A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB) organizan unha homenaxe a XABIER P. DOCAMPO, escritor e mestre, namorado do cinema, guionista e director de programas de radio, contador oral, activista da renovación pedagóxica e da causa da dignidade da lingua galega.
Haberá actividades diversas para dar a coñecer a obra do que foi PREMIO NACIONAL DE LITERATURA.
E comezamos cun ciclo para ir preparando a grande homenaxe que estamos argallando para o mércores 29 de maio ás 20:30 no Teatro Rosalía de Castro. Ese será o día grande, mais queremos facer tres encontros para falar de vagar con dous amigos e unha amiga de Xabier, para falar del, do seu xeito de traballar, sempre cóbado con cóbado con outros creadores, da súa obra literaria, da súa afección pola maxia do cinema… Un pequeno ciclo que titulamos Xabier P. DoCampo na voz d@s amig@s.
Mércores 3 de abril ás 20 h con Mª Jesús Fernández: Xabier P. DoCampo, TRADICIÓN E MODERNIDADE.
Mª Jesús Fernández comparte con Xabier P. DoCampo a profesión de mestra, unha longa amizade e o amor común polas palabras soñadas e contadas á xeración máis moza. Ela é, como unha das primeiras lectoras da obra do noso escritor, grande coñecedora da evolución da obra literaria de Xabier P. DoCampo, convertida hoxe na obra dun pioneiro, un dos pais da Moderna Literatura Infantil e Xuvenil de Galiza.
Mércores 10 de abril ás 20 h con Óscar Sánchez, Martin Pawley: O CINEMA DE XABIER: DO LADRÓN DE BICICLETAS AO FÍO INVISÍBEL.
Xabier P. DoCampo foi un grande cinéfilo, e ademais un cinéfilo consciente, alguén que coñeceu e reivindicou a especial natureza da linguaxe fílmica. Unha vida son miles de películas; entre todas elas, paga a pena recordar algunhas imaxes, algúns recordos, algunhas experiencias compartidas.
----
Xa tivo lugar a conferencia:
Mércores 27 de marzo ás 20 h con Xosé Cobas: PARELLA DE FEITO.
Xosé Cobas, foi amigo persoal e ilustrador da meirande parte da obra de Xabier P DoCampo.
Como traballaron xuntos dous grandes da creación, Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas? Como foi o día a día diso que denominamos PARELLA DE FEITO na elaboración de tantos libros fermosos?