As actividades tiveron a súa orixe nunha moción do grupo de goberno que foi aprobada na sesión plenaria celebrada pola Corporación Municipal o 26 de xaneiro. Nesta proposta recollíase declarar o 2015 como Ano Lois Pereiro e darlle o nome do poeta á Casa da Cultura e á Biblioteca Pública Municipal.
Os actos, abertos á participación da cidadanía, comezaron ás 11:45 h coa recepción á familia de Lois Pereiro, e ás autoridades e invitados/as.
Ás 12:00 h celebrouse o acto de nomeamento da Casa da Cultura de Monforte de Lemos como CASA DA CULTURA POETA LOIS PEREIRO e da Biblioteca Pública Municipal como BIBLIOTECA PÚBLICA POETA LOIS PEREIRO, dándose lectura á acta da sesión plenaria onde se recolleu este acordo.
Ás 12:15 h abriuse a Biblioteca Pública Municipal e realizouse o selado de diferentes libros de e sobre Lois Pereiro co novo selo coa súa imaxe.

A partir das 12:30 h, no salón de actos da Casa da Cultura, desenvolveuse un acto aberto ó público no que participaron varios autores/as pertencentes á Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG). Este acto comezou coa presentación da tenente alcalde, Mª Xosé Vega, e as intervencións da concelleira de Cultura, Pilar López, e de Xosé Manuel Pereiro; seguiu co saúdo do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e continuou coa lectura de textos de Lois Pereiro por parte, entre outros/as, dos e das escritores/as Rosalía Fernández Rial, Manuel Rivas, Xurxo Souto, Antón Lopo, Mario Regueira, Iago Martínez, e Mercedes Queixas. Entre as diferentes lecturas, o músico monfortino Gonzalo Herrero interpretou breves pezas musicais.
O Concello encargou unhas chapas con estrofas de poemas de Lois Pereiro, chapas que se repartiron entre as persoas que asistiron ao acto.
A xornada conmemorativa rematou ás 21:00 h cun concerto na Praza de España a cargo dos grupos Vera Lynn e Os tres trebóns.
Por outra banda, as portas de acceso á Biblioteca Pública Municipal foron rotuladas coa imaxe do poeta e o nome que a partir deste sábado denomina a este centro de estudo e lectura.
Ademais das actividades programadas para este sábado, ao longo do ano 2015 desenvolveranse varios actos sobre a figura de Lois Pereiro. O primeiro deles levouse a cabo o día 9 de abril e tivo coma escenario os tres IES da cidade.
García, integrante do grupo Diosketekrew, e o cantautor punk Leo, ofreceron ao estudantado de bacharelato unha charla-actuación para divulgar e motivar á mocidade na participación dos actos do sábado día 11.
García e Leo teñen musicado varios poemas de Lois Pereiro, ademais Leo (filólogo e profesor de galego) é un erudito na obra do escritor e poeta monfortino.
As charlas foron ás 10:15 h no IES Daviña Rey, ás 12:00 h no IES Río Cabe, e ás 13:25 h no IES A Pinguela.
Todas estas actividades contan co patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.
