6 de decembro de 2008
Co patrocinio da Área de Cultura e Deporte da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.
Foto da actividade

 

A AELG ORGANIZA UNHA POLAFÍA EN RIOTORTO

 

O sábado 6 de decembro, ás 18,00 horas, celebrouse unha Polafía no Lugar do Mazo da Fraga de Ferreiravella, na localidade luguesa de Riotorto, baixo o epígrafe “De contos cos ferreiros”, coa intervención do músico Xavier Blanco.

 

Organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Asociación Cultural “Arrincadeira” e do concello de Riotorto, e o patrocinio da Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura da Deputación de Lugo, foron coordinadores da Polafía Antonio Reigosa e Isidro Novo, divulgador e recitador, respectivamente, da que se celebrará en Riotorto.


 

 

Coordinadores: Isidro Novo e Antonio Reigosa

Mantedor-divulgador: Antonio Reigosa

Recitador: Isidro Novo

Narradores orais: Neno, Barral.

Música: Xavier Blanco e Manu.

Imaxe: Asociación Cultural "Arrincadeira".

 

 


 

Polafía

 

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións.

 

A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o rescatar do esquecemento e poñer en valor o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego.

 

O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.

 

O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; e dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores… etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, neste caso en Riotorto, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.

 

 

 

Pode ver os vídeos das Polafías na Sección de Literatura de Tradición Oral desta mesma web:

http://www.aelg.org/Polafias/MainPage.do