Chegou unha nova edición das Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, baixo o título de Compañeira, facemos a foliada.
A actividade tivo lugar o 15 de outubro, ás 17:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, con entrada libre e gratuíta. As profesoras coordinadoras da actividade foron Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire, Patricia Carballal Miñán e Andrea Maceiras Lafuente, da Facultade.
O obradoiro-coloquio contou coa presenza de:
- Icía Varela e Xosé Manuel Varela, que falarán sobre Cantareiras.
- Bea Campos, arredor de Orella pendella: obradoiro para xogar cos ditos de sempre.
A primeira parte das Xornadas estivo centrada na investigación de Icía e Xosé Manuel Varela sobre as cantareiras e o cancioneiro, que publicarán proximamente nun libro conxunto. Falaron tamén de como introducir desde as aulas a poesía e a música tradicional. Finalmente Icía Varela (voz e pandeireta) e Lucas Rama (baixo) interpretaron dous temas baseados en coplas tradicionais.
Na segunda parte, Bea Campos guiou un obradoiro sobre os xéneros da poesía infantil tradicional, a partir das pezas recollidas na páxina Orella pendella.