A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, dentro do marco da campaña de promoción da lectura A Cidade que le [http://acorunacultura.org/acidadequele/], quixo levar adiante a iniciativa Feira da Poesía, que tivo lugar o día 24 de abril, de 18.00 a 21.00, no Quiosco Alfonso, coincidindo así coa Festa do Libro da Coruña (días 21 a 25 de abril).
A Feira da Poesía quixo ser un espazo de encontro persoal e literario entre a cidadanía da Coruña e comarca e os/as seus/súas poetas.
No Quiosco Alfonso dispúxose unha mesa para cada poeta á que se achegaron os lectores/as para conversar e solicitar do autor/a un poema dedicado, ben manuscrito, ben impreso.
Á entrada da Feira da Poesía, o Concello agasallou os lectores/as cun cartafol conmemorativo no que pulderon recompilar todos os poemas adquiridos.
Paralelamente, habilitouse un espazo de lectura pública no que os/as poetas que se sumaron á iniciativa foron recitando rotativamente.
A AELG, dentro do marco de colaboración que mantén coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, participou desta iniciativa coordinando a actividade.
A Feira contou coa participación de: Francisco Xosé Fernández Naval, Estíbaliz Espinosa, Lois Diéguez, Paloma Calvo, Eduardo Estévez, Antía Otero, Xabier Seoane, Eva Veiga, Alberte Suras, Ánxeles Penas, Olga Patiño, Begoña Paz, Xosé Abeal, Eli Ríos, e Diana Varela Puñal