A Asemblea de Socias e Socios da AELG acordou outorgar o premio INSTITUCIÓNS 2013, que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, ao asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural.

As asociacións recoñecidas no Premio Institucións 2013 foron:

 

  • C. O Galo, de Santiago de Compostela (1961), recollendo o premio Isabel Kerdudo, da Xunta Directiva.
  • Agrupaçom Cultural O Facho, da Coruña (1963), representado por José Alberte Corral Iglesias, secretario, e Rafael Galego, tesoureiro.
  • Clube Cultural Valle Inclán, de Lugo (1966), contando coa presenza de Pilar Martínez Conde ‑Pilocha-, vogal, e Tareixa Campo Domínguez.
  • Agrupación Cultural Auriense, de Ourense (1967), cuxo galardón foi recollido por Xosé Lois González, ex-presidente.
  • Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra (1967), cuxos representantes foron Augusto Fontám e Anjo Torres.
  • Agrupación Cultural Francisco Lanza, de Ribadeo (1972), premio recollido por Dores Fernández Abel, presidenta, e Alicia Sarmiento González.
  • Agrupación Cultural Avantar, do Carballiño (1974), que non puido enviar representación.
  • Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña (1976), sendo Xosé Manuel Sánchez Rei, presidente, e Ana Mourelle, vicepresidenta, quen recolleron o galardón.
  • Agrupación Cultural Lumieira, de Carballo (1976), representada por Rosalía Fernández Rial, presidenta, e Farruco Fraga, ex-presidente e vogal na actualidade.
  • Sociedade Cultural Medulio, de Ferrol (1979), que recolleu o premio a través do seu vicepresidente, Manuel Rei Romeu.

 

En nome de todos e todas Xosé Manuel Sánchez Rei, presidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, dirixiu ao auditorio as seguintes palabras:

 

Sexan as miñas primeiras palabras, que pronuncio no nome da Asociación Cultural Alexandre Bóveda e tamén en representación das outras entidades culturais amigas hoxe aquí galardoadas, de agradecemento polo premio que nos foi concedido. Mais sexan tamén de recoñecemento para todas as xuntas directivas, todas as socias e todos os socios, que, ao longo destes anos, fixeron posíbel que os nosos colectivos puidesen desenvolver unha transcendente e necesaria tarefa de proxección cultural e de defesa da lingua. Modestamente, podemos convir que ese labor fixo que o pobo galego, suxeito activo e pasivo das súas propias manifestacións culturais, se achegase máis aos seus sinais identitarios.
Como é sabido, na década de 60 e de 70 do pasado século xurdiron en diversas vilas e cidades do país agrupacións como a miña propia, Alexandre Bóveda, mais igualmente O Facho, O Galo, Lumieira,  Medulio etc. Tencionaban ser puntos de encontro e intercambio intelectual para todas aquelas persoas que, interesadas pola cultura e lingua galegas, percibían como os poderes oficiais tentaban que desaparecesen ou, no mellor dos casos, que fosen relegadas a certa casta de económico prebe ou adubamento folclórico. 
Porén, transcorridos xa bastantes anos desde a súa fundación, na actualidade continúa a ser absolutamente necesaria a existencia desas asociacións, pois algunhas persoas que desenvolven presentemente responsabilidades de goberno non gostan da arte galega, da cultura galega, da lingua galega, da literatura galega. As agrupacións culturais de base sofremos a falta de apoios económicos e vemos como os fondos públicos son destinados para subvencionaren os arranxos de igrexas ou para organizaren touradas en que morren cinco ou seis bois.
O premio da AELGa ás institucións, que este ano recae nas nosas entidades culturais, non fai senón darnos azos para continuarmos a traballar coa mesma ilusión e co mesmo esforzo con que desenvolveron o seu labor as outras xuntas directivas. Sabemos que entre as paredes dos nosos locais e nos actos que organizamos moran as persoas boas e xenerosas da nosa patria, desde Rosalía a Manuel María, desde Curros a Luísa Villalta, desde Xoán Montes a Faustino Santalices.
Co seu exemplo e tamén coa axuda de todas as socias e socios, manteremos acesa a luz da cultura, que fai os pobos seren máis resistentes á colonización e máis donos de si propios.