A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura da Coruña quere mostrar así o seu agradecemento a Perfecto Estévez, deseñador referencial do noso país, e que ten colaborado coa AELG en tempos difíciles.
O acto presentado por Dores Tembrás, contará coa presenza de:
Lois Diéguez
Francisco X. Fernández Naval
Yolanda Castaño
Xulio L. Valcárcel
Marica Campo
Diana Varela
Cesáreo Sánchez
Xavier Seoane
Haberá unha actuación musical de César Morán e X. Taboada.
Na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, tamén en Durán Loriga, 10, pódese visitar Exposición homenaxe a Perfecto Estévez organizada pola Concellaría de Cultura da Coruña (vexa aquí o catálogo).
PERFECTO ESTÉVEZ: AFIADOR DE ESTRELAS
Como ourensán levaba sempre prendida esa faísca do nimbo de Auria, ledicia mesturada coa tristura do
que matina e busca. Afiador de formas, profundador entre as negras sobras da Galiza, facéndose a si
mesmo: liña a liña, mancha a mancha de cor, pincelada a pincelada, volvendo sobre o aprendido, desprenderse, repetir, tentar, buscar e atopar as súas posibilidades como debuxante, como creador, pintor e
deseñador. Feito para improvisar nun país que compre redebuxar. E así, co seu saber ás costas entregouse a causas solidarias. Coñecémolo dende os rebeldes anos setenta, gañando concursos de cartelismo na
Rúa de Petín, nas “Xornadas de Cine” de Ourense, no Carballiño… e sempre re-creando, teorizando tamén
sobre os vellos códigos das tradicións, sobre Castelao ou Luís Seoane. Coincidimos en Ourense, arredor da
“Agrupación Cultural Auriense”, cando a Cidade das Burgas e dos Artistiñas fervía en ansias de sensibilización para entrar na democracia, cando tamén en Castrelo do Miño se facía un encoro que asolagaba a
mellor veiga do Ribeiro do Miño, cando un vendaval derrubaba a “Araucaria” da horta da Casa Grande de
Trasalba e don Ramón Otero Pedraio abría as cancelas do Trasmundo, cando nos cuarteis de Hoyo de
Manzanares eran pasados polas armas cinco mozos, marxistas e nacionalistas, e Aute cantaba “Al Alba”,
John Lenon “Imagine” e Miro Casabella “O meu país”...
Perfecto Antonio Estévez García, Millán Picouto, Marcos Valcárcel, Fernández Naval, Monxardín,
Valcarcel… algúns deles espreitantes alumnos dun anovador catedrático de literatura do Instituto o que
abría novos camiños pra entender que somos actores da nosa propia Historia de Galiza, era Francisco
Rodríguez Sánchez. Profesor atento a todo, o mesmo que acometía ó “Informe Dramático sobre la Lengua
Gallega” de Alonso Montero: un idioma non morre cando os falantes non queren i trenzan en harmonía
teoría e praxe. Castelao, Marta Harnecker, Memmi, Wilhelm Reich, Beiras... eran algunhas das lecturas
daqueles anos. En todo acto público había ese debate que tanto se bota de menos hoxe.
Eran os anos nos que en Ourense morría Ferro Couselo, a soedade de Xocas, esvaíase o ronsel de “Nós”...
cando tamén se albiscaba á luz do fin do longo túnel e se tentaba anovar o herdo, cando a tradición das
tertulia saía de ilustradas catacumbas de viño e palabra, librerías como a de “Tanco”, de “O Volter”, co
“Tucho” ó frente, oficiando nunha especia de santuario con murais de Xosé Luis de Dios, de Quesada,
Virxilio, Conde Corbal, versos de Tovar, máximas de Risco... Sempre arredor de “Nós”, da Galiza. Naqueles
anos Perfecto animou e uniu a creadores, fundou os grupos “Galrexo”, “Galicia Imaxe”, e sempre se
sumou e participou en colectivas, homenaxes, con cartafoles e cartaces da súa autoría, anunciando, normalizando... Onde estivese Ourense e Galiza estaba a súa ansia creadora.
interior perfecto este?vez IMPRIMIR:interior pilar pérez 17/1/11 11:13 Página 12
Coincidimos novamente na Coruña con Perfecto Estévez. “Na fronte unha estrela, no bico un cantar...”
dende células partidarias participamos no renacer do periódico semanal “A Nosa Terra”, pedimos colaboracións ós artistas e temporalmente fixemos posibles realidades, nas que tamén estaban moitos outros creadores. Luís Seoane, nos seu derradeiro ano de vida, escoitou e prestounos auxilio e conversa no seu estudio da Torre de Riazor, Xurxo Fernández, Pepe Barro estaban nesa mesma andaina, como moitos outros bos
creadores e deseñadores de formas que logo, buscaron vida e repartíronse pola xeografía creativa do país.
Nesas mesmas ansias naceu a “Asociación Cultural “Alexandre Bóveda”, entre moitos outros con Pilar
García Negro, Cesáreo Sánchez, Carlos Vales, Tello, Perfecto... aqueles creadores mozos estaban aquí, a
un tempo que se facían panfletos, pancartas… eran os anos do Moncho Valcarce Vega, crego, voz popular
dos labregos das Encrobas, de Baldaio... cando en Xove se proxectaba unha nuclear... a boa man e rotulación de perfecto Estévez, o dominio do lapis, das plantillas, do pincel, do aerógrafo ou do aerosol, deixábase ver. As pancartas eran cadros con frases e símbolos, e así se foi configurando a súa arte, influenciada polo pancartismo e o xestualismo do grafíteo. Sabeo ben Manuel Lourenzo, Santiago Fernández,
Pillado Mayor, das artes escénicas, cando na Coruña creaban unha sala de teatro estable co nome de “Luís
Seoane”. Entón Perfecto Estévez pon a súa man para dar unha nova imaxe, identidade de Galiza: facianas con ollos ben abertos, espreítantes ó infindo, ó porvir, pozos, espirais, ollos como os que pinta Díaz
Pardo. E sempre, por derriba de todo, soles, espirais que nacen de fouciñas e se fan estrelas. Grafismo,
xestualismo poético, figuración deformada, abstracción, experimentación coa mancha, a liña, as combinacións xeométricas... tenta non perderse en estéticas, senón afondar na ética. Arte solidaria, compromiso no “Fronte Cultural”, coas “Xornadas do Ensino de Galicia”, no deseño e ilustración de libros, o
éxito da “Historia de Galiza” da A.N.P.G, en moitas obras de Manuel María. Arte que nacía e se facía das
limitacións de recursos. Para pagar unicamente coas grazas... e ás veces nin con eso. Moitos temos e conservamos como parte de nós cousas del, para ser como unha bandeira, un berro, unha xanela aberta á
vida, a Galiza, unha permanente chamada a ser e a estar na terra e no tempo.
Por aquí e hoxe seguen ensombrecidos pola grandilocuencia imperante –a que tamén obnubila a nosa
Historia- os creadores dos anos setenta, a súa e o seu compromiso, cando eles sementaron tantas cousas.
Compre perspectiva histórica para entender que o século XXI comeza a abrirse nestes anos. Era imprescindible nese tempo e hoxe Perfecto Estévez.
Seguímolo en diferentes empresas, como creador e axente publicitario, con encargos para a editorial
“Espiral Maior”, para a Universidade da Coruña... a súa ansia creadora non se paraba no lenzo, nos tubos
de acrílico ou no que se merca nas droguerías. Sabía que o creador bástalle calquera cousa para improvisar algunha creación: o ordenador, as novas tecnoloxías abren a novos horizontes, e neso estaba, como
sempre, re-creando sobre o enigma da liñas, as mesturas da cor, procurando impactar, comunicar, aguilloar. E sempre Galiza na espiral.
Leal á Terra, ós amigos, á casa, á súa compañeira Iolanda. Perfecto Estévez, creador de estrelas en ceos
azuis sobre a imperfección da terra, agradounos e agrandounos a vida, faísca de luz que forma parte inseparable de Nós.
Felipe Senén