Foto da actividade

IX Xornada de Literatura de Tradición Oral:
Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional

Lugo | 12 de novembro de 2016
Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo
 

Consulte aquí as actas da Xornada en formato pdf.

 


Todo o que dicimos ou facemos ten consecuencias para nós e para os que nos rodean. O que dicimos ou facemos ás veces alivia ou cura, outras causa mal, desde pesadelos ata graves enfermidades. Para exercer esta capacidade de influír para ben ou para mal en nós ou en quen nos rodea precisamos coñecer o que temos arredor. Como funciona, quen o goberna, quen ou que, en cada caso, nos pode asistir.
A enfermidade é a peor das situacións imaxinables que pode padecer un ser humano ou a fauna da que depende o seu sustento.
O conxunto de artes, remedios, ritos e prácticas que vimos denominando medicina popular tradicional son o vademecum da saúde, o prontuario que todo ser humano debía coñecer nas sociedades tradicionais, para algúns precientíficas, para non morrer no intento.
Había, e aínda hai, especialistas, homes e mulleres con capacidades e coñecementos especiais (curandeiros, sabios e sabias, menciñeiras, esconxuradoras, pastequeiros…) para atender os casos máis graves. A eles e aos nosos devanceiros do común, que tamén sabían e non tiñan SERGAS nin hospitais, debémoslles o que temos de principal: a vida.

Programa

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
Esta foi a intervención do presidente da AELG, Cesáreo Sanchez, no acto de inauguración.
10.30-11.30 Conferencia: Uso das plantas medicinais no Caurel: Tradición e Cultura Popular

María Moure Oteyza

Desde o coñecemento empírico ao científico. As plantas posúen propiedades beneficiosas para a nosa saúde, pero hai que coñecer cales son os seus efectos e as doses axeitadas.

11.30-12.30 Conferencia: A recollida da memoria oral como método de aprendizaxe. O valor de espertar e guiar a curiosidade

Ana Lois

As culturas tradicionais tiñan perfectamente estruturada a transmisión de coñecementos e saberes.Agora só uns poucos individuos saben e poden transmitir; e o que aínda é máis grave: moi poucos estamos en condicións de escoitalos e entendelos.

12.30-14.00 Mesa redonda: Escoitar, ver e aprender. O saber que cura

María Moure Oteyza e Ana Lois. Coordina: Antonio Reigosa

A curiosidade é a chave que abre as portas do saber. E o saber é un proceso, unha experiencia, precisa dunha metodoloxía e dunha predisposición para comprender as claves da nosa cultura popular.

 

16.00-17.00 Conferencia: A medicina popular en Galicia

Pablo Vaamonde

A medicina oficial actual mira de esguello os métodos tradicionais de curación. Agora, coa atención médica universalizada, aínda hai persoas que recorren aos menciñeiros de sempre. Por que?

17.00-18.00 Conferencia: Curando coa palabra entre a literatura e a medicina popular

Ana Acuña

Xunto aos nosos actos sempre está a palabra, que forma parte do rito. O que dicimos, cando e como sempre foi parte fundamental do acto de curar. A palabra é, pode ser, unha medicamento máis ao noso alcance.

18.00-19.30 Mesa redonda: Médicos ou menciñeiros? Da psique á psiquiatría

Pablo Vaamonde e Ana Acuña. Coordina: Isidro Novo

A nosa cultura popular tradicional era un sistema harmonizado que foi substituído por outro considerado máis efectivo. Mais, cando a enfermidade non atopa remedio, todo se cuestiona.

19.30-20.30 Aprender a ver e a sentir: Arredor de nós está a vida. Identificación e aplicación de remedios curativos con herbas da nosa contorna

Carmiña Prado Penas

Descubrir que na nosa contorna hai plantas que teñen unha longa historia como remediadoras das doenzas humanas pode sorprendernos. Aínda hai persoas que as coñecen e que saben como usalas.


Obxectivos

Achegar ao profesorado coñecementos para o seu traballo na aula en relación coa cultura popular tradicional.
Facilitar un foro de reflexión útil ao profesorado para comprender e transmitir os valores da nosa cultura.
Incidir en prácticas e coñecementos que posibiliten o desenvolvemento de habilidades cognitivas en relación coa cultura popular.
Información sobre a presenza dos tema da medicina popular tradicional en relación coa na literatura popular galega de tradición oral.
A importancia do coñecemento destes temas da cultura transmitida por vía oral na formación do alumnado.
Formas e xéneros sobre os remedios, prácticas e ritos curativos na cultura popular galega.
A presenza da saúde e os remedios no folclore musical tradicional.
A evolución histórica do tratamento destes temas na nosa sociedade.

Contidos

Saberes, remedios e ritos da medicina popular tradicional relacionados coa curación de animais e persoas
Identificación e usos de plantas para curar segundo a medicina popular tradicional.
Receitas tradicionais para a elaboración de apócemas curativas.
Características e singularidades dos curandeiros/as tradicionais. As formas de transmisión dos seus coñecementos.

Metodoloxía

Análise e contextualización histórica dos temas da saúde e a enfermidade na literatura de tradición oral.
Posta en común desde a óptica de diferentes especialidades e sensibilidades sobre  os prexuízos e censuras sociais que afectan á saúde e á enfermidade.
Coñecer os xéneros, tipos e motivos dos relatos que tratan o tema proposto na xornada
Achegarse ao coñecemento dos comportamentos da nosa sociedade tradicional en materia de remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional a través das expresións literarias orais.


Denominación da actividade: IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional

Modalidade formativa: Curso

Datas de realización: 12 de novembro de 2016

Horario: Mañá de 10:15 a 14:00 e tarde de 16:00 a 20:30h

Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8, 27001, Lugo)

Valoración en horas de formación: 8 horas presenciais.

Número de prazas: 100

Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.

Custo de matrícula, se procede: Gratuíta

Criterios de selección, se procede: Por rigorosa orde de inscrición na www.as-pg.gal, tendo preferencia os socios-as e afiliados-as á AS-PG e á AELG.


 
María Moure Oteyza
Licenciada en Farmacia pola USC, obtivo a Suficiencia Investigadora en dita Universidade. Actualmente centra á súa actividade nun libro baseado no uso tradicional das plantas medicinais da Serra do Caurel, onde viviu dous anos. Imparte cursos, conferencias e talleres a través de diversas institucións (USC, UNED, concellos, deputacións) e en asociacións culturais e centros de terapias naturais. Na actualidade leva a cabo unha colaboración co Departamento de Farmacoloxía da Facultade de Farmacia da USC.
 
Ana Lois
Nacida en Pontevedra en 1974. Xornalista. Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago. Traballa en medios audiovisuais dende hai 20 anos. Directora do proxecto documental sobre medicina tradicional palabrassecretas.com. Directora do documental Lume na Auga e do proxecto de divulgación arqueolóxica santamarinadeaugassantas.com
 
Pablo Vaamonde
"Pablo Vaamonde naceu na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio de Médicos de A Coruña (1998-2005). Foi Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006.
Autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). 
Coordinador dos libros de ensaio A saúde como negocio (2012), La salud como negocio (2014) e A comercialización da saúde (2016).
Colaborador habitual en prensa. Blog personal:  Pavillón de repouso.
 
Ana Acuña
Doutora en Filoloxía Galega e profesora na Universidade de Vigo, é autora de traballos sobre lingua e literatura, particularmente galega. Os seus estudos céntranse no exilio e na emigración, nas relacións entre a fraseoloxía e a literatura popular, na literatura popular de transmisión oral, na oratura, no feito literario alofónico e nos escritores pontevedreses ou vinculados á cidade de Pontevedra.
A maioría das súas investigacións encóntranse en publicacións periódicas e en volumes colectivos. Entre as súas monografías destacan os ensaios Xoán Vidal. Voz e memoria (2005), Dicionario Xosé María Álvarez Blázquez (2008), Roteiro Xoán Manuel Pintos (en coautoría, 2011) e as edicións Pontevedra literaria (en coedición, 2007), Os poetas galegos (1936): antoloxía consultada de Xosé Filgueira Valverde (en coedición, 2008), Poesía completa de Lois Pereiro (2011), Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000) (2014) e Letras nómades. Experiencias da mobilidade feminina na literatura galega (editora, 2014).
Foi secretaria de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos e integra o seu consello de redacción, pertence ao comité editorial da Revista de Investigación en Educación e ao consello asesor de Culturas Populares. Revista Electrónica.
Participou, como investigadora externa, no proxecto poesiagalega.org, no proxecto “Ex-sistere. A mobilidade das mulleres na literatura galega e irlandesa contemporánea”  (FFI2012-35872) e, na actualidade, no proxecto “Eco-ficciones: discursos emergentes sobre mujer y naturaleza en Galicia e Irlanda” (FEM2015-66937-P -MINECO/FEDER).
 

 

A seguir, unha serie de artigos que Antonio Reigosa publicou en El Progreso previamente á celebración da Xornada, nos que foi avanzando algún dos contidos a tratar.
 

As curandeiras, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 28/10/2016)

As curandeiras son esas mulleres tamén coñecidas por outros nomes segundo a especialización ou as artes que usen: menciñeiras, compoñedoras, sabias …. Os seus coñecementos son herdados da tradición e aplican remedios de diversos tipos para curar doenzas con herbas, apócemas, oracións, ensalmos ou imposición de obxectos ou mans. Ás veces chámanse, bruxas, meigas, feiticeiras … porque usan malas artes para facer dano ou incluso matar. E aínda habería un terceiro tipo no que encadrariamos  a adiviñas, cartuxeiras, pitonisas e vedoiras, as que poden “ver” por diversos medios a situación de xente afastada, e tamén o pasado e o futuro.

Filomena Arias Armesto, a Sabia de Torbeo, naceu no concello de Ribas de Sil en 1865 ou 1866 e morreu en 1938. O poder veulle de repente, cando foi beber auga á fonte da Cruz, pois seica se lle meteron no corpo cinco demiños. O párroco esconxurouna pero só  lle puido tirar dous. Así que foi curandeira e como tal tivo moita sona, tanto en España como en Portugal. Era vedoira e axudábase dunha medium que ela chamaba “La niña”. Ladraba como os cans e cando entraba en éxtase, falaba castelán.

Isolina Camiña, a Gheiteira, naceu en Cerdedo en 1909 e morreu en Pontevedra en 1996. Posuía unha artesa que usaba para esconxurar o anghinido, un anel dourado de estrela e a cruz de santo André. Era especialista en cortar o aire de defunto. Poñía o anel no dedo, colocaba ao doente na artesa, facíalle unhas fregas e dicía as palabras do ritual, repetindo tres veces. O doente relaxa ata adormecer dentro da artesa, e cando esperta, xa está curado. O seu sobriño-neto, Calros Solla, foi quen herdou estes utensilios e está especialmente orgulloso da chamada cruz de santo André, un seixo gris que de maneira natural ten debuxada unha cruz branca en aspa. Quen ten esa pedra no peto no momento de expirar, aínda que non peregrinase ao santuario de Teixido en vida, queda libre de facelo despois de morto. O salvoconduto universal.

Sabina Ramos Mosquera, a Cartonera de Vilaxoane, en Foz, era tamén vidente, e atendía toda clase de consultas relacionadas con infidelidades, amoríos e intimidades. Segundo conta Xoán Ramón Fernández Pacios foi detida pola garda civil, acusada de infrinxir o artigo 606 do código penal vixente en 1917: Los que por interés o lucro interpretaren sueños, hicieren pronósticos o adivinaciones o abusaren de la credulidad pública de otra manera semejante”.

Umbelina Vieira, “A Cantigas”, era unha curandeira portuguesa que faleceu en 1959. Fixo moitos cartos indo de romaxe en romaxe polo sur de Galicia e o Norte de Portugal. Dedicábase a curar con aceite e teas de araña aos que quedaban feridos tras as recorrentes loitas e pelexas. Un que lle deu moito negocio foi O Corisca, un “poxador de pau” portugués que manexaba a vara como ninguén e que andaba pola mesma comarca. Di V. Risco que tiña gran musculatura e que era capaz de defenderse el só de ata unha ducia de homes armados con navallas, pedras e paus.

Disto e doutros asuntos relacionados imos falar na IX Xornada de Literatura de Tradición Oral que se vai celebrar en Lugo o 12 de novembro; o tema “Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional”.


 

Os curandeiros, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 04/11/2016)
Os curandeiros son homes que segundo a especialización ou as artes que usen mudan de nome: compoñedores, saudadores, sabios, pastequeiros, talladores … Adquiren coñecementos herdados da tradición e aplican remedios de diversos tipos para curar doenzas con herbas, apócemas, oracións, ensalmos ou imposición de obxectos ou mans.
Se atenden o gando chámanse albeites ou menciñeiros. Ás veces dise que son bruxos, meigos, feiticeiros, aolladores … porque usan malas artes para causar dano ou incluso matar. E aínda habería outro tipo no que encadrariamos  a adiviños, cartuxeiros, pitonisos, arresponsadores e vedoiros, que son os que poden “ver” por diversos medios a situación de xente afastada ou animais perdidos, e tamén o que pasou nun pasado remoto ou o que aínda ha pasar nun futuro por destapar.
O señor Antón de Ulloa era, ademais de menciñeiro e curandeiro do gando e da xente, un gran contador de historias. Os autores de “Terra de Melide” falan moi ben del. Tiña remedios para case todo. Sacábaos dun libro que el dicía fora escrito polo médico do Padre Santo. Para curar o torzón dos cabalos (inflamación intestinal) usaba unha vara de acivro ou dicía que se unha muller arrincase tres pelos “dacolá” e llos metese na natura a besta, mexaba de contado. Como augur errou, pois dicía que a fin do mundo chegaría a mil pero non a miles. Canto nos alegramos!
O Pichón de Larín, concello de Láncara, a carón do manancial de Céltigos, tiña clientela de todas partes; ata de Italia. Os pacientes dicían que tiña unha cruz no ceo do padal. Conta Isidro Novo, que acompañou ao seu sogro á súa consulta varias veces, que logo de estar brevemente con cada paciente nunha estancia da antiga casa, pasaba a unha peza inmediata na se lle escoitaba rezar en voz alta algo así coma un ensalmo. Logo mandábaos marchar e volver pasado un determinado tempo.
O Meigo de Fradelo, en Viana do Bolo, era adiviño. Sabía o paradoiro das cousas perdidas e o nome de quen as roubara ou cambiara de sitio, agoiraba a morte dos veciños, o que lle valeu moitas malleiras pois crían que era el quen os mataba.  Era quen de convocar ao Demo petando de noite nas táboas da beira do leito e este aparecíaselle en figura de becho negro.
O Entendido de Vilastose, en Muxía, era crego. Non cobraba pero como aceptaba regalos, uns médicos de Santiago para desfacerse del mandáronlle unha torta envelenada. El, que o sospeitou, deulla a probar ao can e o can, claro, morreu.
E coma estes houbo ducias, centos de homes, case un en cada aldea, que tiñan a misión de devolver a saúde a quen llelo solicitaba. Ás veces atinaban e outras non.
Aínda quedan algúns compoñedores ou sandadores coñecidos como bruxos, entre eles máis dun e de dous trampulleiros que fan uso de herbas ou do tacto, cun adobo místico de rezos e ensalmos, dedicados a recompoñer ósos e músculos, ou a saúde perdida. Foron necesarios antes da universalización da medicina científica pero agora só recorren a eles persoas que non atopan o acougo desexado na medicina oficial.
Disto e doutros asuntos relacionados imos falar na IX Xornada de Literatura de Tradición Oral. Será en Lugo, o 12 de novembro; o tema “Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional”.

 

Receitas e remedios, por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 11/11/2016)

 

 

Todos coñecemos a alguén que algunha vez na vida pasou pola consulta dun curandeiro ou curandeira. É certo que as historias que se contan non sempre teñen final feliz pero, en xeral, pódese constatar que entre nós circula a crenza de que ás veces non queda outra que acudir a unha alternativa non oficial.

Cóntame unha amiga que ela está no mundo grazas á Bruxa de Chapela. A avoa, prima carnal do marido, non daba logrado fillos. Cinco abortos precederon á consulta coa curandeira, quen lle anunciou que había ter descendencia e que había ser nena. O que non lle prognosticou a sabia foi que esa nena (terá agora 55 anos) había ser a nai da miña amiga.

Este sábado, 12 de novembro, imos falar en Lugo de “Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional”, dun saber herdado que nos escorre da memoria como auga fuxidía entre os dedos da man.

Nesta IX Xornada de Literatura de Tradición Oral, organizada pola AELG e a AS-PG, patrocinada pola área de Cultura da Deputación de Lugo, non pretendemos poñer en cuestión a medicina oficial nin os seus métodos, senón revisar o que de proveito puidemos deixar atrás da medicina tradicional. Procuramos unha posta en común, unha reflexión que nos axude a comprender o devir da nosa cultura popular nunha materia tan delicada como a de dar resposta aos problemas de saúde e supervivencia das criaturas.

Xa case ninguén coñece os usos culturais das plantas que nos rodean. Cangados de prexuízos, desprezamos o saber de sabios e sabias que sabían dun remedio inmediato para restituír a saúde. Non todo é bo, mais tampouco todos eses coñecementos, herdados desde a tradición e contrastados pola experiencia, poden ser malos per se pois foron o salvoconduto vital da raza humana por moitos séculos.

Para poñer luz sobre estes temas acompañárannos especialistas que investigan os distintos aspectos a tratar nesta xornada.

María Moure Oteyza é farmacéutica, investigadora do departamento de Farmacoloxía da Facultade de Farmacia da USC, experta no uso tradicional das plantas medicinais da Serra do Caurel. A xornalista Ana Lois falaranos desde a súa experiencia como documentalista da recollida da memoria oral como método de aprendizaxe; moi recomendable a visita ao seu recuncho en internet: palabrasecretas.com.

Pablo Vaamonde, que é médico de familia nun consultorio do Sergas e director da revista médica “Cadernos de Atención Primaria”, autor de libros sobre a saúde, desenvolverá o tema da medicina popular desde a óptica dun médico científico.

Ana Acuña é filóloga e profesora da Universidade de Vigo. É especialista en literatura popular de transmisión oral e tratará sobre a palabra que cura, entre a literatura e a medicina popular.

Remataremos con dúas mesas redondas nas que relatores e asistentes terán ocasión de contrastar pareceres e opinións sobre a vixencia da medicina popular e sobre a conveniencia, ou non, de aplicar métodos ou procedementos dos actos médicos tradicionais na praxe da medicina oficial actual. E para poñer o ramo atenderemos as explicacións de Carmiña Prado Penas, unha muller que mira ao seu arredor e identifica e aplica remedios con herbas, un saber herdado que, entendemos nós, non deberamos permitirnos o luxo de esquecer.