12 de outubro de 2019
Co patrocinio da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e a colaboración do Concello de Taboada e Casa do Romualdo
Foto da actividade
Historias de cabezóns e loitadoras

Casa do Romualdo, Vilar, Vilela, Taboada (como chegar)
Sábado, 12 de outubro de 2019 | 17:00 horas | Entrada libre

Como novidade no proxecto Polafías, gravouse en vídeo un roteiro previo con visitas e explicacións por parte de Xosé Manuel Vázquez de dous elementos patrimoniais moi interesantes:

  1. O cabezón de Ralle, busto con torques de gran tamaño custodiado nunha casa particular, evidente escultura da cultura castrexa, quizais de guerreiro ou divindade.
  2. Esgrafiados en varias casas de lugares da parroquia, uns recuperados e outros nun proceso claro de deterioración. Os esgrafiados son como encintados nos muros exteriores das casas con vontade artística, nos que poden aparecer figuras xeométricas, humanas e animais.

 

Despois do xantar interviron:

  1. Francisco Almuíña, cego que interpretou 3 romances acompañado de zanfona. Ademais contou varias historias de mulleres loitadoras.
  2. Xosé Manuel Vázquez, quen sintetizou o que se sabe sobre o cabezón e os esgrafiados (é un experto, autor dunha publicación monográfica sobre o tema, ao que enagadiu varias historias de carlistas, bandoleiros e bandoleiras, e mesmo exemplos de obras da comarca erguidas á forza por presos do franquismo.
  3. A señora Lola, quen, amais dalgunhas anécdotas, recreou o proceso de traballo do liño desde a sementeira ao tecido de diversas prendas.
  4. Antón Cortizas, escritor e actor casual que achegou algún brinquedos e recitados para a cativeria, recollidos por el.
  5. Tamén participaron representantes dunha asociación local para dar a coñecer o seu traballo.
  6. A poesía estivo a cargo de dúas poetas residentes no concello: Ana Vila Portomeñe e Ana Rey Goy.

 

Este foi o programa previo matinal:
11:30 Acollida en Casa do Romualdo
12:00 Saída cara a Ralle para coñecer a cabeza do guerreiro de Ralle e os esgrafiados, guiados polo historiador e etnógrafo Xosé Manuel Vázquez
14:00 Xantar en Casa do Romualdo.



As polafías son un proxecto da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado por Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.

A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.

O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.

O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.