Soberano, (...) posúe como unha das súas principais virtudes o debuxo dun excelente retrato, entre hilarante e dramático, daquela sociedade que, en moitos sentidos, explica o noso presente. (...) O vigoroso avance da trama de Soberano repasa o variado mosaico de figuras (...) que poboan aquela sociedade amedoñada. Individuos vencidos e entrañábeis ensaríllanse nun nobelo de pequenas historias que (...) completan unha acertada radiografía da nosa historia máis recente. (...) Pero sobre todo, Caamaño amósasenos coma un escritor cunha clara vocación de estilo. Nunha época onde proliferan os textos cuxa única preocupación é ?contar unha historia? fachendeando dunha arrepiante desorientación literaria, agradécese a aparición dun autor que, xa dende as primeiras páxinas da novela, corre riscos ao modular unha voz narradora que transita do estilo indirecto libre á omnisciencia cunha notábel fluidez, implicando o lector e axilizando o relato. Un autor que atopa na brevidade dos capítulos o mellor aliado para a construcción dun ritmo narrativo contido que bule ou acouga segundo as necesidades da historia. Un autor, en fin, que manexa cun alto grao de perfección a combinación de toda unha serie de rexistros, dende a retranca implícita nalgúns dos episodios máis esperpénticos da historia cotiá do franquismo até un certo tremendismo na descrición das caras máis sórdidas da sociedade que retrata.