A Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, que organiza este ano a XXX edición do Premio de Novela Longa “Blanco Amor”, promove, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, un ciclo de faladoiros con algúns dos gañadores/as de anteriores edicións.
Na escolma de autores/as procurouse garantir a presenza daqueles escritores que gañaron nas edicións do Premio organizadas por concellos da comarca.
Nestes faladoiros, sempre ás 19:00 e na Casa da Cultura do Concello de Fene, tanto o condutor/a como o público participante dialogarán co/coa autor/a gañador/a do Premio Blanco Amor sobre a obra do autor/a e nomeadamente da obra coa que gañou o Premio.
O primeiro destes faladoiros, conducido por Mercedes Queixas, tivo lugar o 20 de setembro coa participación de Víctor F. Freixanes, gañador do Blanco Amor organizado polo concello de Mugardos en 1982, coa novela “O triángulo inscrito na circunferencia”. O seguinte faladoiro contou coa presenza de Xavier Alcalá, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Culleredo en 1998, coa novela Alén da desventura, quen falou sobre esta obra nun acto conducido por Alfredo Ferreiro. O xoves, 25 de outubro, achegouse a Fene Valentín Carrera, presentado por Tati Mancebo.