18 de outubro de 2014
No Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás) Curso en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega e o patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia - Xunta de Galicia
Foto da actividade
IV Xornadas de Literatura e Ensino
A Xeración Nós-outr@s
Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia - Santiago de Compostela
18 de outubro de 2014

 

A expresión literaria galega goza dun longo percorrido histórico ao tempo que amosa unha actualidade creativa que necesariamente ten que achar o seu punto de acollida e intercomunicación no ensino. O pensamento e a creación das mulleres precisa acrecentar o seu espazo de visibilidade nun ámbito de formación de lectorado crítico como é a escola.

A literatura como obxecto de estudo en si propio e/ou como ferramenta para o coñecemento transversal e a formación do individuo debe entrar nas aulas non só como conceptos teóricos, senón como modelo de reprodución para favorecer a procura da propia experiencia creativa persoal. 

Vivir a experiencia creadora en primeira persoa. Eis o reto.
Poesía, narrativa e ensaio para sentir, ouvir e ver; para ler, contar e expresar; para fascinar e transformar a realidade.
 

 
 
Obxectivos previstos:
 
  • Valorar a literatura galega, a través das diferentes voces das mulleres, construtoras de pensamento e expresión literaria, como unha ferramenta clave para a adquisición das competencias básicas.
  • Adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos.
  • Achegarse aos contidos didácticos e interactivos que as TIC ofrecen para o profesorado.
  • Reflexionar sobre a necesaria revisión e actualización da transmisión didáctica da literatura no ensino obrigatorio e posobrigatorio tendo en conta tamén a perspectiva de xénero para o avance da igualdade.
  • Reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura.
  • Coñecer e analizar as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á lectura por parte do público infanto-xuvenil.
  • Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento da linguaxe literaria para a infancia e mocidade xunto con escritoras da literatura galega.
  • Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na expresión escrita, o alumnado.

Programa

9:30-10:15 Conferencia: É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega?
María Xesús Nogueira
 
10:15–11:30 Mesa I: Imaxinarios narrativos para o século XXI.
Rosa Aneiros, Berta Dávila e Inma López Silva
 
12:00-14:00 Obradoiros I: María Canosa, Ledicia Costas, Estíbaliz Espinosa
 
16:00-18:00 Obradoiros II: María Canosa, Ledicia Costas, Estíbaliz Espinosa
 
18:00-19:30 Mesa II: O pensamento escríbese con –As (o ensaio no século XXI)
Rebeca Baceiredo, Montse Dopico e María Reimóndez
 
19:30-20:30 Lectura de conclusións e acto de clausura
 
 
 
 
9:30 – 10:15 CONFERENCIA
É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega?
María Xesús Nogueira
 
Ningunha historia da literatura é neutra, é dicir, inocente; os imaxinarios, os mitos, os tópicos que se perpetúan, foron tecendo unha rede de complicidades en torno á literatura galega como resistencia, antes que como existencia. Un campo de batalla onde os homes, como en todo relato épico (de derrotas ou de utopías), construíron a nación e, case ao mesmo tempo, o relato crítico sobre ese soño da nación. Mesmo Rosalía, ata os anos oitenta do século pasado, foi un asunto masculino, un campo de batalla entre a santiña e a raposa.
A pregunta chave: é posíbel (e desexable) unha revisión da literatura galega desde un nós plural e  alternativo?  Debemos re­interpretar  a  historia  desde  unha  Xeración  Nós­outr@s? Que ideas-­forza arredor da nosa literatura deben transmitirse no ensino medio e universitario? Desde que posicionamento teórico? Con que metodoloxía?  Poden achegar os feminismos unha visión menos unívoca dos nosos clásic@s?
 
 
 
10:15 – 11:30: MESA I
Imaxinarios narrativos para o século XXI
Rosa Aneiros, Berta Dávila e Inma López Silva
 
Que significa ser narradoras contemporáneas no contexto da literatura galega? Como conxugar o particular e o universal? O íntimo e o colectivo?
De que temas interesa escribir? A quen se dirixir ao soñar un relato? Con que fío invisible tecer as historias?
Sentírmonos responsábeis da continuidade dunha tradición cultural que denominamos literatura galega? Ou buscar camiños á marxe dela?
Sentirse  parte  dunha  comunidade literaria que poderíamos  definir como a Xeración Nosoutr@s, marcada pola conciencia de xénero? Ou, pola contra, preferir ser escritoras que se definen unicamente pola habelencia no seu oficio? Literatura como compromiso e/ou  como entretemento? Literatura a secas ou literatura desde un posicionamento consciente?
 
 
11:30 – 12:00: Encontro café
 
 
12:00 – 14:00: OBRADOIROS I (simultáneos). María Canosa, Ledicia Costas, Estíbaliz Espinosa
 
16:00 – 18:00: OBRADOIROS II (simultáneos). María Canosa, Ledicia Costas, Estíbaliz Espinosa
 
María Canosa
No obradoiro búscanse estratexias didácticas que leven a:
Activar o potencial lector; mover a vontade propia; non educar para a afección, só descubrir que é unha axuda para a vida, desenvolvendo o espírito crítico a través da visión/revisión dos textos literarios existentes, a evolución, cambios, e faltas que existen.
 
Ledicia Costas
Isto vai de escribir. De cuspir letras que reboten sobre un paraugas calquera, nun caos de sílabas e corcheas. Isto vai de música, de compoñer ata que Barber senta envexa da nosa partitura. Isto vai de Nós-outras-todas. De referencias próximas e non tanto. De percorrelas a elas e atopar o noso punto de saída. E desde aí disparar ao ceo, e que ardan as nubes de evolución. Coa nosa tinta fabricaremos a chuvia.
 
Estíbaliz Espinosa
A radiación XX»: obradoiro que se centrará no río subterráneo das voces literarias femininas, dende as clásicas até as máis recentes -con atención tamén ao ámbito literario-científico ou á literatura dixital- e a súa emerxencia na construción dun discurso feminino nesas coordenadas.
 
 
 
18:00 – 19:30: MESA II: O pensamento escríbese con ­As (o ensaio no século XXI)
Rebeca Baceiredo, Montse Dopico e María Reimóndez
 
Unha reflexión sobre a necesidade do ensaio como xénero literario que propicie o debate e o pensamento crítico no sistema de ensino; unha reflexión compartida sobre os campos de batalla (políticos, económicos, lingüísticos, institucionais...) onde se decide como pensar a nosa literatura contemporánea; un debate desde os feminismos, desde a conciencia do Outra (das Outr@s),  para  preguntarnos  que  literatura  queremos  construír  entre  tod@s e que valores poñemos en xogo cando interpretamos un texto literario que compartimos co alumnado. Porque nunca será o mesmo Filgueira Valverde que Xela Arias, aínda que ambos os dous se definan como literatura galega.
 
 
19:30 – 20:00: Lectura de conclusións e acto de clausura