O 16 de marzo de 2024 tivo lugar o acto de sinatura de nacemento da Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores, onde a AELG participou representada por Cesáreo Sánchez, presidente da entidade.
Esta é a versión en galego do documento fundacional.
CONFERENCIA DE ASOCIACIÓNS DE ESCRITORES E ESCRITORAS
REUNIDAS/OS
Na cidade de Soria, a 16 de marzo de 2024
Don Manuel Rico Rego, como presidente da Asociación Colegial de Escritores (ACE);
Don Javier López Fernández, como presidente da Asociación Aragonesa de Escritores (AAE);
Don Aquiles García Brito, como presiente de la Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE);
Don Juan Luis Bedins Pérez, como presidente da Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE);
Don Sebastià Portell Clar, como presidente da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC);
Dona María de la Almudena Mestre Izquierdo, como Secretaria Xeral da Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM);
Dona María Eugenia Salaverri García, como presidenta da Asociación de Escritores de Euskadi-Euskadiko Idazleen Elkartea (AEE-EIE);
Don Joxe Mari Carrere Zabala, como representante da Euskal Idazleen Elkartea (EIE);
Dona Marisol Artica Zurano, como vicepresidenta da Asociación Navarra de Escritores/as – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE);
Don Cesáreo Sánchez Iglesias, como presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG);
Dona Esther García López, como presidenta da Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA);
Don David Castillo Buils, como presidente da Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC);
Don José Ramón Saiz Fernández, como presidente da Sociedad Cántabra de Escritores (SCE);
Dona María José Marrodán Gironés, como presidenta da Asociación Riojana de Escritores (ARE);
Don José Manuel Vivas Hernández, como vogal de comunicación da Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX);
MANIFESTAN
Que en uso das atribucións que teñen conferidas, e sen prexuízo das facultades das asociacións ás que representan, suscriben este convenio para constituíren a Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras, cun ámbito de actuación no conxunto do Estado, e conforme ás seguintes cláusulas.
1. Obxecto.
Creáse a Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras, entidade sen personalidade xurídica, como espazo de colaboración estábel, no marco estatal, entre as organizacións que subscriben o presente convenio.
A pertenza á Conferencia é voluntaria e non implica, por parte das asociacións que a integran, renuncia, cesión ou delegación das competencias que lles son propias, nin límites á súa actuación de conformidade cos seus estatutos, nin mingua algunha na súa capacidade para actuaren ante organismos internacionais, estatais, autonómicos ou locais.
Poderán, previo acordo unánime da Conferencia, incorporarse á mesma calquera outras asociacións de escritores e escritoras constituídas conforme á lexislación vixente, sexan de ámbito estatal, autonómico ou local, que compartan os seus fins e que así o solicitaren.
2. Fins.
A Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras terá os seguintes fins:
a) Apoiar e defender os intereses e dereitos de autoras/es, escritoras/es e tradutoras/es, en particular a liberdade de expresión e o dereito á produción e creación literaria.
b) Encamiñar a colaboración entre as asociacións que a constitúen e promover os acordos de cooperación para facer habitual a práctica do traballo conxunto en asuntos de mutuo interese, así como impulsar a colaboración con outras asociacións e organismos a nivel estatal ou internacional.
c) Actuar, cando así se acorde, como interlocutor conxunto ante as institucións públicas e privadas en asuntos de interese común.
d) Organizar encontros, xornadas ou seminarios para analizar asuntos de interese para as/os escritoras/es no exercicio de súa profesión, como o desenvolvemento do Estatuto da/o Artista, os dereitos de autoría, a pirataría, a protección social, a relación coa Seguridade Social, os premios literarios, a autoedición, o préstamo bibliotecario, as subvencións e axudas á creación, a relación coas editoras, a tradución entre as distintas linguas que conviven na xeografía do Estado, enriquecen o patrimonio cultural e literario e utilizan as entidades que forman parte desta Conferencia.
e) Defender e promover o libro como soporte cultural, o fomento e divulgación da edición, da literatura e da lectura nas distintas linguas, e a colaboración con todos os sectores e colectivos profesionais e sociais que traballan no ámbito da creación, tradución, edición, distribución, venda e divulgación do libro.
f) Abordar a problemática que para o labor do/a escritor/a, para os dereitos de autoría e para a integridade e a orixinalidade das obras froito da creación de escritoras/es e tradutoras/es, xera a implantación da chamada Intelixencia Artificial (IA) e promover medidas de ámbito estatal e europeo que os salvagarden en todos os planos.
g) Colaborar na conservación, difusión e fomento do patrimonio cultural, en particular en todo o relativo á creación literaria e á edición, así como da pluralidade lingüística, teñan ou non as linguas que a integran recoñecemento oficial a nivel estatal ou de comunidade autónoma.
3. Organización e funcionamento.
A Conferencia en pleno
Cada asociación estará representada na Conferencia a través da súa presidencia ou persoa que a substitúa.
O mandato das/os representantes será indefinido, salvo que a asociación correspondente decida a súa substitución.
A Conferencia funcionará por consenso e, no seu defecto, adoptará os acordos por maioría ponderada. A estes efectos cada Asociación terá un voto, ao que se sumará un máis por cada douscentos socias/os acreditadoas/s no momento da votación. A Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE), dada a súa radicación nas Illas Canarias, unha comunidade autónoma ou rexión ultraperiférica da Unión Europea, disporá dun segundo voto á marxe do que puidese corresponderlle en caso de acreditar 100 asociadas/os.
A Conferencia reunirase, presencial ou telematicamente, dúas veces cada ano e, con carácter extraordinario, sempre que sexa convocada pola Comisión Coordinadora, ou a solicitude de, polo menos, tres das asociacións representadas.
A Comisión Coordinadora
A Comisión Coordinadora constitúese como órgano permanente e delegado da Conferencia e estará integrada por un mínimo de tres membros e un máximo de cinco, que serán designados poa Conferencia cada dous anos. Procurarase unha composición o máis paritaria posíbel de homes e mulleres e que implique pluralidade lingüística.
A Comisión Coordinadora elixirá por maioría, de entre os seus compoñentes, a persoa que ostentará a función de Coordinador ou Coordinadora Xeral, coas atribucións de convocar, establecer a orde do día da sesión, moderar as reunións, redactar e deixar constancia das deliberacións e acordos que se adopten. Así mesmo, actuará como Secretario ou Secretaria de Actas da Conferencia.
A Comisión Coordinadora elixirá por maioría outra persoa que ostentará a condición de Vicecoordinador ou Vicecoordinadora Xeral, que substituirá en caso de ausencia o Coordinador ou Coordinadora Xeral.
A Comisión Coordinadora poderá delegar nalgunha das asociacións a execución dos seus acordos. En caso de xerarse un gasto, os demais compoñentes farán a correspondente achega á asociación á que corresponda esa execución.
A Comisión Coordinadora poderá convidar á Conferencia, para que informen nas sesións que teña previsto celebrar, a técnicos/as ou expertos/as en cada materia e a representantes das institucións que procedan, sexan de ámbito local, provincial, autonómico ou estatal.
Así mesmo, poderá convidar colectivos que puidesen verse afectados en calidade de observadores e sen dereito a voto e a representantes de entidades do sector do libro e ámbitos afíns.
4. Gastos.
As asociacións membros da Conferencia faranse cargo dos gastos de viaxe e estancia das súas persoas representantes no lugar onde teña previsto celebrar as súas reunións. Os gastos que se deriven do funcionamento da Conferencia serán sufragados polas asociacións membros mediante a súa repartición proporcional.
Non obstante o disposto no apartado anterior, a Conferencia procurará fontes de financiamento exterior que poidan cubrir tanto os gastos de desprazamento como os de celebración das reunións.
5. Duración e disolución.
A Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras constitúese por tempo indefinido. Calquera dos seus compoñentes pode abandonala en calquera momento mediante notificación ao Coordinador ou Coordinadora Xeral.
Poderá ser disolta mediante decisión unánime dos seus compoñentes. Quedará automaticamente disolta se a abandonan todos ou todos menos un.
Disposición adicional.
1. O presente convenio traducirase ás linguas que empregan as asociacións que o subscriben.
2. Ademais da denominación en castelán da Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras, empregaranse as correspondentes denominacións nas demais linguas aludidas no apartado anterior, linguas que deberán ter unha presenza axeitada nas súas actividades.