A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), levou ao MUPEGA a segunda edición das Xornadas de Literatura e Ensino.
As xornadas comezaron coa conferencia inaugural Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição a cargo de Rui Torres, profesor da Universidade Fernando Pessoa do Porto.
A seguir Joseph Ghanime Lopes, profesor da escola de idiomas de Lugo, membro da Associação Docentes de Português na Galiza e dinamizador na iniciativa Pega no livro, Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, Miguel Ríos, profesor de bioloxía no IES Rosalía de Castro de Santiago e dinamizador do Club de Lectura do centro, e María José Díaz Pinheiro, profesora do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo e coordinadora do Club de Lectura, participaron nunha mesa redonda titulada Eu son do Club de Lectura, e ti?
María Lado e Lucía Aldao co espectáculo poético Con dez poemas por barba puxeron remate a esta primeira xornada.
O sábado o encontro arrincou coa conferencia Literatura infanto-xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora? a cargo de Agustín Fernández Paz, buque insignia da literatura infanto-xuvenil e recoñecido profesor, quen deu paso ao crítico literario e profesor Ramón Nicolás para falar de Celso Emilio Ferreiro no seu centenario: voz dun tempo e dunha terra. A seguir os escritores Francisco Castro, Fina Casalderrey e María Reimóndez reflexionaron nunha mesa redonda sobre o tema Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?
Coloca as túas mans sobre a poesía foi o tema que desenvolverán as intervencións de Ángel Núñez Ramos, profesor de Lingua española e Literatura no IES do Castro (Vigo), especialista na didáctica da poesía desde metodoloxías dixitais, e das escritoras Ledicia Costas e Dores Tembrás, ambas con ampla experiencia na dinamización e divulgación da literatura e particularmente da poesía a través de diversos formatos.
As xornadas remataron co espectáculo poético musical A hostia en verso, con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane.
Obxectivos
A posta en valor do Club de Lectura como formato plenamente vixente para o fomento da lectura e da escritura creativa, así como para a normalización lingüística e o achegamento á lingua e literatura portuguesa.
A revisión dos parámetros metodolóxicos actuais para a didáctica de contidos de xéneros tradicionais, con especial incidencia no poético e mais na literatura infanto-xuvenil, explorando o seu potencial normalizador coa axuda das novas tecnoloxías aplicadas á creación e á difusión.
Temas de especial interese para o profesorado -os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura, as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil, tamén no sentido da estimulación da escrita creativa- tamén terá espazo nas xornadas.
Programa
VENRES 9 DE NOVEMBRO
16:30h Conferencia: Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição
- Rui Torres
17:30h Mesa Redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?
- Joseph Ghanime Lopes
- Concha Costas
- Miguel Ríos
- María José Díaz Pinheiro
19:00h Espectáculo poético: Con dez poemas por barba
- María Lado e Lucía Aldao
10:00h Conferencia: Literatura infanto-xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora?
- Agustín Fernández Paz
11:00h Conferencia: Celso Emilio Ferreiro no seu centenario: voz dun tempo e dunha terra
- Ramón Nicolás
12:15h Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?
- Francisco Castro
- Fina Casalderrey
- María Reimóndez
16:30h Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía
- Ledicia Costas
- Ángel Núñez Ramos
- Dores Tembrás
18:00h Espectáculo poético: A hostia en verso
Con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane
Vexa aquí o programa en pdf.