Do 30 de outubro de 2023 ao 14 de novembro de 2023
A AELG colabora con esta actividade da Universidade da Santiago ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística

Esta actividade enfócase como continuación dos Cursos de Formación. Os camiños nas narrativas literarias e artísticas da Literatura Infantil e Xuvenil, dado que desde 2020 non se puideron levar a cabo no seu formato habitual anterior.

Está orientada á formación do futuro profesorado de Educación Infantil e Primaria, e a todo tipo de mediador/a, no seu quefacer profesional no marco de ámbitos básicos como son a formación artístico-literaria e a comprensión e expresión escrita e lectora.

Tiveron lugar estes catro encontros:

- O 30 de outubro, de 12:00 a 13:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Aprender as palabras para cambiar o mundo, con Paula Carballeira.

- O 6 de novembro, de 12:30 a 14:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Do falado ao escrito. Literaturas de ida e volta, con Antonio Reigosa.

- O 8 de novembro, de 19:00 a 20:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Formación de Profesorado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela: Encontro con Antonio Reigosa.

- O 14 de novembro, de 16:00 a 17:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Formación de Profesorado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela: Encontro con Antía Yáñez Rodríguez.

 

 

Na Facultade de Ciencias da Educación (campus norte) de Santiago de Compostela, o encontro coa escritora Paula Carballeira tivo lugar o día 30 de outubro, de 12.00 a 13.30 horas, no salón de actos da facultade, mentres que o encontro co escritor Antonio Reigosa foi o día 6 de novembro de 12.30 a 14.00 horas na aula 1 da facultade, por mor dun problema de espazo de última hora. Baixo o título “Aprender as palabras para cambiar o mundo”, Paula Carballeira falou da importancia da palabra, da importancia de contar e de facer teatro na aula. Así mesmo, deu algúns apuntamentos teóricos de porqué e como facelo, para despois exempli ficar con obras e tamén a través dunha contada. Pola súa parte, Antonio Reigosa centrou a súa intervención “Do falado ao escrito. Literaturas de ida e volta” na importancia de recompilar os materiais de transmisión oral, facendo fincapé na responsabilidade que os futuros e as futuras docentes teñen á hora de salvagardar a lingua galega e os costumes, mitos, lendas, personaxes propios etc. de Galicia. Falouse da súa experiencia e de como se fixo isto nas súas obras.

Na Facultade de Formación de Profesorado, o encontro con Antonio Reigosa tivo lugar o día 8 de novembro de 19.00 a 20.30 horas, mentres que o encontro con Antía Yáñez foi o 14 de novembro de 16.00 a 17.30 horas; ambos os dous leváronse a cabo no Salón de Actos da Facultade. Para o seu desenvolvemento, iniciouse cada encontro cunha serie de preguntas sobre o oficio de escritor, tendo en conta o perfil concreto de cada invitado, para logo ir explorando a súa obra infantil e xuvenil. Deste xeito, non só se presentaban as creacións de maior interese para o futuro profesorado, senón que se profundaba no seu coñecemento e nos aspectos máis salientábeis. Ademais, tamén se lles preguntou por temas de interese: no caso de Reigosa, polo seu labor de divulgación da tradición oral a través da web Galicia Encantada e diversos proxectos que se vinculan con ela; no de Antía, pola súa colaboración na revista Luzes, onde reflexiona sobre temas de actualidade dende unha visión crítica, mais tamén conciliadora e empática. Para acompañar as intervencións, o público asistente recibiu un folleto , a nivel informativo, sobre a persoa invitada e a súa obra. Finalmente, os encontros remataron cunha quenda de preguntas por parte do alumnado.