico que representaba o campesiñado quedaba deste xeito negado polo control efectivo que, desde as cidades, exercían sobre o mundo  rural as clases medias e a pequena burguesía urbana. Para evitar este desequilibrio, a clase campesiña podía e debía dominar Galicia, transformando esta nunha gran comunidade agraria. En consecuencia, fronte á teoría da gran urbe tentacular, Risco defendía a existencia de diversos e pequenos núcleos urbanos que, controlándose mútuamente, non impediran o necesario e lexítimo protagonismo do campesiñado. Igualmente contrario á creación dun "gran centro urbano aglomerado", por razóns predominantemente filosóficas e éticas (deshumanización da vida), era Otero Pedrayo.  A súa vez, Correa Calderón  opoñíase tamén á creación dun núcleo urbano único, hexemónico e dominante, por consideralo artificial, tendo en conta a estructura demográfica (poboación dispersa) e económica de Galicia (predominio das actividades primarias: agricultura, gandería, pesca, minería). Defendía, en consecuencia, un urbanismo moderado de tipo policéntrico e consideraba que unha das grandes utopías, aínda por realizar, consistía en "urbanizar" toda Galicia, tecendo entre os diversos núcleos demográficos (cidades, vilas e aldeas) unha tupida rede de comunicacións mediante a multiplicación de estradas, pontes, tranvías, camiños de ferro e veciñais. Case polas mesmas datas, Blanco Torres  amosábase igualmente contrario á cidade única e tentacular ("cidade-río" ou "cidade-tribo", xeradora de subordinacións e dependencias), simbolizada no modelo urbanístico francés, onde París lograra concentrar todos os valores e enerxías nacionais, subordinando o desenvolvemento do país á máquina implacable do centralismo. Defendía en consecuencia a pluralidade de núcleos urbanos, determinada ademais pola estructura demográfica e económica de Galicia ("país de riqueza rural y de vecindad atlántica"). Laiábase Blanco Torres, xa na súa época, do "absentismo espiritual" das cidades galegas, do seu carácter amorfo e despersonalizado, "sin conciencia propia, sin sentimiento histórico ni étnico". Non consideraba en consecuencia o xornalista cuntiense que a creación dunha gran cidade ou a simple potenciación urbanística das amorfas cidades galegas da época constituíran un argumento suficiente para que, ipso facto e mecánicamente, quedara garantida a prosperidade futura de Galicia.

     Quizais un dos autores máis descoñecidos, pero que máis reiterada e sistemáticamente reflexionou sobre o problema do urbanismo en Galicia e da súa relación co mundo rural, foi E. Luis-André. Aínda que de forma matizada e pouco explícita, Luis-André inclinouse tamén por un urbanismo de tipo policéntrico  con dúas cidades rectoras e ganglionares (A Coruña e Vigo), ás que, incluíndo outras veces Vilagarcía, denominou "as tres perlas do Atlántico". Estas tres "cidades do porvir" constituirían unha especie de "Hansa Galaica" que, a imitación da teutónica, estaban chamadas a render copiosos froitos de solidaridade sobre toda a rexión. Xunto a estas cidades do futuro, Luis-André enumeraba noutros artigos as "cidades do presente", que se desenvolve-ran principalmente ó abeiro do réxime provincial de 1833 (Lugo, Pontevedra e Ourense) e, finalmente, as "vellas cidades" ou "cidades do pasado" (Santiago, Ferrol, Tui, Mondoñedo e Monforte) que, polo seu peremne adormecemento -tres delas debido, sobre todo, á súa condición de cidades levíticas-, estaban chamadas a xogar un escaso protagonismo no futuro de Galicia. Luis-André concebía as cidadades como unha especie de "encéfalo" da vida rexional pero, ó seu parecer, o sistema urbanístico galego carecía do necesario dinamismo creativo e articulador, non sendo incluso as cidades máis progresivas  -como Vigo e A Coruña-  capaces de cumprir a súa función natural de "válvula reguladora" do arrepiante éxodo rural que se estaba a producir nas tres  primeiras décadas do século XX. En efecto, estas dúas cidades, na súa condición de grandes centros portuarios, víanse condenadas a exercer o triste oficio de "vertedoiros de carne de canón", entregándolle diariamente ós grandes transatlánticos o excedente da poboación campesiña para o seu desterro en América. Segundo Luis-André, os desaxustes demográficos de Galicia debían ser freados e corrixidos construíndo "la gran ciudad a nuestra imagen y semejanza", expresión que implicaba ó mesmo tempo varias actuacións necesarias :

  • organizar as cidades galegas como escolas de cultura e traballo, en substitución da función de focos de caciquimo e de dominación do mundo rural que tradicionalmente tiñan atribuída.
  • construir "la ciudad en el campo"; é dicir, difundir o espírito urbano no agro e urbanizar o campo mediante un amplo programa de estradas, co que se eliminaría o divorcio existente entre o agro e a cidade.
  • transformar Galicia nunha área metropolitana única, establecendo un sistema de comunicacións completo -por terra e por mar-  de xeito que quedasen unidas, en espacios razoables de tempo, tanto as distintas cidades entre sí coma o interior co litoral.

Fronte á teoría policéntrica risquiana e seguindo a autores como F. Flórez e Lustres Rivas, Villar Ponte  adheríuse á idea primixenia de Faraldo, reivindicando a potenciación dunha gran urbe galega, tentacular e dominante, en base a dous argumentos fundamentais de carácter negativo:

  • en primeiro lugar, o perigo de absorción da periferia polo centro co conseguinte efecto da atomización das almas e o minifundio dos espíritos por falta dunha gran urbe central articuladora e nu-cleadora da identidade colectiva
  • en segundo lugar, os perniciosos localismos disgregadores producidos pola pluralidade de núcleos urbanos, en estado de sistemática competencia entre sí. 

     Na época de Villar Ponte constituían xa unha experiencia ben aceda as frecuentes desavinzas entre A Coruña e Vigo e entre Santiago e A Coruña, por mor de intereses particularistas, que impedían a consolidación dunha forte conciencia colectiva e o enraízamento dunha cultura autóctona vigorosa. Máis grave parecía ser, ós ollos de Villar Ponte, a absorción da periferia galega por Madrid, facilitada polo feito de non dispor Galicia dunha gran urbe capaz de obstruir esta absorción, ó contrario do que sucedía en Cataluña con Barcelona e en Irlanda con Dublín. Semellante é o pensamento de L. Carré Alvarellos no que atinxe á necesidade dunha gran urbe en Galicia, que debía asumir as funcións de centro aglutinador das actividades económicas do país, metrópole da cultura e fogar do galeguismo. Sen embargo Carré Alvarellos, en contraposición con moitos gale-guistas, mantiña unha concepción claramente pexorativa sobre os campesiños, considerándoos como xente "inculta" e "rutinaria" que debía ser gobernada polas forzas ilustradas das vilas, nas que os campesiños debían integrarse en beneficio de todos. Xa na actualidade, o sociólogo Cores Trasmonte proporciona unha síntese do pensamento que, a partir de Antolín Faraldo, propuxeron os estudiosos do século XX sobre o problema da "gran urbe" e, máis en xeral, da ordenación do territorio en Galicia. Para Cores Trasmonte, a solución non está en concentrar artificialmente a poboación, cando as grandes metrópoles tenden á descentralización e ó des-conxestionamento; nin tampouco en inclinar toda Galicia cara ó Atlántico, outorgando  ás cidades de Vigo e A Coruña un poder desmesurado e exacerbando aínda máis a contradicción entre as dúas Galicias: a interior, campesiña, e a costeira, industrial e pesqueira. A verdadeira solución consistiría en facer de Galicia unha área metropolitana completa, establecendo unha mesta rede de comunicacións -terrestres, pero tamén marítimas e quizais aéreas-  das cidades entre sí e entre estas e o mundo rural".

Tomado de A Demografía na Galicia contemporánea (1.900-1.936), (Noia, Editorial Toxosou-tos, 2003), pp. 56-63.