15 de maio de 2013
Unha iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)e o Departamento de Árabe da E.O.I. da Coruña
Foto da actividade

O mércores, 15 de maio, ás 18.30, na Escola Oficial de Idiomas da Coruña (Rúa Pepín Rivero, 1), coa presenza de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e de Celeste Seoane Míguez, Xefa do Departamento de Árabe da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, descubriuse a placa que dá o nome do poeta palestino Mahmud Darwish á aula 21.

O acto contou cun recitado da poeta Yolanda Castaño.

 

Mahmud Darwix estivo en Galicia no ano 2006 para recibir o Premio da AELG “Escritor Galego Universal” na súa primeira edición.

 

 

Mahmud Darwix

 

 

 

 

Nado en Birwa, aldea de Galilea (Palestina), pasa alí a súa infancia até 1948, data en que a súa familia é forzada ao exilio no Líbano. Cando os seus pais tentan retornar a ela é para constatar que a súa aldea foi destruída e substituída por unha colonia xudaica. Diríxense entón para Dayral-Assad, onde viviron en semiclandestinidade.

Este home, que non pertenceu a ningún partido político, que venerou a patria, tornouse o portavoz de todo un pobo, alén do seu mellor representante no mundo.

Foi o fundador e director dunha das principais revistas literarias árabes, Al-Karmel, cuxos arquivos foron destruídos polo exército israelí, no cerco a Ramallah.

Mahmud Darwix é un dos máis grandes poetas árabes contemporáneos. Soubo mesturar a beleza do verbo e a profundidade do sentido. Soubo describir o sufrimento palestino, mais tamén a determinación do seu pobo a opoñerse, sobrevivir, ser. Recoñecido como a voz da Palestina, a súa pluma soubo deseñar o contorno dos soños e as aspiracións do pobo palestino.

Os seus poemas cruzaron rapidamente as fronteiras palestinas. O poema “Identidade” converteuse nun himno cantado en todos os países árabes. É coñecida a intensidade da súa poesía, constantemente preocupada pola exploración das posibilidades rítmicas e melódicas da lingua árabe. Do mesmo modo, coñecedor da lingua hebrea, a súa poesía alberga constantes referencias á Biblia, ao Corán ou Exipto, e apréciase unha notábel carga simbólica e unha fundamental preocupación estética. Este poeta tendeu coa súa obra pontes entre ámbitos culturais de diversa natureza que habitualmente permanecen arredados uns doutros.

Soubo cantar o amor, a resistencia, o sufrimento e a esperanza, e resumirá en 2002, durante a segunda Intifada, a capacidade de resistencia dos palestinos con estas palabras: «Sufrimos dun mal incurábel que se chama esperanza.» 

Faleceu o 9 de agosto de 2008.