O 19 de outubro, no centenario do seu pasamento, rendemos homenaxe a Florencio Vaamonde Lores (Ouces, 1860 – A Coruña, 1925), escritor, tradutor e activista cultural ponte entre o Rexurdimento literario e as Irmandades da Fala.
Cultivou o xénero lírico (Os Calaicos, Mágoas, Follas ao vento), publicou novelas e relatos de costumes (Anxélica, Bestas Bravas), destacou polos seus estudos históricos, ensaísticos, e foi precursor na tradución ao galego dos clásicos grecolatinos (Odas de Anacreonte).
Foi membro fundador da Real Academia Galega, participou na creación de entidades como as Irmandades da Fala e tomou parte en diversos faladoiros literarios como os da Cova Céltica da Coruña, onde compartía espazo con Eduardo Pondal e Manuel Murguía, entre outros.
Aínda que viviu a maior parte da súa vida adulta na Coruña, nunca perdeu o vencello coa súa terra natal: a parroquia de Ouces. Bergondo non só foi o lugar de nacemento, senón tamén o seu berce espiritual, onde se alimentou da cultura popular, da lingua e da memoria histórica que inspiraron a súa traxectoria vital, literaria e galeguista. Hoxe, lembramos a Florencio Vaamonde Lores como un símbolo de identidade de Bergondo e como un elo vivo entre o seu pasado e o seu futuro.
PROGRAMA
Se queredes asistir á Misa na memoria de Florencio, o lugar de encontro será a Fragachán de Ouces ás 9:30, onde deixaremos os coches para irmos camiñando ata a Capela de San Gregorio (tamén haberá un autobús para as persoas que o precisen). Se preferides comezar polo roteiro, contade que comezará media hora máis tarde aproximadamente ás 10:30, desde a Capela de San Gregorio.
Como chegar á Capela de San Gregorio
10:00 Na Capela de San Gregorio: o Misa na honra de Don Florencio Vaamonde Lores.
10:30 Desde a Capela de San Gregorio, roteiro literario pola parroquia de Ouces, lugar de nacemento de Don Florencio Vaamonde Lores
- Aldarete
- Casa Grande dos Vaamonde
- Casa de Jose Mª Vaamonde Malvido (tío)
- Fonte do Picho,
- Centro Social Antonia Pato Pardo (antiga escola)
- Fonte da Curuxa
- Casa do Río
- Castro de Bergondo e castro de Reboredo
- O Roibal
- Igrexa de San Xoán de Ouces
12:15 Homenaxe, acto institucional e ofrenda floral na igrexa de San Xoán de Ouces.
13:00 Na Senra:
- Faladoiro con Isabel Seoane e Teresa Amado, estudosas da obra e do legado de Florencio Vaamonde Lores.
- Actuación musical de Manoele de Felisa.
- Petiscos na honra de Florencio Vaamonde Lores.