Unha iniciativa de Implicadas, coa colaboración da AELG
Foto da actividade

Entre os días 7 e 14 de abril visitou Galiza a escritora e activista india Thamizhachi, que ademais de ser unha das voces máis prestixiosas da escrita poética en lingua támil, tamén é unha traballadora incansable a prol da palabra das mulleres.

 
T. Sumathy, coñecida no mundo literario como Thamizhachi Thangapandian, ten colaborado con Implicadas nos programas de cooperación ao desenvolvemento en Támil Nadu, e a súa visita a Galicia é unha das actividades que realizamos dende a ONGD no marco do proxecto REACTIV_ARTE. Thamizhachi é licenciada en filoloxía inglesa con especialidade en literatura inglesa polo Thiagarajar Arts College de Madurai, en Támil Nadu (India). Entre o 1996 e o 2008 traballou como docente no Queen Mary’s College de Chennai; recibiu como investigadora unha bolsa do AIC (Australia India Council) en 2004 e doutorouse pola University of Madras en 2010.
 
Ademais de ser unha poeta de gran recoñecemento en lingua támil, as súas áreas de interese inclúen as literaturas poscoloniais (en particular de Sri Lanka e de Australia); literaturas da diáspora (en particular da diáspora támil de Sri Lanka), a tradución, crítica e as artes escénicas (o teatro támil).
 
Ata o momento, publicou 12 obras en támil: Enjottu Penn (2004), Uravukal – Espo (2004), Vanapechi (2007), Pecharavam Ketilaiyo (2009), Manjanathi (2009), Naveenathuvavaathi Kamban (2010), Katru Konarntha Kadithangal (2010), Kalamum Kavithayum (2010), Soll Thodum Thoram (2010), Pampadam (2010), Aruhan (2011), Mayileragu Manasu (2012), Manvasanai (2013); e unha en inglés: Island to Island: The voice of Sri Lankan Australian Playwright: Ernest Thalayasingham Macintyre (2013). Hoxe en día, dedícase en exclusiva á escrita e á interpretación. 
 
 
Velaquí o programa de actividades nas que participou a escritora:
 
8 de abril ás 19h na Biblioteca Pública Central de Vigo: Encontro en colaboración co Centro de Documentación e Recursos Feministas do Concello de Vigo.
 
9 de abril ás 20h na Libraría Lila de Lilith (R/ Travesa, 7 Santiago): Encontro en colaboración coa plataforma A Sega. “A lingua e a literatura como ferramenta de empoderamento feminista”.
 
11 de abril de 16 a 20 horas, no local de Implicadas no Desenvolvemento (R/ Barcelona, 86. Vigo): Obradoiro de escrita con autoras organizado por Implicadas e Apiario.
 
12 de abril ás 20:30h no restaurante Da India (Rúa Puerto Rico, 2. A Coruña): Cea (aberta ao público xeral) con Thamizhachi e coas voluntarias de Implicadas.
 
13 de abril ás 10:45h no Teatro As Torres de Santa Cruz de Oleiros: Charla en colaboración coas Bibliotecas de Oleiros para estudantes de secundaria.
 
13 de abril ás 19:30h na Biblioteca do Centro Ágora (A Coruña): Encontro en colaboración coa AELG.
 
 
A visita de Thamizachi enmárcase no proxecto REACTIV_ARTE organizado por Implicadas e financiado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.
 
REACTIV-ARTE é unha iniciativa promovida por Implicadas no Desenvolvemento (www.implicadas.com) que vincula a arte e o activismo feminista no marco da cooperación ao desenvolvemento. Esta idea materialízase na visita de tres “artivistas” de Támil Nadu, o estado do Sur da India no que traballa Implicadas dende o ano 1998.
Esta iniciativa entende que a cultura e a arte son ferramentas poderosas do cambio social. Así, as compañeiras que nos visitarán dende o Sur destacan polo seu uso da creatividade e o pensamento para intervir e cuestións fundamentais como a representación discriminatoria das mulleres no imaxinario, a visibilización de orientacións sexuais heteroxéneas e o traballo contra a violencia de xénero.
Estas visitas teñen como obxectivo compartir e arremuiñar artistas galegas e támiles ao redor de proxectos artísticos concretos que axuden a cambiar tamén as relacións desiguais Norte-Sur, sobre todo en canto á representación das mulleres. Mais tamén teñen como obxectivo superar a visión das artistas como meras/os altofalantes de causas concretas e velas/os no seu papel de activación da cidadanía.