27 de outubro de 2020
A AELG colaborou con esta actividade da Universidade da Coruña ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística
Foto da actividade

Chegou unha nova edición das Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura, neste edición baixo o título de Tecer palabras en tempos de crise.

A actividade tivo lugar o 27 de outubro, entre as 17:00 e as 18:30 horas, a través da Plataforma Teams da Universidade da Coruña, unicamente para o alumnado dos Graos en Educación Infantil e Primaria da Facultade de Ciencias da Educación desta Universidade. As profesoras coordinadoras da actividade foron Montse Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire e Patricia Carballal Miñán, da Facultade.

O obradoiro-coloquio contou coa presenza de:

- Eva Mejuto: Cultura resistente.

- Elisabeth Rodríguez Rico: A biblioteca en tempos de pandemia.

 

 

O día 27 de outubro de 2020 tiveron lugar as III Xornadas de literatura infantil e xuvenil e animación á lectura “Tecer palabras en tempos de crise”, organizadas polas profesoras Montse Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire e Patricia Carballal Miñán da Facultade de Ciencias da Educación da UDC en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Na sesión -esta vez de carácter virtual e seguida por 300 persoas- participaron Eva Mejuto, directora do Salón do Libro, cun relatorio denominado “Cultura resistente” e Elisabeth Rodríguez Rico, das Bibliotecas Municipais da Coruña, quen artellou a súa intervención sobre o tema de “A biblioteca en pandemia”. 

A xornada comezou cunhas palabras introdutorias de Iria Sobrino Freire e de Patricia Carballal Miñán, que destacaron o papel da literatura en tempos de crises colectivas e individuais, respectivamente. Logo, Elisabeth Rodríguez Rico falou de como o persoal das Bibliotecas Municipais da Coruña actuou durante o confinamento do pasado marzo de 2020 para que estes centros,  malia o confinamento e as limitacións impostas,  continuaran o seu labor como espazos democratizadores e como punto de encontro educativo, informativo e de entretemento ao servizo da cidadanía. Deste xeito, falou de diversos programas e accións que tiveron lugar tanto durante o confinamento como nas etapas da nova normalidade: recursos para apoiar a ensinanza-aprendizaxe de alumnos/as profesores/as e familias de maneira telemática; asesoramento sobre as posibilidades de préstamo online e outras dinámicas espalladas a través das redes sociais, ben de carácter lúdico-artístico (recomendacións literarias, audiovisuais e musicais; conta contos, retos literarios e enigmas) ou ben para poñer en contacto ás persoas a través dos libros (clubs de lectura a distancia).

Pola súa banda, Eva Mejuto, reivindicou os libros como bens necesarios para as persoas e falou detalladamente de como O Salón do Libro, na súa edición de 2020, a pesar de ter que clausurar a súa edición presencial aos poucos días de comezar, continuou a súa andadura na rede. Así, un bo número de actividades pasaron a realizarse de xeito virtual e as persoas participantes e organizadoras, reformularon as súas prácticas para poder ofrecerlles aos nenos, nenas, familias e público xeral vídeos, obradoiros de creación literaria, contacontos, ideas para as familias e outras actividades conmemorativas artelladas a partir dos libros e da literatura.

Despois da quenda de impresións e comentarios compartidos entre poñentes docentes e alumnos/as, a xornada rematou cunha reflexión compartida sobre necesidade da cultura como ben primordial das persoas, da súa importancia educativa  e da urxencia de apoiala con políticas públicas e orzamentos adecuados na crise como os que estamos a vivir.