30 de outubro de 2021
Unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega
Foto da actividade

A XIV Xornada de Literatura de Tradición Oral terá lugar o 30 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).

 

Vexa aquí o libro de actas da Xornada

 

A inscrición é obrigatoria e previa, seguindo estes criterios:
- As persoas que queiran dispor da homologación da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, por un total de 8 horas, farase directamente a través da páxina web da AS-PG
- As persoas que desexen recibir un certificado de asistencia por parte da AELG, e aquelas que queiran asistir sen obter homologación nin certificado, deberán incribirse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org Nel indicarase o nome, apelidos e Documento de Identidade.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes nese momento.

O medo é o temor xeralmente irreflexivo ao descoñecido e unha das emocións básicas, primarias e universais do ser humano. 

Existe un medo necesario, que actúa en nós como mecanismo imprescindible para a nosa propia supervivencia, intrínseco, pero que hai que aprender a modular e combater, unha emoción que forma parte da nosa herdanza cultural e da propia experiencia. Énos moi útil pois sérvenos para detectar e prever os perigos que nos poden afectar física ou psicoloxicamente. 

Pero hai outro gran tipo de medo, o que exercen uns conxéneres sobre outros de múltiples maneiras, usando toda clase de medios, coa finalidade exclusiva de sometelos á vontade dunha persoa, dun grupo ou dun poder tirano. Este tipo de medo é, probablemente, a arma máis poderosa que existe. 

Por tanto, o medo é innato ao ser humano pero tamén arma de control das persoas des que nacemos, individual e colectivamente.

 

Programa

 

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración

10.30-11.30 Conferencia: O medo non é libre
Ana Carreira

Titulada Superior en Arte Dramática na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia pola ESAD de Galicia, entra en contacto co mundo teatral da man de Achádego Teatro e da Aula de Teatro da USC. Complementa estas experiencias cunha ampla formación tanto no eido da interpretación como na narración oral e a dramaturxia.

Como narradora oral posúe unha extensa experiencia en moi diversos ámbitos: festivais e ciclos de narración oral, programas de televisión, campañas escolares, itinerarios culturais, campañas de animación á lectura e rotas literarias, como a da novela A praia dos afogados, organizada polo Editorial Galaxia. 

Tamén exerce a docencia sobre narración oral no Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo do Concello de Vigo.

Na actualidade combina a súa faceta de narradora oral coa de dramaturga e é membro de UBÚ TEATRO e PÍNCONÚS 

11.30-12.30 Conferencia: Días de contar e cantar: poemas para escorrentar o medo
Federico Martín Nebras

 Escritor, contacontos e especialista en Literatura Infantil e Xuvenil, destaca a importancia de educar os nenos e nenas a través do xogo, do canto e da tradición oral para que poidan ler o mundo a través das palabras. Alén diso, resalta a necesidade de inculcar a lectura desde o nacemento como unha forma de alimentar a alma.

12.30-14.00 Mesa redonda: Onde habitan os monstros, mais... habita a palabra?
Ana Carreira e Federico Martín Nebras

Coordina: Lois Pérez
 

16.00-17.00 Conferencia: Arco da Vella, vaite de aí... Relatos míticos que explican porque esconxuramos ó Arco
Lidia Mariño

Nacida en Portosín en 1984. Diplomada en Fisioterapia, actualmente atópase cursando o Grao de Antropoloxía Social e Cultural na Uned. Realizou varios cursos de extensión universitaria sobre antropoloxía, mitoloxía e ritualística galega; así como de investigación etnográfica, rituais con máscara e crenzas medievais.
En 2012 publica a novela histórica "La verdad del bufón" e no 2018 participa no libro colectivo "Achegas ao Patrimonio Inmaterial Galego". Ten publicados numerosos artigos -así como tamén impartido conferencias- sobre diversos aspectos da mitoloxía, os ritos e as crenzas galegas. O seu tema fundamental de investigación é a figura da Vella mítica, que estuda aplicando os métodos da mitoloxía comparada.  A esta personaxe está dedicado o seu blogue "Tralas pegadas da Vella".

 
17.00-18.00 Conferencia: As caras do medo: Narrativas, tipoloxías e caracterizacións na mitoloxía popular galega
Antonio Reigosa

O medo forma parte da realidade vital e emocional das persoas des que nacen, por iso se expresa simbolicamente e forma parte do imaxinario da humanidade. Segundo a idade da persoa, o lugar e as circunstancias a cultura popular tradicional galega creou diferentes figuras do medo que analizaremos e describiremos.

Naceu en Zoñán, Mondoñedo, 1958. Na actualidade é Responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística da Deputación de Lugo e Cronista oficial de Mondoñedo.
Escritor, investigador e divulgador da mitoloxía popular, da literatura tradicional e cultura oral. Cofundador do Grupo de Investigación Etnográfica Chaira. Creador en 2005 da enciclopedia virtual Galicia Encantada (galiciaencantada.com) polo que recibiu o Premio Follas Novas do Libro Galego 2021.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG),impulsou con  Isidro Novo e Lois Pérez proxectos como as Polafías, os premios Mestres da Memoria e as Xornadas de Literatura de Tradición Oral.
Membro do “Comité de Expertos en investigación de campo” do proxecto Corpus de Literatura Oral da Universidade de Jaén.

 

18.00-19.30 Mesa redonda: O medo na mitoloxía popular. Figuras e contexto
Lidia Mariño e Antonio Reigosa
Nesta mesa abordarase o tema do medo e das súas manifestacións individuais e colectivas desde o punto de vista da mitoloxía popular, as diferentes figuras que o representan e a súa pervivencia no imaxinario colectivo.
Coordina: Cesáreo Sánchez Iglesias

 
19.30-20.30 Sesión práctica: De medos, maxias, músicas e beleza
Benxamín Otero 

Oboísta dende o 1989, formado na clásica Benxamín Otero non tardou en abrir as posibilidades que lle daba a música a outros terreos, non só musicais senón de outras disciplinas. Mestre de Óboe e Historia da Música no Conservatorio de Lalín, tamén foi durante moitos anos mestre de Linguaxe musical no Conservatorio de música tradicional e folque da mesma vila. Froito do contacto coas músicas tradicionais desembocan en grupos como Curitiba, Grodan defló, Linho do Cuco ou do espectáculo "Método cardiofónico" de Germán Díaz. Ten colaborado con Driade, Os Cempés, Marful, Guadi Galego, Uxía, Fuxan os Ventos, Ataque Escampe, Gelria, etc...
No mundo audiovisual é o compositor de bandas sonoras para videos comerciais, curtametraxes coma "Alzheimer" de Alex Sampaio, "Viento" de David Argüelles, ou o documental "Piedad" de Otto Roca. Traballou para a compañía de teatro Matarile nos espectáculos "Primeiro movemento para figuras brancas" e "Historia Natural" e a partir do ano 2009, entra a formar parte da compañía Fantoches Baj como actor, músico pero sobre todo compositor, realizando as músicas para os espectáculos da compañía, "O Asombro", "Poesía última de LP",  "As pombas de Carboeiro" ou "Os vellos non deben de namorarse"entre outras.

Ultimamente está a realizar "No tempo dun café" xunto a Celso F. Sanmartín, un espectáculo onde se conxugan contos populares, músicas e maxias, "trece canción bonitas" facendo dúo con Germán Díaz ou o espectáculo musical de Faia "Ao cabo leirín"

 

 

 

A seguir recollemos a serie de artigos que Antonio Reigosa publicou en El Progreso previamente á celebración da Xornada, nos que foi avanzando algún dos contidos a tratar:

Os medos pequenos por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso o 5 de xullo de 2021)

Como é ben sabido, o home do saco, o coco e o sacamanteigas son algúns dos principais monstros que atemorizan as nosas crianzas: «E durme, neniño / que vén o cocón / vai levar o neno / que non dorme, non».
Sobre a orixe do nome hai moitas teorías, ningunha satisfactoria. Non se descarta que derive do nome de certas larvas ou eirugas chamadas cocos, cocas ou cucas, e tampouco que se refira ao xesto do rostro e dun son emitido polos monos cando están enfadados e din «co-co-co-co». Os portugueses bautizaron o froito dos cocoteiros como cocos por este motivo. A palabra coco non aparece impresa ata o s. XVI nun auto do portugués Gil Vicente e no Lazarillo de Tormes.
Os cocóns poden ter moitas aparencias ou ningunha. Asociados ao feo, soen ser peludos e negros pero rara vez se lles atribúe un aspecto físico concreto. Teñen como misión, invocado case sempre de noite polos adultos dentro da casa, procurar que as criaturas durman, causarlles medo ou que obedezan.
Ademais do coco ou cocón hai unha variedade enorme de nomes para referirse ao exército de seres que sobrevive no imaxinario dos medos da infancia.
Segundo Belén Chao Ónega chámanlle Garavanceira a unha asustadora que anda polo concello da Pastoriza. Ten figura de muller e aparécese nos camiños cegados de silvas e felgos polos que é case imposible o paso. O neno ou nena que entre alí arríscase a que a Garavanceira os pille e o meta nun saco para logo vendelo, quen sabe a quen e para que. 
Existe unha variedade de silva chamada precisamente garavanceira, un máis dos nomes do arbusto (ruscus aculeatus) de falsas follas espiñentas e froitos vermellos. Esta planta tamén se chama azoutacristos, brusco, mezquita, picanceira, silva macha, roseira silvestre, rascacú, silbarda, silvarda, xibarda, xilbarda e xarda ou xardeira. Os meniños non deben comer os seus froitos xa que lles poden provocar vómitos, descomposición e convulsións.
Segundo E. Lence Santar,  as bruxas da zona de Mondoñedo viaxan de a cabalo dunhas vasoiras feitas de xibarda ou garavanceira. A Noite de San Xoán voan en parellas todas as bruxas da Mariña e da Terra Chá collidas pola man desde o Monte Monfadal ata o xuntoiro que teñen no Pico do Xistral
A mesma Belén falounos do Sangrón. Ser de aspecto indefinido moi vigorosos, quizais coa figura de homes xigantes, que atrapan nenos e nenas para quitarlles o sangue e bebelo.
Segundo información que nos facilitou no seu día Anxo Fernández Ocampo a Tía Xoana é unha muller moi vella que vive no faio dunha casa de Vilaeimil, na Pontenova.
Suponse que ten máis de douscentos anos, loce cabelo branco e tan longo que lle cobre todo o lombo. Tamén ten a pel engurrada coma a dunha pataca vella, un só ollo na cara e un só dente na boca.
Máis ca comer, rila co seu dente do que atopa no faio e ten o detalle de cagar nunha pota enferruxada. Dorme nunha hucha que despois de acomodarse pecha cunha tapa para que ninguén poida abrila.
Os pícaros da casa téñenlle moito medo pois din que se os colle a Tía Xoana e os mete dentro da hucha, non se volven ver nunca máis.

 

O medo é libre por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso o 25 de outubro de 2021)

Baixo o reclamo que lle dá título a este artigo imos tratar na XIV Xornada de Literatura Oral −vai ter lugar o próximo 30 de outubro en Lugo− sobre o medo con varios relatorios e mesas nas que imos participar con Ana Carreira, Federico Martín Nebras, Lidia Mariño, Benxamín Otero, Cesáreo Sánchez e Lois Pérez.
O medo é o temor xeralmente irreflexivo ao descoñecido e unha das emocións básicas, primarias e universais do ser humano e tamén dos animais. O medo está asociado ao non coñecido e á necesidade de saber, de coñecer tanto o estraño externo como o que habita en nós.
Podemos distinguir, por simplificar, dous tipos de medo. Un que actúa en nós como mecanismo intrínseco imprescindible para a nosa propia supervivencia. Trátase dun medo que hai que aprender a modular, unha emoción que forma parte da nosa herdanza cultural e da propia experiencia. Este tipo de medo funcional énos moi útil pois sérvenos para detectar e prever os perigos que nos poden afectar física ou psicoloxicamente. Evita, por exemplo, que padezamos as consecuencias do descoñecemento dos perigos para a nosa propia existencia.
O outro gran tipo de medo é o que exercen uns conxéneres sobre outros de múltiples maneiras, mediante toda clase de medios e coa finalidade exclusiva de torturaranos e someternos á vontade dunha persoa, dun grupo ou dun poder tirano. Este tipo de medo é, probablemente, a arma máis poderosa que existe.
Sobran os exemplos do uso político e relixioso do medo. Abondan uns nomes para lembralo. Calígula, Hitler..., a Inquisición, o Inferno, as guerras, o terrorismo... sempre coa imprescindible −e ás veces imperceptible− colaboración de medios de comunicación, da publicidade, do boca a boca, do cine, do teatro e tamén da literatura.
Hai medos racionais e medos irracionais que ás veces precisan tratamento médico. Desde o campo da psicoloxía distínguense moitos máis tipos de medo pero sobre todo estúdanse e avalíanse terapias para tratar os medos disfuncionais, os que non obedecen, en principio, a nada real  e no que se inclúen fobias e aprehensións de todo tipo como o medo a voar, a nadar, a certos animais, a unha invasión marciana, ás pragas, a pasar fame, aos violadores, a ser enterrado vivo, e a... en definitiva, sufrir, padecer ou morrer. E tamén existe, por suposto, un imaxinario do medo.
Ás veces o medo recréase simbólica e culturalmente a través de animais reais como o lobo, as serpes e outros considerados velenosos ou nocivos como sapos, arañas, lagartos.... O caldo de cultivo sobre o que se constrúen estes medos soe ser a credulidade e certos intereses.
Todos estes medos forman parte das culturas populares universais. O medo é antigo como o mundo e por iso é recorrente a recreación do medo en mitos, lendas e contos coa súa correspondente lección ou ensinanza moral que aplicar. Os cocos que amedrentan as crianzas, os violadores, os estranxeiros e os extraterrestres, os monstros, a propia morte e nós mesmos cando morremos e nos transformamos en ánimas somos axentes do medo.
Mais, quen dixo medo! Achéguese ao salón de actos da Deputación e falamos!

 


Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.