No mes de marzo deuse a benvida á IV edición de Lugo a Versos, a campaña de O Vello Cárcere para celebrar o Día Internacional da Poesía.
Este proxecto ten o obxectivo de conmemorar e divulgar a rica poesía galega, de forma presencial e virtual. A campaña estivo aberta a toda a cidadanía e contou coa súa participación nas redes sociais e no recital que aconteceu o día 21 de marzo ás 18:00 h, no panóptico do Centro.
Bases de participación na dinámica virtual #LugoaVersos: A dinámica virtual deu comezo o 14 e rematou o 21 de marzo. Durante eses días, as persoas interesadas en participar subiron ás súas redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter) un vídeo ou audio recitando poesía, ou ben unha imaxe compartindo un poema galego en formato texto. Cada poema foi acompañado do título e da autoría correspondente (que podía ser propia ou non). Todos os vídeos, audios ou imaxes parte desta iniciativa deberon ir acompañados dos cancelos #OVelloCarcere e #LugoaVersos, e etiquetar os perfís de O Vello Cárcere (Facebook, Instagram ou Twitter).
Bases de participación no recital “Lugo a Versos” no panóptico do Centro: O recital de poesía tivo lugar o xoves 21 de marzo ás 18:00h e as inscricións estiveron abertas do luns 18 ata o mércores 20 ás 18.00h. As persoas interesadas en recitar inscribíronse a través do correo vellocarcere@lugo.gal indicando nome, apelidos, número de teléfono, e poñendo no asunto do correo ‘Recital Lugo a Versos 2024’. Durante o evento, e previa autorización das persoas participantes, graváronse as intervencións co fin de ser posteriormente publicadas na canle de Youtube do Vello Cárcere promocionadas a través das redes sociais. O acto estivo aberto ao público ata completar cabida.