O presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, participou no acto de inauguración con esta intervención:

 

Na inauguración da Biblioteca Pública Municipal Rego da Balsa de Carballo.


Con gratitude ao Concello de Carballo, ao seu alcalde por me convidar a este día de celebración da cultura.

Inaugurar unha biblioteca pública é un profundo acto de amor para co noso idioma, é un profundo acto de amor á humanidade e é un acto de irrenunciábel esperanza. É, en fin, chantar os íntimos alicerces onde asentar as pedras basilares da arquitectura da nación que soñamos.
A biblioteca é coma un grande corazón no que os libros que irán enchendo os seus andeis son o torrente sanguíneo do saber, son eses formosos obxectos que conteñen as vellas verdades universais e tanto labor en mancomún: a condición ética que nos move.
Unha biblioteca, aínda que feita en clara e formosa arquitectura, sempre é un casal antigo, pois é gardador das fontes claras da memoria do ser humano, tamén da nosa.

As escritoras e os escritores galegos somos tamén en grande parte fillos das bibliotecas. Delas recibimos hábitos de lectura, nelas aprendemos a compartir e, co pasar dos anos, a elas, ás bibliotecas, entregamos os nosos froitos, os froitos do noso traballo na voz inextinguible do noso idioma, onde os materiais do espírito humano vivirán en historias e personaxes capaces, en palabras de Faulkner, de axudar aos galegos a lles alixeirar o corazón, lembrándolles a esperanza, o orgullo de Sermos Nós e a solidariedade como palabra necesaria da dorida realidade do noso tempo.

Esta biblioteca acollerá a historia de Carballo que, inscrita con letras de ouro, forma parte da historia da nosa Nación; acollerá os libros dos seus fillos e fillas ilustres, mais nela tamén aprenderán os rapaces e rapazas a ler a liña da vida nas maos labregas, amorosas, populares que defenderon Baldaio, que nos defenden en Corcoesto.
 Hai momentos da historia dun pobo onde a súa dignidade está más maos de mulleres e homes que defenderon fértiles areais, a Terra de noso, xenerosa, amada, que é como defender a Nación toda.
 
O verdadeiro ouro da Nosa Terra é o noso idioma, os libros que dende hoxe habitan esta formosa biblioteca.

Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Carballo, 24 de outubro de 2014
 
 
A fototeca desta actividade é da autoría de Distrito Xermar.