27 de outubro de 2022
A AELG colabora con esta actividade da Universidade da Coruña ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística

Chegou unha nova edición das Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura, neste edición baixo o título de Prohibido calar! Bibliotecas escolares, espazo de diálogo.

A actividade tivo lugar o 27 de outubro, ás 16:30 horas, no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. As profesoras coordinadoras da actividade foron Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire e Patricia Carballal Miñán, da Facultade.

O obradoiro-coloquio contou coa presenza de:

- Diego López, da Biblioteca do CEIP Emilia Pardo Bazán.

- Iván Pena, da Biblioteca do CRA de Culleredo.

- Patricia Prado, da Biblioteca do CEIP San Pedro de Visma.

 

 

Na sesión -que foi á vez presencial e virtual- participaron tres coordinadores/as dos equipos de biblioteca de tres centros escolares da contorna Diego López, do CEIP Emilia Pardo Bazán; Iván Pena, do CRA de Culleredo e Patricia Prado, do CEIP San Pedro de Visma. As súas intervencións formaron parte dunha mesa redonda na que comezaron describindo como eran bibliotecas dos seus centros. Así, Iván Pena contou as peculiaridades da biblioteca nómade do seu CRA, que vai trasladando o seus fondos ás diferentes aulas espalladas polo Concello de Culleredo; Diego López falou das dúas aulas nas que se agrupan os fondos da biblioteca -unha na que se agrupan os libros informativos e que se emprega como laboratorio de investigación e outra adicada á lectura literaria- e Patricia Pardo contou como, ás veces, os fondos da biblioteca do seu centro lévanse ao patio e as zonas verdes do seu centro para que os nenos e nenas podan ler os libros durante o recreo.

A continuación, os tres participantes falaron das colección de fondos que compoñen as súas bibliotecas, de como os elixen coidadosamente (coa axuda de catálogos, sitios especializados e libreiros e libreiras de proximidade) e de como circulan polo centro diariamente, para formar parte da cotidianidade pedagóxica do alumnado e do profesorado e do seu tempo de lecer.

Tamén describiron as numerosas actividades que levan a cabo e que van dende a organización dos plans de biblioteca e plans lectores, proxectos documentais integrados dos centros e guías de lectura, até as recomendacións de libros para familias, a coordinación das radios escolares, a preparación de mochilas viaxeiras e o seguimento dos clubes de lectura interxeracionais e escolas para nais e país.

 A sesión rematou, ademais cun diálogo sobre o relevante papel que ocupan as bibliotecas como vertebradoras das metodoloxías do centro e como aglutinadoras da comunidade escolar.