Memoria literaria Lugo. Ao abeiro do convenio coa Deputación de Lugo do ano 2023

LUGO, EPICENTRO DA LITERATURA GALEGA DE TRADICIÓN ORAL

A cidade de Lugo e a provincia da que é capital, territorio pertencente  á Comunidade Autónoma de Galiza, viron incrementadas notablemente nas décadas precedentes as actividades culturais en xeral e moi especialmente as relacionadas coa literatura oral.

Trátase de actividades de periodicidade regular e moi diversificadas, que atenden dunha maneira global aspectos como a formación, divulgación, representación e implicación social, que se van consolidando ano tras ano co obxectivo de converterse en permanentes e así contribuír, como un valioso elemento dinamizador, ao desenvolvemento sostible da cidade e o da súa área de influencia, o que significa, na práctica, toda a provincia de Lugo.

Esta vitalidade arredor da literatura oral, enfocada a converter Lugo en “Capital galega da Literatura de Tradición Oral”, é consecuencia da combinación de factores complementarios como a creatividade do tecido social e a determinación das institucións políticas locais en beneficio da comunidade local e da súa conexión co resto do mundo.

Determinante pois a implicación das principais institucións responsables da política cultural, tanto desde a local, área de Cultura do Concello de Lugo, como a provincial, vicepresidencia e área de Cultura da Deputación de Lugo. Ambas administracións públicas, amais de exercer o necesario liderado dedican recursos regulares que permiten desenvolver con plena satisfacción os diferentes programas en marcha.

A este compromiso institucional imprescindible súmanse iniciativas como as que desde hai arredor de 17 anos vén promovendo, tanto na cidade como na provincia de Lugo, desde a súa Sección de Literatura de Tradición Oral a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

 

Aquí pode verse o informe completo:

https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/antonio-reigosa/paratextos/9805/memoria-literaria-da-cidade-de-lugo