9 de novembro de 2013
Co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo
Foto da actividade
 Vexa aquí as actas da Xornada.
 
Desde o punto de vista xeográfico, Galicia é un Cabo do Mundo, un finisterrae, o derradeiro paso antes do Máis Alá, do Mundo dos Mortos pero tamén é, por razón desa mesma posición xeográfica, porto de partida para a procura dun Paraíso posible. 
Desde a foz do Eo ata a desembocadura do Miño, Galicia é beiramar, lindeiro dun océano inmenso, poderoso, ateigado de peixes pero tamén, ao dicir dalgúns, de monstros e de perigos, de misteriosas criaturas que ao tempo que nos atemorizan tamén nos fascinan.
Neste noso océano quere a lenda pseudopopular que interviñese nos días da creación o deus cristián, e que ao pousar as súas mans xigantescas sobre o limo fundacional debuxase as rías. E logo, cando espeliu a lama apegada nos dedos, formou baluguiñas de lama que se transformaron nas illas todas do mar galego; as reais  como Cíes, Sálvora, Ons, Coelleira … , e as outras illas, estas imaxinarias, entre as que está unha inmensa chamada Atlántida, invisible baixo as ondas. 
O noso mar é a morada de sereas, de homes mariños, de cidades e barcos misteriosos, pero tamén é un camiño de ida de volta polo que transitaron e aínda transitan homes e mulleres de carne e óso. Emigrantes, mariñeiros, aventureiros, heroes engaiolados por ese horizonte  que se esvaece canda o solpor. 
Moitos e moitas dos que se foron volveron e trouxeron a cabeza ateigada de historias, moitas tan incribles que asolagan os nosos oídos de emoción. Os que, por desgraza, nunca regresaron  por mor de naufraxios ou apreixados por quen sabe que incertos monstros, deixaron para sempre na memoria colectiva dos galegos e galegas unha ferida salferida, a partes iguais, de salitre e saudade. 
Os galegos e galegas somos, a pesar de todo, mar. Amamos o mar e sabemos a mar.
 
Nesta VI Xornada de Literatura de Tradición Oral, navegamos pola memoria e polas historias do mar, baixo o reclamo  do título Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, e co patrocinio da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, os investigadores e especialistas que convocamos debullaron diferentes aspectos históricos, literarios e culturais derivados da longa relación dos galegos e galegas co mar.
 
PROGRAMA
 
09.45 Entrega de material e inauguración.
Estas son as palabras da presidencia da AELG na apertura da Xornada.
 
10.00 - 11.30 Conferencia
Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos.
Xosé Lois Vilar Pedreira
 
11.30 - 13.00 Conferencia
Naufraxios literarios e reais
Hixinio X. Puentes Novo
 
13.00 - 14.00 Mesa redonda
A memoria naufragada
Xosé Lois Vilar Pedreira e Hixinio X. Puentes Novo
Modera: Antonio Reigosa
 
16.30 - 17.30 Conferencia
O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galiza
Xurxo Souto
 
17.30 - 19.00 Conferencia 
Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova
Rosa García-Orellán
 
19.00 - 20.00 Mesa redonda
Andar o mar. As pegadas do salitre
Xurxo Souto e Rosa García-Orellán
Modera: Isidro Novo
 
20.00 - 20.30 Recital poético.
Transfusión Oceánica
Xosé Iglesias
 

Xosé Lois Vilar Pedreira, activista cultural, arqueólogo, historiador, e experto en talasónimos falounos de “Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos”, un percorrido pola etimoloxía dos diferentes, e moitas veces curiosos, nomes do mar galego.

Hixinio X. Puentes Novo, mestre, investigador e escritor falou de “Naufraxios literarios e reais”, un percorrido polo mundo do mar achegado aos desastres mariños preto do noso litoral.

Xurxo Souto, músico e, entre outras moitas cousas, escritor, levounos baixo o título “O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galicia” pola querencia que tiñan algúns distinguidos membros da Xeración Nós  (Castelao, Otero, Amado Carballo) polas cousas do mar, en concreto polo porto nortense de Antuerpen, un espazo máis da literatura galega da década de 1920.

A antropóloga, investigadora e profesora da Universidade de Navarra, Rosa García-Orellán, de ascendencia galega, guiounos polos “Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova”, un percorrido onde se sinalou a estadía da nosa flota bacallaeira nos grandes bancos de Terranova, desde os seus comezos até a moratoria en 1992.

Dúas mesas redondas baixo o título “A memoria naufragada” e “Andar o mar. As pegadas do salitre”, coordinadas respectivamente por Antonio Reigosa e Isidro Novo, e nas que interviñeron os relatores mencionados, deron oportunidade aos asistentes de intervir e participar nesta xornada, de cuxos resultados se dará conta oportunamente cando se publiquen as actas correspondentes.

O colofón a esta xornada púxoo o recital poético multimedia “Transfusión oceánica” a cargo de Xosé Iglesias, un rapaz que é patrón de pesca de altura, natural de Cee, e que tamén exerce de poeta e escribe, como un novo Manuel Antonio, literatura contemporánea do mar, feita pola xente do mar.

 

Cartel en .pdf e .jpg

Programa en .pdf e .jpg