A XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral tivo lugar o 24 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).
No desenvolvemento desta actividade aplicáronse os protocolos sanitarios vixentes nese momento.
O humor constitúe un estado de ánimo exclusivo dos humanos. Sen ese recurso para transformar a realidade e para sorprender, a comunicación e transmisión de coñecementos e cultura entre nós quedaría moi limitada. O humor é liberador, axuda a relativizar situacións excesivamente serias e incluso as tráxicas, ademais de producir goce e efectos beneficiosos para a saúde.
O humor como método de comunicación e como recurso de socialización. O humor como estímulo e como virtude pero tamén como arma de dobre fío, segundo o uso que se lle queira dar; como factor afectivo ou, pola contra, como elemento crítico, denigrante, impositivo ou, incluso, destrutivo.
Con esta xornada dedicada a 'O humor na literatura de tradición oral' pretendeuse amosar como funciona ese recurso intrínseco, estrutural dentro dos xéneros de literatura tradicional popular, como inflúe na memoria ou como pode axudar a resolver situacións de conflito.
10:15 Recepción, entrega de material e inauguración
10:30-11:30 Conferencia "Humor salgado"
Suso Lista
Nacido en 1962 en Corme. Escritor, actor e guionista. Con 16 anos embarca na Mariña Mercante. Aos 25 comeza a traballar como percebeiro. Dende 2009 exerce como actor e guionista da serie "Para Mariñeiros Nós". No 2013 gaña o premio da Audiencia do VII Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega coa obra O demo nunca dorme. No 2014 publica Salseiros, no 2015 Xeixos e no 2017 Charamuscas.
11:30-12:30 Conferencia: "A ágora da taberna"
Quico Cadaval
Francisco Cadaval Ayaso 'Quico Cadaval' (Ribeira, 1960) é actor, director e adaptador teatral, pioneiro do movemento contacontos en Galicia. Comezou no Centro Dramático Galego e fundou a compañía “O Moucho Clerc”. Traballou en producións da TVG, en curtas e longametraxes, sendo recoñecido con premios como o María Casares (2002), Premio Max ao mellor autor teatral en galego (2010), Premio Cultura Galega das Artes Escénicas en 2011 e o Premio Xiria ao Labor Teatral (2020). Como autor destacan obras de seu como O Códice Clandestino (1898), O ruisinol de Bretaña (1991) e Espantoso (2002).
12:30-14:00 Mesa redonda: O segredo do humor
Quico Cadaval e Suso Lista
Coordinou: Antonio Reigosa
16:00-17:00 Conferencia "Rir do mundo, comezando por nós. Algúns mecanismos do humor nos contos tradicionais."
Paula Carballeira
Nacida en Maniños (Fene, A Coruña), aínda que despois de licenciarse en Filoloxía na Universidade de Compostela, quedou a vivir nesas terras. Narradora oral profesional desde 1994, actriz e escritora. Tivo a sorte de ser convidada aos principais festivais de narración oral nacionais e internacionais (Portugal, Polonia, Francia, Cabo Verde, Colombia, Perú, Ecuador, México, Costa Rica...). Ademais, mantén actividades regulares en bibliotecas e centros de ensino. Como actriz, é membro da compañía Berrobambán e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como directora de teatro, levou adiante producións infantís tanto na súa compañía como no Centro Dramático Galego ou noutras compañías. Como autora, ten máis de trinta títulos publicados, tanto de narrativa, como de poesía ou teatro, moitos deles traducidos a varias linguas: portugués, inglés, italiano, coreano, catalán, éuscaro..., algúns deles premiados e a maioría pensados tamén para a infancia e a xuventude.
17:00-18:00 Conferencia: "Humor e lingua"
Xosé Lois González "O Carrabouxo"
Humorista, conferenciante, monologuista e tertuliano nacido en Ourense, o 3-4-49. Estudou Telecomunicacións e foi funcionario. Foi presidente da Asociación Cultural Auriense. Colabora con La Región de Ourense e fíxoo tamén en Atlántico Diario de Vigo e tamén na revista Sermos Galiza, na Revista Galega do Ensino e en Tempos novos . Colabora no xornal Nós Diario. Creou o personaxe O Carrabouxo, que ten un monumento en Ourense, que tamén é pseudónimo do autor. Publicou 10 libros de humor gráfico individuais e numerosos colectivos. Recibiu a Medalla Castelao en 2008. No 2013 recibiu o premio Bo e Xeneroso da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Recibiu tamén os premios Galicia de Comunicación (2 veces) e o Xosé Aurelio Carracedo. Ten tamén a Curuxa de Honra do Museo de Humor de Fene. O seu personaxe, O Carrabouxo, foi animado por Lhosca Arias no 2000 nunha serie titulada O Carrabouxo de 26 capítulos dun minuto de duración, que se emiten en Televisión.
18:00-19:30 Mesa redonda: Anatomía da retranca
Paula Carballeira e Xosé Lois González Vázquez "O Carrabouxo"
Coordinou: Lois Pérez
19:30-20:30 Sesión práctica: "Contaba morrer"
Lois Pérez
Nado en Lugo, mestre do ensino público, actualmente traballa como representante sindical do STEG (Sindicato de traballadoras e traballadores do Ensino de Galiza). En 2008 gañou o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico coa peza Saltimbanqui, dirixida e adaptada por Quico Cadaval e interpretada ademais del por Xosé Olveira "Pico" e Xan Cejudo. Mención especial no Pedrón de Ouro polo relato "A corrente salvaxe" en 2009; segundo premio no Certame de Ames de 2010; e relato gañador no premio de Noia, no 2011.
Emerxente Editora publicou o seu poemario LP en 2013. Participou no Festival de Mondoñedo de Poesía en 2015 e no "Ponme un Poema" de Allariz en 2016.
Como narrador oral, humorista e comediante ten actuado e actúa en institutos, feiras do libro, universidades, escolas de idiomas, teatros, museos, pubs, bares ou cárceres.
No eido do ensino coordinou varias iniciativas normalizadoras, todas elas premiadas pola administración educativa ou por entidades privadas vinculadas ao ensino. No curso 2009-2010 coordinou o proxecto Premio de Innovación Educativa en Normalización Lingüística "Mergullados nos mares da palabra", no CEIP de Sofán (Carballo, A Coruña), e o proxecto "A imaxinación no peto", Premio Antonio Fraguas. No curso 2010-2011 coordinou o proxecto de normalización lingüística "As palabras que soñan co vento" no CEIP de Bemantes (Miño, A Coruña), cualificado como pioneiro e seleccionado pola administración educativa para ser exposto en Lugo, Santiago, Coruña e Ferrol nas Xornadas de Normalización dese mesmo ano. No curso 2011-2012 coordinou o proxecto de normalización lingüística "Irradio Lingua" no CEIP de Barrantes (Tomiño, Pontevedra), sendo valorado coa mellor puntuación canda o da ESAD de Vigo.
Foi relator dos Cursos de galego para Funcionarios en prácticas desenvoltos nos CEFORES da Coruña, Santiago, Lugo e Ferrol en 2010 e 2011.
Membro do Xurado Premios Xerais 2017.
Gañador do Premio aRi[t]mar Galiza e Portugal 2018, ao mellor poema publicado en galego en 2017 por "Blues do Rei Bergman=B.B. King".
En 2017 publica en Xerais o libro de poemas Long Play.
Cronista do rock and roll no suplemento literario e cultural Táboa Redonda do Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra e na revista Ruta 66.
A seguir recollemos a serie de artigos que Antonio Reigosa publicou en El Progreso previamente á celebración da Xornada, nos que foi avanzando algún dos contidos a tratar:
O segredo do humor por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 05/10/2020)
A primeira noticia sobre este ensaio fundamental arredor do humor, 'O segredo do humor' da autoría de Celestino Fernández de la Vega, dinos que en 1960 se lle concedeu en Bos Aires o Premio Padre Feijóo, dotado con 12.000 pesos arxentinos, certame convocado polo Centro Galego daquela cidade. A Editorial Galaxia anuncia a súa publicación inmediata a finais de 1961 pero non vai aparecer nas librarías ata a primavera de 1963.
Unha vez publicado axiña aparecen as críticas e notas, quizais a primeira en El Progreso, publicada o 9 de maio de 1963, asinada por J. Trapero Pardo. Pouco despois será Salvador García-Bodaño en La Noche quen mellor nos traslade, transcribindo unha entrevista co autor, a esencia da obra do avogado, filósofo, ensaísta e tradutor de Friol.
Fernández de la Vega recoñece o impulso que lle deu á finalización do seu traballo un “cómplice e instigador” Ramón Piñeiro. Nas respostas ás preguntas de García-Bodaño, o autor recoñece a dificultade de atopar unha definición do humor e destaca dous tipos de humor galego; o tenro e reconciliador, e o sarcástico, negro, desesperado. Admite formar parte do gremio de humoristas polo feito de tomar en serio o humor e cualifica de humor xovial o de Cunqueiro “que consiste principalmente en una alegre cancelación de la realidad”. Considera a retranca como humor defensivo.
Ten interese, e probablemente unha alta dose de humor, a resposta á pregunta sobre o que opina da celebración do Día das Letras Galegas que nacía precisamente aquel ano 1963: “Me parece que se inicia una jornada anual de ejercicios espirituales de galleguidad que hacen mucha falta...”.
Diríamos que entre as críticas, que algunha houbo naqueles primeiros meses de andadura pública do libro, destaca a de Juan María Gallego que pide que se traduza ao castelán inmediatamente, que el, a pesar de ter nacido na rúa da Cruz da cidade de Lugo, ten serias dificultades para entendelo en galego. Gran humorada!
Celestino Fernández de la Vega (Friol, 1914 - Lugo, 1986), estudou dereito en Santiago e Madrid, foi técnico da administración do Estado con destino no entón Goberno Civil de Lugo. Foi socio fundador de Galaxia, articulista prolífico, traduciu a Pokorny e a Heidegger desde o alemán ao galego. Escribiu ensaios sobre a obra de Rosalía de Castro, Valle Inclán, Otero Pedrayo e Luis Pimentel. 'O segredo do humor' é a súa obra máis coñecida e o primeiro e, con certeza, o máis profundo tratado sobre o humor publicado en Galicia.
Os últimos anos da vida de Celestino, Cilistro, foron difíciles. O día 29 de marzo de 1986 estaba previsto que impartise unha conferencia en Lugo organizada polo Club Valle Inclán sobre Julia Minguillón pero dous días antes sóubose que marchara da súa casa o día 25, que saíra en pixama ás tres da tarde en dirección á ponte, daquela nova, sobre o Miño. A pesar dos múltiples esforzos por atopar o seu corpo non se deu con el nas proximidades do Club Fluvial ata o 15 de abril.
Nas XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral, a celebrar en Lugo este 24 de outubro, falaremos do humor e, obviamente, desta obra capital.
O humor na tradición oral por Lois Pérez (artigo publicado en El Progreso, 18/10/2020)
Apareceu Trump no televisor dun bar de Lugo. Declarábase inmune ao coronavirus. Dous vellos observábano impasíbeis dende a barra, dixo un: o vello contar, contaba morrer. Sorriron e continuaron ao seu.
É probábel que querer falar hoxe do humor na tradición oral pareza coma querer andar en carro pola autopista. Sexa como for, parece indiscutíbel que o humor é un trazo característico de boa parte dos nosos contos. Esta peculiaridade nosa, tanto na súa vertente espontánea como na súa manifestación escénica, traduciuse a día de hoxe tamén nunha inxente nómina de narradoras e narradores orais, pertencentes a varias xeracións, incluídas as máis novas. Son elas quen, sorteando todo tipo de dificultades e contextos adversos, continúan percorrendo bibliotecas, teatros, escolas, institutos, centros culturais, asociacións veciñais, cárceres ou universidades. Espallan, a través da palabra, parte do noso repertorio literario de tradición oral. E tamén a súa calidade humorística.
Na sociedade do rendemento, expresión acuñada polo filósofo coreano Byung-Chul Han, onde a persoa de rendemento abandónase á liberdade obrigada ou á libre obriga de autoexplotarse, a palabra oral e o conto reivindican tamén a necesidade da pausa, a interrupción. Pois tamén é a nosa a sociedade do cansazo. Xaora, o humor é un elemento facilitador nesta ardua tarefa. E existen varios elementos na nosa tradición oral que favorecen a calidade do seu humorismo. Por exemplo, a asimetría no plano socioeconómico e político que presidiu historicamente as relacións de poder; os contos de tradición oral teñen a súa cerna nas clases populares, na xente traballadora que se reunía nunha pausa da vida cotiá: o relato, a chanza, o sucedido ou a anécdota aparecen no medio dunha malla, nun lavadoiro, nunha fiadeira, recollendo as redes do mar, nunha lareira, tendendo a roupa, cosendo...
Tamén, a evocación dun mundo eminentemente rural, onde este diálogo se produce ademais a través dunha lingua minorizada e obxecto de estigmas. Non é casualidade que o sentido do humor galego, na súa mellor versión, sexa tradicionalmente un, o que vai de abaixo arriba: aparecen así nesta dirección as chanzas co poder eclesiástico, o caciquil, o poder económico, a xente que renuncia das súas orixes... E este contexto é o que favoreceu o desenvolvemento de certas sutilezas que hoxe son características das nosas mellores narradoras e narradores orais: os silencios, os dobres sentidos, as chanzas, a fina ironía que é un humor agochado, o certeiro uso da lingua... Certo sufrimento conleva a necesidade dunha mirada crítica e amábel a un tempo sobre a experiencia do mundo e xera un humor moi distinto. Penso que foi Laxeiro, dixo: ha, somos un gran país... pero que carallo de xente! Carlo Ginzburg propuxo a idea de que estar avergoñado do teu país podería ser sinal inequívoca de que pertences a el. O chiste e a anécdota, contos de risa ou burla constitúen o grupo máis numeroso do repertorio canónico tradicional.
Unha señora xa maior do Courel estaba chorando ao ver arder a súa casa: polo menos, se lle ardese aos outros tamén... Son feitos e sucedidos aparentemente insignificantes, vagas anécdotas pero que se reiteran a través dunha mirada humorística nos nosos contos de tradición oral. Rebelan, ao tempo, a delicada observación do mundo e a natureza das persoas, sintetizada con humor, no sentido
que lle atribuía Celestino Fernández de la Vega, n’O Segredo do humor: o esforzo por comprender. Non sucumbir á comicidade gratuíta ou á traxedia. E sorrir. Porque froito de quen escoita e comprende, agroma o sorriso, o aceno característico do humor.
É probábel que esta pandemia puxese de manifesto tamén outras enfermidades do noso tempo. A negatividade da sociedade disciplinaria de Foucault xeraba tolos e criminais. A positividade desta sociedade nosa do rendemento e o yes we can xera depresión e incapacidade para a empatía. Pero na axitación non agroma nada novo. Precisamos tamén parar e degustar o aburrimento. Walter Benjamin chamáballe o páxaro de sono que incuba o ovo da experiencia. E probábel que esteamos cansas, pero o cansazo devólvelle o brillo ao mundo. A palabra e o conto de narración oral abren un espazo para a contemplación, a necesidade das persoas de desprendérense do eu e habitar de novo outras vidas, outros mundos, mergullarse en quen temos fronte a nós. Escoitar. A Gelassenheit, os tempos mortos dos antigos místicos. O humor é curativo tamén. Talvez nos axude a abandoar certas ideas que hoxe producen estupro: que alguén poida concibir a pandemia como a xustificación da reducción da ética social.
En todo caso, cómpre celebrar o vigor do noso humor e a nosa literatura de tradición oral; maniféstase na actualización constante dos nosos vellos contos a través das nosas voces máis novas, coa súa imaxinaría invísibel de acenos e palabras. Constitúe este un trazo tamén característico da tradición: o da reescrita e a adaptación dos clásicos. A tradición é transmitir o lume, non adorar as cinzas. E só asumir o risco da reinterpretación é ser fiel a este legado; o contrario, é traizoar o propio espírito dos nosos contos de tradición oral.
Na Havana, á saída do teatro, saíu un emigrado felicitar a Castelao polo discurso. E este díxolle: e... gábasme o discurso e lo’ non me dis nada do traxe? Fuxir da solemnidade, empatizar cos máis, reencontrarse a través da palabra da outra cun mesmo.
*O sábado 24 de outubro terán lugar en Lugo as Xornadas de Literatura de Tradición Oral organizadas pola AELG, baixo o título de O humor na tradición oral.
Lugo, capital da oralidade por Antonio Reigosa (artigo publicado en El Progreso, 19/10/2020)
Esta próxima fin de semana terán lugar na cidade de Lugo dous actos de grande importancia para a sección de literatura de tradición oral da AELG. O venres 23 celebraremos a VI Gala Mestras e Mestres da Memoria, e o día seguinte, sábado 24, a XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Ambas actividades desenvolveranse no salón de actos da Deputación.
Des que a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) decidiu, co apoio das áreas de Cultura da Deputación e do Concello, escoller Lugo “capital galega da literatura de tradición oral” estas dúas actividades constitúen o buque insignia do programa da sección.
Ano tras ano convocamos en Lugo as persoas consideradas merecentes de seren distinguidas co diploma de Mestras ou Mestres da Memoria, un recoñecemento público ao bo facer na transmisión de saberes.
Nesta ocasión as mestras da memoria son as compoñentes de Batuko Tabanka, as mulleres caboverdianas radicadas en Burela desde hai máis de corenta anos que souberon manter a memoria cultural e musical das súas orixes. O título de Mestre será para o xornalista coruñés, Emilio Españadero, quen ao longo de case tres décadas mantén o Lume na Palleira das nosas músicas de raíz nas ondas da Radio Galega. En ambos casos, distínguense auténticos Tesouros Humanos Vivos.
Acompañarannos para realizar os correspondentes laudatorios o profesor Bernardo Penabade e o polifacético Xurxo Souto, grandes e entusiastas animadores das traxectorias das persoas premiadas. A música estará a cargo de Raiceira, dúo lucense formado por Sabela Vázquez e Carme López, anovadoras da nosa música tradicional.
Se a covid o permite, ao día seguinte dedicaremos a xornada ao humor na literatura de tradición oral. Impartirán os relatorios recoñecidos especialistas como Quico Cadaval, Suso Lista, Paula Carballeira e Xosé Lois González 'O Carrabouxo'. Todos eles, desde as súas experiencias profesionais, exporán e debaterán en mesas abertas á participación da asistencia sobre as características, tipos e peculiaridades do noso humor popular.
Desde o mundo do teatro e da escena, da escrita, da narración oral ou do humor gráfico, coa bagaxe acumulada por parte dos relatores, cremos que a proposta ha resultar de moito proveito para o limitado aforo permitido nesta ocasión. O remate poñerallo unha sesión práctica denominada 'Contaba morrer' a cargo de Lois Pérez, vogal do consello directivo da AELG e recoñecido narrador oral, poeta e humorista.
Como nas edicións precedentes, despois de se celebrar a xornada a AELG editará as actas que se distribuirán impresas, amais de a socias e socios, a todos os centros escolares e bibliotecas da provincia de Lugo así como nas principais bibliotecas do país.
Contamos erguer así un chanzo máis no empeño en divulgar as manifestacións máis destacadas da nosa cultura e levar, coa imprescindible colaboración do profesorado que asiste ano tras ano, ás xeracións máis novas coñecementos, experiencias, inquedanzas e, sobre todo, estímulos para coñecer mellor de onde nos vén a memoria.
Un ano máis, Lugo volve ser o berce onde se abanan as esencias da nosa cultura tradicional.