Pode descargar o programa en .pdf aquí.
II Xornadas de literatura Oral: O mito que fascina. Do lobo ao lobishome.
O lobo, como personaxe literario e de ficción, desde Carrapuchiña e os contos populares ata os contos de lobos de Ánxel Fole; o lobo como tótem na mitoloxía popular do País Vasco, o lobo como vítima atrapada nos foxos do lobo, e o lobo que algúns humanos imaxinan que son cando se transforman en lobishomes como mito universal, mito recreado unha e mil veces na literatura e no cine.
Paralelamente e para non perder de vista o lobo, animal real, ADEGA, ERVA e AAAGP organizaron unha exposición baixo o título “O lobo, unha carreira pola supervivencia” que vai estar aberta na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo desde o día 8 ata o 25 de outubro.
Destes bosquexos sobre as mil e unha facianas do mito do lobo, do lobo real e do lobo imaxinario, van tratar os especialistas que interveñen nestas II Xornadas de Literatura Oral.
A seguir, uns bosquexos sobre as mil e unha facianas do mito do lobo, do lobo real e do lobo imaxinario, que van tratar os especialistas que interveñen nestas II Xornadas de Literatura Oral:
O LOBO, O MITO QUE FASCINA
Pódese dicir que lobo é o cazador máis intelixente, e tamén o máis temido e odiado da natureza. A causa das batidas, legais e ilegais, é unha especie en risco de extinción, motivo de discusión xa vello entre gandeiros e ecoloxistas. Mesmo, aínda que agora está en desuso, pódense ver espalladas por Galicia adiante moitas ruínas dunha arquitectura deseñada para a caza do lobo, os chamados foxos dos lobos.
Aos ollos da nosa tradición mítico-literaria popular o lobo é malvado e de costumes nocturnos, está endiañado e é capaz de provocar nas persoas efectos máxicos. Dise que é un depredador voraz, obsesionado con ter sempre a boca chea, por iso Deus o castigou a “vivir tres meses de carne, tres de terra, tres de aire e tres de folgazán”. Só come a metade esquerda das presas, que é a do Demo. Non é casualidade que o imaxinario relixioso apoña a algúns santos, os chamados santos lobeiros, un poder sobre o lobo: San Francisco amansa o lobo de Gubio e San Froilán, santo patrón de Lugo, dobrega un lobo facéndolle transportar a carga que antes carrexaba o burro devorado polo lobo.
O lobo só anda de noite, ve na escuridade, rexeita a luz do día, teme a música e o lume. Cando acometen persoas, sempre de noite, xúntanse varios lobos que primeiro “acompañan” a vítima en paralelo ao camiño, polo monte, para atacala cando se vai achegando a onde haxa xente. Se un lobo só consigue matar unha presa en solitario tápaa con follas antes de comela e vai chamar por outros lobos. Se a vítima é capaz de defenderse ben del, o lobo procura cegala envorcallándose en lama e salferíndoo diante dos ollos.
O lobo, animal imperfecto
O lobo é imperfecto. Despois de crealo, Deus aborreceuse moito con el pois sempre estaba comendo e acababa co resto dos animais. Para remedialo primeiro púxolle unha choca, e coa choca chocando, todas as vítimas liscaban a tempo; o lobo morría coa fame. Entón Deus decidiu quitarlle a choca pero chantoulle un forquito no lombo que llo abaixou, caéronlle os cadrís e agora anda coa esa coxeira que o fai parente do Demo Coxo, do tardo, do coxo da Compaña e de tantas outras criaturas demoníacas.
O nacemento dos lobos
Hai un relato recollido polo Equipo Chaira en Labrada, concello de Abadín, que di que os lobos naceron dunha maldición de dous humanos malvados. Sucedeu cando Xesús Cristo e San Pedro andaban polo mundo (tempo primixenio, fundacional). Chegaron á casa dunha velliña que só tiña unha vaca e un becerro, pediron de comer, e a vella, boa persoa, matou a vaca e a cría para darlles a cea. Trala cea, Xesús Cristo díxolle á mulleriña que tirase os ósos na corte, e que ao día seguinte había ter tantas vacas e becerros como ósos botara nela.
Un matrimonio veciño ao ver o prodixio quixo ter tanta sorte coma aquela muller e convidaron a San Pedro e a Xesús Cristo a comer na súa casa. Mais, por aforrar, en vez de carne boa, déronlles aos hóspedes carne de can. Foi botarlle o dente e dixo Xesús Cristo:
—Detente, Pedro, que es perro;
que ella se vuelva loba y el lobo.
E así foi.
O arrepío, o embazamento e a fascinación
Os efectos principais que causa o lobo nos seres humanos son o arrepío e o embazamento, o que provoca en nós unha sorte de fascinación que anula a nosa vontade. Os seus ollos parecen brasas no escuro, coa mirada detén as balas e obstrúe a pólvora das escopetas; é inútil dispararlle de fronte.
Cando o lobo nos ve antes de que nós o vexamos a el sentimos que se nos poñen os pelos de punta, e que a roupa nos queda grande demais; é o que se chama arrepío, un medo pavoroso que nos provoca calafríos.
O efecto de embazamento, supostamente causado polo bafo, alento ou cheiro do lobo, que sentimos cando o vemos, ou sen pero sentíndoo moi próximo, pódenos toller a fala ata por oito días.
Estes e outros efectos marabillosos que o lobo provoca nos humanos é o que chamamos fascinación, un poder irresistible e irremediable para nós.
DO LOBO AO LOBISHOME
O mito do licántropo, a persoa que imaxina que se transforma en lobo, é moi antigo e de difusión universal. Os licántropos non se converten en lobos por propia vontade senón por efecto de meigallos. Non se sabe cal pode ser a orixe deste delirio que tantas cavilacións causou a psiquiatras e xuíces, e tanto leva contribuído á literatura e ao cine.
Poderiamos traer aquí abondosas citas das mitoloxías clásicas e da literatura onde a figura do home-lobo é recorrente como Virxilio nas Églogas, Petronio, no Satiricón, nos mitos, contos e romances populares de todo o mundo así como nos procesos, sobre todo nos séculos XV-XVI, que se fixeron contra licántropos en Francia ou Alemaña. O primeiro home-lobo foi Licaón, rei de Arcadia, convertido en lobo por Zeus en castigo por darlle de comer carne de neno.
A fada
A fada é o sino, o destino, a boa ou mala sorte que a un lle toca na vida. A fada pode provocala a maldición dos pais (Ogallá te volvas lobo!), ou por ter nacido en sétimo ou noveno lugar despois de seis ou oito irmáns do mesmo sexo. Tamén pode chegar a transformación a causa dunha envexa, dun feitizo ou dunha soberbia pronunciada pola propia vítima. Esta é a súa fada, o seu destino, e ten que cumprila, sexa ter que andar de lobos só de noite, durante un tempo ou certos días do ano.
Unha vez que a persoa ten que converterse en animal vaise ao monte, arrólase na terra ou na cama onde se deitase un lobo e érguese lobo. Ás veces cóbrense cunha pel de lobo. Así transformados atacan preferentemente persoas, matándoas e coméndoas.
Ao lobishome nada lle fai dano, nin as armas cortantes nin as de fogo. E só se conseguimos facerlle sangue ou se lle queimamos a pel de lobo que o cubre poderemos interromper a fada. De non ser así, seguirá de lobo ata que se lle acabe o tempo da maldición.
Manuel Blanco Romasanta
Son moitos os relatos de lobishomes dos que hai referencia en toda a xeografía de Galicia, do norte ao sur, do leste ao oeste pero o máis coñecido é o caso de Manuel Blanco Romasanta, nacido en Esgos, Ourense, vendedor ambulante, xulgado en Allariz en 1852. Autor confeso de doce crimes, foi condenado a morte e logo amnistiado, pois acudiu na súa defensa un hipnólogo francés, un tal Phillips, que dixo que era enfermo de licantropía e que non podía ser responsable dos seus actos. V. Risco recolle a opinión de que era amaneirado e recentes investigacións de X. Ramón Ferro apuntan a posibilidade de que Romasanta nacese muller.
O lobo branco
Na Limia, ver un lobo branco é agoiro ou sinal da morte dalgún veciño. A visión vese no mesmo lugar onde dous mozos de Nocedo, que regresaban de noite de ver as mozas en Fiestras, Xinzo, foron atacados por lobos. Mentres un dos rapaces foi buscar a axuda, o outro e mais un lobo morreron no combate.
Na Peneda dos Lobos, en Vila de Cruces, lugar de reunión de lobos, os veciños conseguiron matar todos os lobos reunidos agás un que resultou ser branco, e que ouvea alí todas as noites ata que sae o sol.
A muller-loba, Pepa a loba e a Raíña Lupa
Abunda máis do que puidera parecer a relación das mulleres co mundo mítico dos lobos. Sen saír de Galicia, refírense varios casos, todos imaxinarios, sobre o asunto.
Xesús Taboada Chivite, en Etnografía Galega, Cultura espiritual (1972) recrea unha lenda que titula “O lobo da xente”. Narra como un rapaz que atendía a seca das castañas nun sequeiro polos arredores do río Cabalar, queima o pelello de loba que vestía unha moza, obrigada por unha maldición a andar de muller-loba.
Outro caso ben coñecido é o de Pepa, a Loba, bandoleira mítica e imaxinaria, prototipo de muller fera e sanguinaria, capitá de bandoleiros. Houbo mulleres dedicadas ao roubo que se apuñan o pseudónimo de “Pepa, a Loba” para impresionar as vítimas.
E a Raíña Lupa, ou Raíña Loba, unha moura destacada, segundo o Códice Calixtino, que se resistía á chegada dos restos do apóstolo Santiago. Como o seu nome suxire, era malvada e contraria a implantación do cristianismo en Galicia.
Os nomes do home lobo
En Galicia hai varias maneiras de chamarlle aos licántropos: Lobishome, Home-lobo, Lobo da Xente, Lobushome, Lubisón, Loberno (mestura de lobo e raposo) e Corredores. Caso á parte é o dos Peeiros ou Peeiras, homes ou mulleres que non se transforman en lobos pero que viven con eles, e mesmo chegan a exercer de xefes da manda de lobos, sobre todo cando atacan a persoas.
Existen referencias a licántropos por todo o mundo cuxos nomes varían segundo a lingua desde os volkodlak (Rusia), werewolf (R. Unido), werwolf (Alemania), loup-garou (Francia), lobishome (Brasil, Portugal), lobizón (Arxentina), nagual (México)...
PROGRAMA
Venres, 16 de outubro
17.00 h.- Acto de inauguración coa participación de Antón Bao, vicepresidente da Deputación de Lugo, e Cesáreo Sánchez, presidente da AELG
17:10 h.- Que vén o lobo!, por Xabier P. Docampo
18:10 h.- O personaxe do lobo na tradición vasca. De animal totémico a animal maldito, por Antxon Gomez Lorente
De 19:10 a 20:00 h.- Mesa redonda: O lobo, o mito que fascina
Participan: Xabier P. Docampo e Antxon Gómez Lorente
Modera: Antonio Reigosa
Sábado, 17 de outubro
10:30 h.- Espazos lupinos de Galicia. Os foxos do lobo, por Alberte Reboreda.
11:30 h.- Unha inquietante presenza: lobos e lobishomes no imaxinario galego e universal, por X. Luis Garrosa Gude
De 12:30 a 13:30 h.- Mesa redonda: Do lobo ao lobishome
Participan: Alberte Reboreda e X. Luis Garrosa Gude
Modera: Isidro Novo
DIPLOMA DE ASISTENCIA
Se está interesado/a en obter diploma acreditativo da súa asistencia debe inscribirse previamente a través do e-mail oficina@aelg.org ou chamando ao tfn.: 981 13 32 33.
EXPOSICIÓN
O lobo, unha carreira por sobrevivir, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo), desde o 8 ao 25 de outubro de 2009.
Organizan: ADEGA, AAAGP, ERVA e Museo Provincial de Lugo
Ptrocina: Área de Cultura da Deputación de Lugo, vicepresidencia primeira
Visitas guiadas para grupos escolares de E. Primario e ESO, con concertación previa no tlf.. 659 683 384 / expolobo@gmail.com.
Pode descargar o programa en .pdf aquí.
BIOGRAFÍAS RELATORES
XOSÉ LUIS GARROSA GUDE
Non cabe dúbida que a través do tempo e sobre todo aquí, na Galiza mal comunicada e con noites moi pouco iluminadas, o ouveo do lobo no inverno rural era o anuncio dunha arrepiante ameaza, dunha inquietante presenza. Unha presenza máis ou menos remota que a imaxinación humana chegou a metamorfosear incluso, instigada quizais polo medo, converténdoa nun ser moito máis sinistro, por ter conexión coa raza humana: o lobishome. Para falarnos de estas inquietantes presenzas temos connosco a José Luis Garrosa Gude, que aínda que nado en Madrid hai moi poucos anos, ten notorios vínculos con Galiza.
José Luis Garrosa é, dende hai sete anos, profesor de Ensino Secundario de Lingua e Literatura Castelá. É tamén, licenciado en Filoloxía Alemá pola Complutense e licenciado en Dereito pola UNED, completando ademais ciclos elementais de idiomas como o Inglés, o Portugués, o Danés e o Galego, do que tamén realizou o ciclo superior. Nos seus cursos de doutoramento podemos ver títulos do máis suxestivos e variados, pero por aquilo do vínculo con esta terra citarei Recursos literarios en la narrativa gallega contemporánea e Literaturas románicas comparadas: narrativa y escritoras peninsulares (siglos XIX y XX).Posúe ademais o noso convidado, malia a súa xuventude, experiencia como investigador coordinando varios proxectos no IES José Hierro de Getafe e como articulista é tan diversa a temática que toca, que o mesmo escrebe sobre a narrativa galega de hoxe, como das metamorfoses posmodernas da lenda de La Llorona, das crenzas da parroquia de Franqueán, no Corgo, ou de Gabriel Bocángel y Amalia Bautista. Son numerosas tamén as súas reseñas a libros publicados en toda a península e incluso a algúns publicados aquí, como O Son das Ondas de Henrique Monteagudo ou Madeira do meu canto de Luís G. Tosar.
A súa constante actividade fai que sexa habitual nel o pronunciamento de conferencias, así como a súa participación en congresos, polo que ten xa un importante currículo tamén nesta faceta, intervindo en localidades que van dende o seu Getafe de residencia ata esta cidade na que estamos, onde alá polo setembro do 2000, ano no que se celebraba o Congreso de Lexico e Gramática, el falou do “Achegamento ó estudo comparativo dos nomes dos animais, das doenzas e doutros elementos relacionados coas crenzas en Galicia”. Outro dos lugares habituais para as súas intervencións orais é o Museo Etnográfico de Zamora, onde hai cousa de dous anos pronunciou unha conferencia baixo o título “El folklore del lobo: aproximación a cuentos, mitos y leyendas”. El lobo en la Península Ibérica.
ANTXON GOMEZ LORENTE
Antxon Gómez Lorente naceu en Gasteiz (Álava) en 1964. Vive en Aia, en Guipúzcua, e traballa como garda de montes no Parque Natural de Pagoeta que ocupa 2680 ha. dos cocncellos de Aia, Zarauz e Zestoa. Foi resposnable do partido ANV (Acción Nacionalista Vasca). É autor de numerosos artigos en prensa e en revistas e como autor de obra de creación ten publicadas dúas obras:
Abere madarikatuak, Editora Susa, 1997, un bestiario sobre animais malditos, con seis contos protagonizados cada un por un animal diferente (o oso, o porcoteixo, o guepardo e tamén o lobo) e outro que aparece en todos os relatos, o avoitre branco. Un magnífico libro no que a natureza e os animais, xunto coas crenzas e os mitos relacionados con eles son o a columna vertebral da narración.
É autor tamén da obra Azken dortoka (Ipuin berdeak), publicado en 1998 por Eguzki e anuncia a publicación dunha novela titulada Otsoaren Itzala (A sombra do lobo) que trata precisamente sobre o mito do lobo.
Celebramos ter connosco hoxe a Antxon Gómez Lorente para achegarnos o personaxe do lobo na tradición vasca, o lobo, animal real, e o lobo, ser do imaxinario colectivo, porque cremos que de entre os escritores vascos actuais é que mellor coñece o tema que estamos tratanto nestas II Xornadas de Literatura de Tradición Oral, tanto no que toca á súa faceta como escritor e investigador do mito como polo seu oficio de garda forestal, sempre en contacto coa natureza e cos animais.
XABIER P. DOCAMPO
Xabier Puente DoCampo é un chairego que aínda que na idade adolescente marchou vivir a A Coruña, non quixo perder nunca o contacto coas súa raíces, tan ben regadas polo Miño e o seu manicho afluente o Lea, mantendo desa maneira viva a memoria da terra da infancia e mesmo acrecentando notabelmente o seu coñecemento sobre ela nas súas visitas, algo doadamente detectábel na súa dilatada obra como escritor, obra na que ten acadado distincións tan importantes como:
O Premio Feira do Libro d’A Coruña, no 1989 polo conxunto da súa obra narrativa.
O Emilia Pardo Bazán do Ministerio de Educación.
O Premio Rañolas 1994, á mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia polo seu libro Cando petan na porta pola noite, obra que tamén foi distinguida no 1995 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e pola que foi incluído na Lista de Honor do IBBY, ademais de obter o Premio The White Ravens, concedido no 1997 pola Jugendbibliothek de Munich.
Precisamente nesa obra tan xustamente multipremiada, aparece con todo o misterio propio desta terra a figura do lobo, tal e como a temos concibida dende sempre na nosa literatura oral e nos nosos clásicos.
Algunhas outras obras de éxito da súa extensa produción son: O misterio das badaladas, Cun ollo aberto e outro sen cerrar, A chave das noces, O país durminte, Nube de neve, ¿Víchela, víchela? e o máis recente, O libro das viaxes imaxinarias publicado luxosamente en colaboración co ilustrador Xosé Cobas.
Xabier DoCampo é un elemento multidisciplilinar que durante longo tempo traballou como mestre en varios colexios e no programa Preescolar na Casa. Que no seu día pertenceu ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación, que escribiu hai tempo libros de texto para a escola e mesmo foi director e actor de teatro, que traballou en Radio Nacional de España en Galiza como guionista e que incluso escribiu e dirixiu obras para vídeo e televisión.
Por se o seu currículo non fose suficiente, cómpre dicir que debido ás súas excelentes dotes de contador, ten feito diferentes actividades de narración oral en distintos lugares de Galiza e fóra dela.
Lector empedernido, coñecedor da nosa literatura escrita e oral, da nosa terra, dos nosos medos e dos nosos misterios máis escuros, ninguén mellor que Xabier para falarnos dese animal mítico que é o lobo.
ALBERTE REBOREDA
Non é difícil atopar na nosa toponimia e sobre todo na nosa microtoponimia nomes de lugares como couso, foxo, lubián, loboso, lobeira ou lubiceira, nomes que ou ben suxiren ou poñen claramente de manifesto a existencia neles, pasada ou presente, deste animal que centra a nosa atención nestas segundas xornadas de tradición oral. Para falar disto polo miúdo temos connosco a Alberte Reboreda Carreira, que coa súa intervención titulada Espazos lupinos de Galicia. Os foxos do lobo, sen dúbida satisfará as nosas expectativas sobre o tema.
Alberte Reboreda naceu en Mondariz hai moi poucos anos, pero malia iso o seu currículo como arqueólogo resulta espectacular e sería demasiado longo referir aquí todas as súas realizacións, pero a modo de bosquexo cómpre dicir que é máster en xestión integral do Patrimonio Cultural na especialidade de Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas dende o ano 2006, que antes diso e en tempo de procurar a licenciatura en Historia da Arte foi organizador e coordinador de dúas edicións do ciclo de conferencias A posta en valor do Patrimonio Cultural, organizado polo Movemento Estudiantil Universitario, que participou na Campanha Arqueologica de santo Tirso celebrada hai cinco anos no xacemento de Monte Padrâo no distrito de Porto (Portugal) baixo a dirección de Álvaro de Brito, nas Xornadas de Arqueoloxía Blanco Freijeiro no concello de Marín ou na Campaña Arqueolóxica de Castrolandín, baixo a dirección do arqueólogo Carlos Otero. Foi tamén un dos asitentes ao Seminario que se celebrou en Pontevedra baixo a dirección de Gonzalo Navaza baixo o título Claves de onomástica galega onde se estudaron os topónimos de interese arqueolóxico e cultural.
Canto a súas realizacións laborais, é autor e técnico arqueólogo do Proxecto de Delimitación Planimétrica de xacementos arqueolóxicos do concello de Camariñas, coautor e técnico do Proxecto de Delimitación de xacementos arqueolóxicos de Vilardevós, Castrelo do Val, Rairiz de Veiga... É tamén o arqueólogo do proxecto denominado Posta en valor das Mámoas d’A Armada (Queimadelos, Mondariz) e fixo traballos no Inventariado e catalogación do patrimonio cultural do concello de Mos, así como para o concello de Pontevedra sobre Os itinerarios do Padre Sarmiento; o patrimonio natural e cultural da Pontevedra da Ilustración. Ten dado conferencias sobre Xaquín Lorenzo e o patrimonio de Ponte Sampaio, sobre As pesqueiras do río Miño, sobre Os petróglifos de San Xurxo de Sacos e mesmo sobre O martinete de Caaveyro publicado en Cátedra. Revista eumesa de estudios, editada polo concello de Pontedeume.
BIOGRAFÍAS COORDINADORES / MODERADORES
ISIDRO NOVO
De ascendencia mariñá, Isidro Novo naceu en Lugo a mediados do século pasado. Agás parénteses, sempre viviu na súa cidade de nacemento, onde fixo estudos ata onde o deixaron e onde realizou os máis diversos traballos: vendedor de libros, viaxante de produtos alimentarios, administrativo, taberneiro... O seu balbucir na escrita é no idioma castelán, pero cando toma conciencia da propia identidade, o galego convértese na súa única lingua voluntaria. Teaza de brétema, publicado na colección O Barco de Vapor no 9194 foi a súa primeira publicación individual nesta lingua. Seguiríalle o wéstern cómico Por unha presa de machacantes e no mesmo ano sairía do prelo tamén Carne de Can, un feixe de oito relatos de carácter dramático e o libro de poemas Dende unha nada núa. Dous anos máis tarde, no 99, aparece Antollos de Eimarmena, tamén de narrativa curta e logo dun espazo de catro anos sen publicar, sairán, consecutivamente, as novelas: Súa de si, Rosa lenta e Un escuro rumor tralo silencio. A súa última publicación ata agora é o libro de poemas titulado Esteiro de noites falecidas que saíu á luz no ano 2007.En tempos tamén fixo radio (Gomorritas e novas criaturas), ademais de publicar dúas guías orientativas para libar viño artesanal na súa cidade (Guía do bebercio lugués 1992 e 1995).
ANTONIO REIGOSA
Zoñán, Mondoñedo, 1958. Desde 1982 traballa no Museo Provincial de Lugo onde na actualidade é Responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística da Deputación de Lugo Escritor, conferenciante e investigador da mitoloxía e da literatura de tradición oral galega. Deseña programas e unidades didácticas, coautor de guíase editor da web da Rede Museística. É autor de artigos de divulgación relacionados con estes e outros temas en diversos medios de comunicación e revistas especializadas. Cofundador de "Chaira", Grupo de Investigación Etnográfica (1992), xunto a Ofelia Carnero, Mercedes Salvador e Xoán R. Cuba. Creador e coordinador de contidos de Galicia Encantada (www.galiciaencantada.com), Enciclopedia virtual da fantasía popular de Galicia. Coordinador das revistas orais “O pazo das musas”, editada polo Museo Provincial de Lugo, e “A voz dos carraos”, editada polo Museo Provincial do Mar. Creador e coordinador das Polafías, proxecto da As. de Escritores en Lingua Galega (AELG) que ten como obxectivo divulgar e poñer en valor en vivo, en vilas e pequenos núcleos, a literatura e a música tradicionais. Colaborou en programas de radio e TV., actualmente faino no programa “O tren do serán” da Radio Galega coa sección “Galicia Encantada na Radio Galega”. Entre os títulos publicados no eido literario destacan Memorias dun raposo (1998), Resalgario (2001), Bacoriño (2004), A noite dos pesadelos (2006), A escola de Briador (2006) e O polimacho e outras criaturas (2008). No eido da literatura oral é coautor xunto co resto de compoñentes do Equipo Chaira de Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances (1998) e Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín (2004). Xunto a Xoán R. Cuba e a Xosé Miranda publicou o Diccionario dos seres míticos galegos (1999), os 20 tomos con contos da tradición oral de Galicia baixo o título xeral de Cabalo Buligán (1998-2004), Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral de Galicia (2001), Antoloxía do conto de tradición oral (2002), e Pequena mitoloxía de Galicia (2001). Con Xosé Miranda é autor de Cando os animais falaban. Cen historias daquel tempo (2002); Arrepíos e outros medos. Historias galegas de fantasmas e de terror (2004) e A flor da auga. Lendas galegas de encantos, mouras, serpes e cidades mergulladas, (2006). A súa obra máis recente, unha recreación de contos do Antigo Exipto leva por título Os dous irmáns e outros contos populares do Antigo Exipto (2008 ). Foi recoñecido con premios como o “Certame Nacional de Artes e Tradicións Populares” para Prensa, Radio e Televisión”, Ministerio de Cultura (1987), Merlín (1998), Raíña Lupa (2000), Frei Martín Sarmiento (2003) e Premio de Comunicación, da Asociación Cultural “María Castaña”(2006). O Equipo Chaira, do que forma parte, foi homenaxeado en 2007 nos XV Encontros na Terra Chá pola Asociación Cultural Xermolos.
Vexa aquí as actas das Xornadas (en .pdf)