En breve sairá do prelo esta nova achega videográfica da Aelg. Co patrocinio de Centro Español de Derechos Reprográficos e a Deputación Provincial da Coruña.
Foto da actividade

É obxectivo prioritario para a Aelg que a sociedade visualice os escritores/as en lingua galega e a súa obra.

A creación do Centro de Documentación da Aelg hai xa cinco anos leva compilando para a súa divulgación en rede unha gran cantidade de datos referentes aos nosos socios e socias, así como a dixitalización de extractos das súas obras e paratextos varios.

Recadar constancia videográfica da súa voz creadora e da súa palabra máis persoal foi o segundo paso, que nos permite agora facer esta terceira entrega en DVD de dobre capa, e que reflicte o ánimo de continuar coa iniciativa nacida en 2007. Recóllense agora 31 das gravacións realizadas durante as entrevistas mantidas cun total de 152 escritores/as até a data, representantes dos diferentes xéneros literarios nestas últimas décadas. O proxecto terá continuidade tanto na edición de máis DVDs como na realización de máis entrevistas.

A estrutura das gravacións é común e consta de dúas partes: na primeira, o escritor/a dá lectura dun fragmento literario dunha obra clásica galega escollida polo propio autor/a como referente e máis dunha mostra representativa da súa obra. Na segunda parte, o escritor/a responde á pregunta que fai referencia á xénese da súa vocación autoral.

Agradecemos a todas e todos pola súa ben disposta colaboración, así como ao Museo Provincial de Lugo, Museo do Pobo Galego, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), Fundación Luís Seoane, Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, Concellaría de Cultura do Concello da Coruña,  Galería Sargadelos de Ferrol, Libraría Couceiro de Santiago de Compostela e Libraría Torga de Ourense, así como á Deputación Provincial da Coruña e ao Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), por nos axudaren a construír o marco oportuno para que estas gravacións sexan hoxe un novo agasallo colectivo.


Esta é a listaxe de autores/as recollidos nesta edición:

Alfredo Ferreiro
Emma Couceiro
Estíbaliz Espinosa
Luís G. Soto
Tareixa Roca
Xoán Abeleira
Henrique Rabuñal
Teresa Seara
Baldo Ramos
Camilo Franco
Asunción Arias
Isaac Alonso Estravis
Luís Martínez-Risco
Xerardo Méndez
Xosé Carlos Caneiro
Agustín Fernández Paz
Fran Alonso
Francisco Castro Veloso
Laura Caveiro
Ledicia Costas
Marga do Val
María Reimóndez
Marta Dacosta
Rafael Laso Lorenzo
Román Raña
Isidro Novo
Carlos Negro
Rosa Aneiros
María Xosé Lamas
Medos Romero
Agustín Fernández Paz