A revista O Salmón Oval é un medio para axudar a difundir o uso da lingua galega nos usos máis formais ligados ao deporte do rugby. Editáronse de tres exemplares, cada un deles enfocado nun momento concreto da actualidade do rugby internacional. Dirixida especialmente aos xogadores e ás xogadoras, adestradores, árbitros e seareiros en xeral. Conta con diferentes seccións que abranguen contidos centrados na historia do rugby, na actualidade dos equipos e das ligas tanto da galega como das ligas internacionais; ademais atende de xeito especial os dous equipos de rugby da cidade de Pontevedra: o Mareantes e o Pontevedra.

A revista conta cun deseño sinxelo e de calidade. As diferentes seccións en que se dividirán as páxinas d’O Salmón Oval están elaboradas por persoas que coñecen ben a materia, especialmente aquelas seccións que están enfocadas a diferentes aspectos técnicos.

O primeiro número foi de marzo, o segundo da primavera e o terceiro do verán, sempre de 2015.

 

A edición da revista inscríbese nun proxecto xeral homónimo, unha campaña para promover o uso do galego no mundo do rugby e sensibilizar os equipos e seareiros de Pontevedra sobre a importancia e as vantaxes de usaren a nosa lingua tamén no eido do deporte. A campaña artéllase arredor de dúas liñas de acción: sobre os usos orais e informais, a través dos primeiros obradoiros dirixidos especificamente a promover o uso do galego entre os seareiros do rugby, e sobre os usos formais, coa primeira revista sobre rugby en galego.

O feito de que a revista faga parte dun proxecto máis amplo fai que incida na normalización do galego dun xeito transversal nun ámbito determinado, ben estudado por tanto o ámbito de actuación.

No seo dos equipos de rugby de Pontevedra hai actitudes moi favorables ao galego, polo que o obxectivo debe ser reforzar estas actitudes e favorecer o coñecemento e o aumento das competencias lingüísticas das persoas que adestran e dos seareiros e seareiras. Por outra banda, a lingua é un forte elemento de identidade e os equipos deportivos explotan ao máximo calquera trazo identificador que reforce o sentimento de grupo e de unidade. Así, o obxectivo fundamental desta campaña é manter as actitudes favorables ao galego e incrementar os seus usos, especialmente entre os máis novos.

O Salmón Oval explora e aproveita as posibilidades que ofrece o mundo do rugby en Pontevedra, onde o número de fichas por habitante é a máis alta do país. Malia que o galego está presente nos usos orais de moitos adestradores, árbitros, xogadores e xogadoras dos equipos de rugby galegos, non hai presenza do galego nos contextos formais arredor deste deporte.

O Salmón Oval é, polo tanto, unha iniciativa pioneira neste ámbito en Galicia. Está impulsada pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, coa colaboración do escritor e xogador de rugby Isaac Xubín para a edición da revista, de Nova Xestión Cultural para a organización dos obradoiros e dos clubs de rugby de Pontevedra.

 Volvendo á revista, outros aspectos transversais da publicación son promover o deporte e prácticas físicas saudables; incluír a mirada de xénero e o deporte feminino, xa que o rugby é un dos deportes onde máis axiña se integraron as mulleres; fomentar a lectura e a creación literaria e ampliar o coñecemento sobre a cultura galega en xeral e incidir no respecto ao medio natural e o coñecemento do territorio. Neste sentido tiveron cabida as colaboracións literarias obxecto do convenio entre AELG e SXPL, expresamente escritas para a revista por Elvira Riveiro, Anxo Angueira e Eli Ríos, tituladas respectivamente “Scrum”, “Rugby” e “Terceiro tempo”.