Esta foi unha actividade complementaria das Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Cando ler non serve para nada, coa finalidade de promover a literatura infantil e xuvenil en lingua galega e homenaxear, ao tempo, unha das súas figuras máis representativas.
Fallo do I Concurso de Relato Curto “Agustín Fernández Paz”
Reunido na Coruña, a 27 de marzo de 2018, o xurado do I Concurso de Relato Curto “Agustín Fernández Paz”, constituído por Inma Doval Porto, Iria Sobrino Freire e Mercedes Queixas Zas, decidiu conceder o premio ex aequo aos relatos
- "Gadoupa", da autoría de Guillermo Rodicio Cimadevilla
- "Timbrol e a pega", da autoría de Leticia Barbadillo Vázquez
Así mesmo, dada a calidade dos outros traballos presentados, concéderonse dous accésits a
- "O trato", da autoría de M.ª de los Ángeles Madriñán González
- "Rezar ao dragón", da autoría de Verónica Pazos García
Os textos premiados, así como os accésits serán expostos na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.
OBXECTIVO
O noso obxectivo foi potenciar a presenza de novos escritores e escritoras en lingua galega para que desperten ou manteñan vivo o vicio de ler en nenos/as e mozos/as. Quixemos fuxir da literatura infantil e xuvenil utilitaria e reivindicar o dereito a ler como fonte de gozo desde idades temperás.
PARTICIPACIÓN
Puideron participar no concurso todas as persoas interesadas en escribir para público infantil e xuvenil en lingua galega. Os textos debían ser inéditos.
PRAZO DE PRESENTACIÓN
A data límite para a recepción de textos foi o 24 de febreiro de 2018.
ENVÍO DE ORIXINAIS
As obras que se presentaron tiveron un máximo de cinco páxinas mecanografadas a espazo e medio. Non obstante, o xurado podería reconsiderar este criterio se a temática ou o necesario desenvolvemento do argumento así o requirise. Os/as participantes enviaron o texto en formato pdf por correo electrónico ao seguinte enderezo candolernonserve@gmail.com co asunto “I Concurso Agustín Fernández Paz”. Para alén dos relatos, os participantes incluiron tamén outro documento en que figuraban os seus datos persoais: nome, apelidos e teléfono de contacto.
XURADO E FALLO DO PREMIO
Unha comisión composta por especialistas no campo da literatura infantil e xuvenil selecionou un dos textos aténdose á calidade literaria, á orixinalidade e á creatividade.
Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, a teor do criterio dos membros da comisión, o premio podería declararse deserto. Este reuniuse na segunda quincena do mes de marzo e deu a coñecer a obra premiada o día 2 de abril a través da web da Facultade de Ciencias da Educación (http://www.educacion.udc.es) e da web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (http://www.aelg.gal).
PREMIOS
A persoa autora da obra premiada recibirá un vale da libraría Moito Conto por valor de 150 €. Así mesmo, o relato gañador será exhibido nun espazo público da Facultade de Ciencias da Educación. Se a comisión considerara de calidade outras obras non gañadoras, estas poderán recibir un accésit e participar tamén da dita exposición.
ACTO DE ENTREGA
O galardón entregarase nun acto organizado pola Facultade de Ciencias da Educación o 23 de abril. As persoas recoñecidas, ben co premio, ben con accésits, terán que acudir en persoa.