O 25 de xuño tivo lugar na biblioteca da Sagrada Familia, en Barcelona, o fallo da quinta edición do V Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia, no que colabora a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Por parte da AELG foi Sonia Varela Pombo, profesora da Universitat Autònoma de Barcelona, quen fixo parte do xurado, que tivo en conta a orixinalidade de ideas, así como o contido literario e científico.
En galego resultou gañador na categoría de adultos José de la Sota Rius con "Lección de Anatomía", sendo finalista “A catro anos de aquí” de Benigno Yáñez Pérez.
Na categoría xuvenil o primeiro premio foi para o relato “Cando mañá non exista”, unha visión apocalíptica da Terra, da autoría de Aldara García Solar, e foron finalistas “A danza” de Sabela Domínguez Souto e “O inverno e as rosas” de Ángela Lamas Gómez.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega premia os gañadores cunha praza no obradoiro de creación literaria da Escola de Escritores-as da AELG que escollan.

