INSPIRACIENCIA é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa da que participa a AELG e que relaciona a ciencia e a literatura dunha forma lúdica e participativa. A ciencia e a literatura recorren á creatividade para encarar novos retos e combinadas poden xerar novas e frescas ideas en direccións imprevisibles. Inspiraciencia pretende ser un espazo aberto onde pensar e imaxinar a ciencia, desde a ficción.
Estes foron os premios de 2014:
PREMIO DO PÚBLICO
TODOS OS IDIOMAS
ADULTO
Primeiro premio: relato “Papá, mataré a tu asesino” de Milagros Marín Alejo (Granada)
JUVENIL
Primeiro premio: relato “Tentasidiosis” de Eric Matamoros Morales (Amposta. Tarragona)
PREMIO INSTITUCIONAL
ÉUSCARO
ADULTO
Primeiro premio: relato “Berriz ere zu” de Arantza Iturrioz (Santander. Cantabria)
Finalista: relato “Bi buru” de Josu Leunda Arrizabalaga (Lezo. Guipúzcoa)
XUVENIL
Primeiro premio: relato “Buruhauste” de Irene Echeverria Altuna (Donostia. Guipúscoa)
Finalista: relato titulado “Pilula itzultzailea” de Aintzane Gascón Salaberria (Abertura. A Coruña)
GALEGO
ADULTO
Primeiro premio: relato “O bosón G de Higgs” de Ana Belén Rodriguez (Ames. A Coruña)
Finalista: relato “Da computación” de José Ángel Menéndez Lucas (A Coruña)
XUVENIL
Primeiro premio: relato “Camiño de Lembranzas” de Cristina Salgado Blanco (A Coruña)
Finalista: relato “Mariña” de Elba García Penas (Pontevedra)
CATALÁN
ADULTO
Primeiro premio: relato “Encens i màquina” de Jordi Carbonell Parrot (Barcelona).
Finalista: relato “La mar” d’Eva Garcia Toledano (Barcelona).
XUVENIL
Primeiro premio: relato “El nen que volia ser nombre pi” de Paula López Martí (L'Hospitalet de Llobregat. Barcelona).
Finalista: relato “Assassinat insospitat a la casa dels Taylor” de Mariano Pascual Aranda (Esparreguera. Barcelona).
ESPAÑOL
ADULTO
Primeiro premio: relato titulado “El teorema”, de Lorenzo Martín Pérez (Mérida. Badajoz).
Finalistas: relatos “Amor orogénico” de Rosa María Mateos Ruiz (Granada) y “Cerebro auxiliar” de Fátima Doña Molinero (Granada).
XUVENIL
Primeiro premio: relato “Sin identidad” de Judith Bruguera (Barcelona).
Finalistas: relatos “El espejo de Schrödinger” de Beatriz Nozal (Alcalá de Henares. Madrid) y “Mis osamentas de Tiranosaurio” de Marta García Ayerbe (Zaragoza).
Estas son as palabras que Malores Villanueva, que participou no xurado en representación da AELG, pronunciou no acto de entrega de premios:
En primer lloc vull felicitar els guanyadors i les guanyadores per la qualitat que han demostrat. Escollir sempre costa, però quan hi ha textos tan bons encara costa més. També vull felicitar l’organització d’Inspiraciència i molt especialment la Laura Valls, que és la persona que coordina, que fa la feina dura, la feina invisible perquè el que es veu sigui meravellós; i sempre la fa amb un somriure. Gràcies, Laura.
Inspiraciencia non é un premio máis, porque intenta unir a literatura co mundo científico, realidades que moitas veces se presentan como contrapostas na sociedade, pero que este certame demostra que non é así, que a cultura non ten lindes, como tampouco ten unha lingua, igual que non a ten a ciencia. En tódolos idiomas podemos expresar o que desexamos e grazas á intercomprensión románica podo falarvos en galego e entendédesme, ou non? E sabedes a razón, porque as linguas non teñen fronteiras se hai xente intelixente que ten a vontade de comprender. Por iso hoxe estamos en Barcelona comunicándonos en catalán, en castelán, en galego, en éuscaro. Certo é que esta última resúltanos incomprensible e non sería así se tiveramos un sistema educativo que facilitase a comprensión das linguas do estado, que é o que nós hoxe estamos a facer aquí.
Para a literatura galega ter presenza fóra do seu ámbito natural e xeográfico e estar hoxe aquí compartindo espazo coas demais linguas é moi importante. Para a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, a quen hoxe teño a honra de representar, é sempre unha aposta promover e/ou apoiar todas as iniciativas que axuden a visibilizar a nosa creación literaria en calquera lugar do mundo, así como apoiar a aqueles foros que convidan a escribir e, ademais, a dar o salto do ámbito privado ao público. Entendemos que, neste momentos en que tantas portas se pechan para a publicación, o reforzo das convocatorias de premios é un estímulo irrenunciable.
Este concurso tamén recibe o apoio da Editorial Galaxia, unha empresa creada o Día da Patria Galega, o 25 de xullo de 1950, en pleno franquismo, para publicar libros en galego. Non hai nada similar no resto do estado naquel momento, polo que sesenta e catro anos despois estea apoiando esta iniciativa demostra que segue viva e segue a tender pontes co mesmo espírito co que naceu: fomentar a cultura e a lingua propias.
Establecer redes entre as linguas sempre é un motivo de celebración, dende logo éo para Asociación de Escritores/as en Lingua Galega. Nun tempo no que se camiña cara á uniformidade de maneira moi clara no campo científico, estar hoxe aquí mostrando a riqueza creadora de cada pobo, compartila e celebrala é para sentirse satisfeitos e cómplices deste proxecto. Longa vida a Inspiraciencia que nos enriquece, que mostra a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa ciencia, en definitiva, que nos fai crecer como país.
Malores Villanueva


Estas foron as bases en 2014:
1. Poderá participar calquera persoa que presente un relato orixinal -en calquera das linguas do concurso (catalán, español, éuscaroou galego)- que estea inspirado nunha temática científica.
2. Os orixinais estarán escritos en catalán, español, éuscaroou galego. Deberán ser inéditos e non ser premiados en ningunha outra convocatoria, certame ou premio literario, nin ser publicados en ningún outro medio ou blog persoal.
Modalidades e categorías
3. O concurso ten unha única modalidade competitiva:
Relatos curtos dunha extensión máxima de 800 palabras
4. Os participantes poderán participar nunha das seguintes categorías:
Público adulto (a partir de 18 anos), ou
Público xuvenil (de 12 a 17 anos)
5. Os participantes deben rexistrarse nunha das dúas categorías e poden enviar un relato en calquera das linguas do concurso. Cada participante poderá presentar máis dun relato, e un máximo de catro relatos, sempre que estean escritos en linguas distintas.
Presentación dos relatos
6. Os orixinais deberán publicarse no sitio web do concurso: www.inspiraciencia.es. Previamente haberá que rexistrarse a través dun formulario dispoñible no mesmo sitio web.
7. Os participantes poderán acceder á súa conta co nome de usuario e unha contrasinal. O pseudónimo será o nome co que se asinarán os relatos que se queiran publicar.
8. O prazo de presentación de relatos pecharase o 4 de maio de 2014.
Premios
9. Os premios outorgaranse durante o mes de xuño de 2014, nun acto que se anunciará oportunamente.
10. O concurso prevé un premio institucional para cada categoría e lingua, e un premio do público. Os premios serán dispositivos electrónicos, libros de divulgación, cursos de escritura ou talleres similares.
11. A organización do concurso resérvase o dereito de declarar deserta a convocatoria se considera que os orixinais presentados non alcanzan a calidade mínima necesaria.
Xurado e criterios de valoración
12. Para o premio institucional designarase un xurado que valorará as contribucións e proporá os gañadores. O xurado estará formado por figuras recoñecidas dentro do mundo da cultura en sentido amplo (ciencia, literatura, arte, divulgación) e anunciarase oportunamente.
O concurso dispón dun equipo de moderación para que os relatos poidan saír publicados de xeito áxil. Este equipo encárgase tamén de facer a preselección dos relatos que pasará ao xurado.
13. Para valorar os relatos terase en conta a adecuación á temática, a calidade literaria, a orixinalidade do enfoque, ademais da creatividade e a imaxinación.
14. O premio do público decidirase a través dunha votación en liña dos participantes previamente rexistrados. Durante o período de votación, que se anunciará oportunamente, cada participante poderá dar un único voto por relato, sen restrición do número de relatos votados.[1]
O premio do público premiará os relatos máis votados das dúas categorías, con independencia da lingua na que se escribiron.
Participación
15. A participación neste concurso presupón a aceptación das bases.
16. Os relatos gañadores poderán ser publicados en medios físicos e/ou dixitais sempre mencionando os nomes dos autores.
[1]Medida introducida por proposta dos participantes para que o premio do público garanta unha calidade mínima dos relatos gañadores que se elixan por decisión popular.