Os Paseos pola Coruña Literaria constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.
- Todos os paseos comezaron ás 12:00 h., cunha duración aproximada de hora e media.
Os paseos foron os seguintes:
- 30 de abril, ás 12.00 h. "O ritmo das mareas", con Teresa Ramiro.
A historia do porto pesqueiro das Xubias, o marisqueo na ría... Visualizaremos in situ os lugares máis significativos e explicarannos o pasado e presente de Oza.
- 14 de maio, ás 12.00 h. "A Coruña, capital da banda deseñada galega", con Manel Cráneo.
Reimundo Patiño, as Xornadas de cómic que se realizaban no Fórum Metropolitano a primeiros dos 90, o festival "Viñetas desde o Atlántico", as librarías especializadas, Polaqia, Demo Editorial e a plataforma Coruña Gráfica. Unha volta polo panorama autoral local.
- 21 de maio, ás 12.00 h. "Paseo imaxinario pola vida e obra de Luz Pozo Garza", con Susana S. Arins.
Os paseos imaxinarios (ou non) son unha versión fantasiosa das rutas biográficas. Exixen por parte das participantes a capacidade de se desprazar a outros lugares, pois o espazo en que se desenvolven non deixa de ser unha metáfora doutros espazos. Este paseo imaxinario (ou non) nace da lectura atenta da obra de Luz Pozo Garza e non é outra cousa que unha escusa para compartirmos os seus textos.
- 28 de maio, ás 12.00 h. "As malas mulleres", con Marilar Aleixandre.
A novela recibiu o Premio Blanco Amor en 2020, e con ela recuperamos a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Coruña, onde Concepción Arenal e Juana de Vega foron pioneiras.